A crise financeira internacional semella non ter chegado aínda á industria militar; ou cando menos non fixo branco nela coa mesma forza que noutros sectores. Os cen principais fabricantes de armas do mundo facturaron 411.000 millóns de dólares en 2010, un 1 por cento máis que o ano previo, segundo un estudo do Instituto Internacional de Estocolmo de Investigación para a Paz (SIPRI, siglas en inglés).
Este é o maior ingreso xerado polo complexo militar mundial pola comercialización do armamento que produce desde 2002, ano en que o SIPRI iniciou as súas investigacións sobre seguridade internacional, armamento e desarme. Os datos de 2010 demostran, unha vez máis, a capacidade dos actores principais de continuar coa venda de armas e servizos militares, a pesar da crise financeira que afecta actualmente a outras industrias, di o SIPRI.
Con todo, a taxa de crecemento foi significativamente menor que o 8 por centro rexistrado en 2009 e o mais probable é que isto non obedeza á crise financeira senón á retirada das tropas estranxeiras de Iraq e a conseguinte diminución esperada nas vendas de equipos.
No período 2002-2010 as vendas de armas por parte das cen principais empresas creceu un 60 por cento, agrega o informe, segundo o cal das empresas analizadas en 2010, 73 están asentadas en EEUU e Europa occidental e xeran máis do 90 por cento das vendas. Os primeiros lugares no grupo dos principais fabricantes de armas mantivéronse sen cambios desde 2009, coa empresa estadounidense Lockheed Martin como a máis importante e o grupo británico BAE Systems no segundo posto; seguidos das estadounidenses Boeing, Northrop Grumman e General Dynamics.
Claro que sería de moi mal pensar que é aí onde radica a explicación última da teimosa actitude dos gobernos desta área xeopolítica, tan comprometida sempre coa defensa da democracia e do respecto aos dereitos humanos como influída polos lobbies do sector, por incentivar o recurso permanente aos medios militares para resolver conflitos políticos alá onde xurdan (foi en Libia recentemente e antes nos Balcáns, mañá poderá ser en Siria) e mesmo por atizar tensións (Asia-Pacífico) alá onde se mantiñan nun nivel basicamente moderado. Podería ser, pero xa se sabe que non é.
Os orzamentos para 2013 do exhausto Pentágono contemplan recortes, por primeira vez desde 1998. Pero haberá razóns sobradas para que esta industria non entre en números vermellos. No mesmo exercicio, o Pentágono prevé gastar en Asia-Pacífico 2.800 millóns de dólares máis que en anos precedentes. A carreira de armamentos en cernes será un bo acicate para algunhas contas de resultados. Seguirán sen saber da nosa crise.