Unha análise de Martín Boado Carro (estudante en prácticas da USC)

Kazajstán e as minorías étnicas e relixiosas: a man esquerda de Nazarbayev

Ao longo da Historia, Kazajstán nutriuse de moitas e diversas culturas, relixións e civilizacións como principal resultado do comercio, de migracións intercontinentais ou de conquistas. A denominada Ruta da Seda serviu de enlace tanto a modo de transporte como de transmisor ideolóxico entre todas estas etnias e as diferentes culturas.

Apartados xeográficos Asia
Idiomas Galego

Ao longo da Historia, Kazajstán nutriuse de moitas e diversas culturas, relixións e civilizacións como principal resultado do comercio, de migracións intercontinentais ou de conquistas. A denominada Ruta da Seda serviu de enlace tanto a modo de transporte como de transmisor ideolóxico entre todas estas etnias e as diferentes culturas.

Kazajstán atópase no medio do camiño entre Europa e Asia e está chamado a ser un punto de encontro entre o Leste e Occidente. Nel coexisten alomenos uns 130 grupos étnicos, ao redor de 40 confesións e o número de asociacións relixiosas aumentou de 670 no 1990 ata 4.170 no ano 2010. Aproximadamente, o 65% da poboación son kazajos fronte ao 26% dos rusos – o ruso figura como un dos idiomas oficiais do país – e cunha rica variedade de nacionalidades minoritarias como ucraínos, uzbekos, tártaros, uigures, kirguises, polacos, bielorrusos ou, mesmo, alemáns.

Kazajstán é un país maioritariamente islámico, xa que preto dun 70% da poboación confesábase musulmán no ano 2009. A maior parte son sunnitas da escola de Hanafí, por unha minoría da rama Shafi’i (de maneira especial os chechenos). Porén, o 30% restante da poboación confésase cristián ortodoxa da Igrexa rusa, aínda que tamén existen minorías xudaicas, hindús ou budistas, entre outras. Esta crecente variedade de grupos de distinta índole relixiosa emerxeu trala independencia de Kazajstán como estado de seu e a súa desvinculación da caída Unión Soviética, na cal a liberdade relixiosa estaba limitada. Esta ampliación dos dereitos relixiosos comezou a fraguarse nos primeiros pasos do independente país kazajo, a través da nova Constitución e dunha lei relixiosa.

Durante a construción do país trala independencia, o presidente Nursultán Nazarbayev alentou o recoñecemento da identidade das diferentes minorías – aínda que sempre mantendo un certo poder de control sobre elas –, ademais de potenciar a identidade do propio pobo kazajo. Nazarbayev proclamou a necesidade de fomentar un pensamento e comportamento cívico por riba do nacional, de xeito que a sociedade civil respecte e conviva pacificamente coas distintas realidades culturais do país, independentemente da nacionalidade. Non se trataría, por tanto, de encarreirar á totalidade da poboación nunha cultura de identidade e lingua kazaja hexemónica, senón de promover a inclusión e aceptación das diversas orixes.

En consecuencia, o goberno apoiou múltiples medios de transmisión cultural para as minorías (prensa escrita, revistas, televisión, radio ou, incluso, teatros). Existen máis de dous mil colexios bilingües e case un cento deles ensinan exclusivamente en linguas minoritarias. A Asemblea do Pobo, como órgano de representación de máis de cen grupos étnicos e das corenta relixións que conviven no país eurasiático, é unha cámara con poder consultivo das  minorías e garante a protección dos dereitos e liberdades dos cidadáns, independentemente da súa nacionalidade. Ademais, é referente de iniciativas e festivais culturais co fin de preservar as minorías étnicas e as súas culturas. Esta cámara encárgase de levar a cabo o transcendental diálogo que compre a unha sociedade tan diversa para permitir que os diferentes grupos podan convivir sen tensións graves.

Aínda así, o goberno acusou a algúns grupos relixiosos de tratar de fender a orde cívica co pretexto de aprobar a Lei sobre Actividades Relixiosas e Asociacións Relixiosas. Segundo esta, todo grupo relixioso debería rexistrarse de novo e pasar o corte gobernamental para ser oficialmente aceptado. O número de relixións recoñecidas reduciuse case á metade, mentres que preto dun milleiro de asociacións non foron admitidas. Coa escusa de peneirar a presenza de grupos relixiosos extremistas, as autoridades botan man de redadas e persecución policial sobre os denominados grupos relixiosos “non tradicionais” – os grupos relixiosos máis minoritarios como as Testemuñas de Xehová, os bautistas ou os musulmáns sufís –, aínda que non manifesten indicios de actividade “extremista”. Un claro exemplo disto é a recente detención de dous activistas acusados de axitación social por publicar nas redes varias citas dun libro que o réxime caracteriza como extremista.

Nos últimos anos, Kazajstán ven acollendo tamén múltiples eventos e conferencias entre diversas culturas e relixións, como o World Public Forum, Dialogue of Civilizations, organizado por primeira vez en Kazajstán no ano 2003. Outras como Dialogue of Confessions Is Vital á cal acudiron organizacións árabes, cristiáns ortodoxas ou protestantes, entre outras, tamén foi organizado no país centroasiático. Kazajstán acolleu igualmente o primeiro Congreso dos Líderes mundiais das Relixións Tradicionais no 2003, así como os catro seguintes dende o ano 2006 ata a actualidade.

A gran riqueza étnica que caracteriza ao máis grande dos países centroasiáticos fai de Kazajstán un estado chamado a contribuír no progreso da tolerancia étnica e relixiosa, ademais de fomentar as medidas de inclusión na sociedade dos grupos máis minoritarios. A pesar dos problemas acontecidos con varias minorías no país kazajo, semella que este resulta ser máis un problema político que de tolerancia ou inclusión. Ben é certo que o goberno emprega algunha destas normas – como a lei da relixión – para tratar de evitar unha deriva opositora contra as elites políticas lideradas polo presidente Nazarbayev. Pola contra, cabe destacar que Kazajstán é un país no que os conflitos entre os distintos grupos sociais – tanto étnicos como relixiosos – son case inexistentes.

A formación da poboación dende unha perspectiva multicultural – en lugar da predominancia da etnia kazaja – é unha das claves da normalización e a inclusión social das minorías. Ademais, a reiteración de eventos e a presenza mediática de todas as culturas, unido á existencia da Asemblea do Pobo, facilitan o labor. Sen ser perfecto, o seu pode que sexa un exemplo a valorar na orde da convivencia en diversidade, que sempre require de moita man esquerda.