Kirguizistán: A carreira pola presidencia


 Clic para aumentar
O candidato opositor que estaría máis en forma sería Felix Kulov, ex vicepresidente, encarcerado hai uns catro anos por presunta corrupción, liberado hai unhas semanas en plena revolta. O novo Parlamento encargáralle a supervisión dos corpos de seguridade do país, pero renunciou á encomenda logo de impoñer un pouco de serenidade e dar por rematados os disturbios e a pillaxe en Bishkek nun par de días.
 

Comezou a carreira presidencial no país centroasiático, se ben as eleccións kirguisas, previstas inicialmente para o 26 de xuño, se retrasen por mor dunha resolución do Parlamento, e quedarán fixadas cando se aprobe na Asemblea a dimisión de Akaiev. A Constitución kirguisa di que as eleccións deben convocarse nos tres meses seguintes á dimisión do presidente, pero aínda que o ex presidente Askar Akaiev resignouse a firmar o documento polo que renuncia á presidencia perante unha delegación do actual parlamento do seu país na embaixada en Rusia, a Asemblea rexeitouna por tres veces.

Na capital, en Bishkek, xa se especula sobre a próxima polémica que se vai xerar arredor destes comicios, un temible “circo”, semellante ás anteriores eleccións. O que máis chama a atención dos kirguises é a forma en que se vai desenvolver a campaña: os que militaban xuntos en contra do mesmo inimigo, Askar Akaiev, agora vanse enfrontar para acadar o máximo poder.

Quen se adiantou na saída foi o presidente interino Bakiiev, afirmando estar disposto a enfrontarse a quen fose para lograr a presidencia. A noticia non sorprendeu a ninguén porque coma presidente en funcións debe promover as candidaturas á presidencia.

Tampouco houbo sorpresa nas respostas. Adajan Madumarov, aliado de Bakiiev ó compartires ó liderazgo das revoltas que derrocaron a Akaiev, propúxose coma candidato opositor ó presidente en funcións. Ademais deles, poderíanse presentar dous candidatos favorables ó presidente Akaiev. Un deles viría a ser un antigo ministro, e o outro, o cofundador do partido do fillo de Akaiev, Aydar.

Ó igual que no anterior réxime, a oposición seguirá a actuar dispersa, xa que as diferentes ambicións dos candidatos que se han de presentar son máis fortes co común denominador a defender: unhas ideas de democratización, limpeza electoral e un compromiso anticorrupción que deberían ir por diante.

Todos eles teñen poucas posibilidades, aínda que concorresen ás urnas coma un bloque conxunto, porque a fama de Bakiiev é superior, como dirixente económico e como presidente dunha provincia kirguís. O candidato opositor que estaría máis en forma sería Felix Kulov, ex vicepresidente, encarcerado hai uns catro anos por presunta corrupción, liberado hai unhas semanas en plena revolta. O novo Parlamento encargáralle a supervisión dos corpos de seguridade do país, pero renunciou á encomenda logo de impoñer un pouco de serenidade e dar por rematados os disturbios e a pillaxe en Bishkek nun par de días.

De momento, Kulov non fixo ningún comentario sobre a súa candidatura cara ás eleccións presidenciais, pero quen o coñece non dubida en caracterizalo como un político cunha grande ambición e capacidade organizativa. Os kirguises cren que logo desa renuncia vai vir o anuncio da súa candidatura. Segundo as informacións locais, se houbese un enfrontamento entre Bakiiev e Kulov, quen obtería maior vantaxe sería Kulov porque, coa súa intervención, a pillaxe rematou sen moitos incidentes, e conta cun historial de loita contra o réxime de Akaiev, un loitador tan carismático que incluso foi ó cárcere por defender as súas ideas en contra do réxime. Asemade, os kirguises ven na imputación do delito de corrupción que levou a Kulov ó cárcere unha escusa do presidente Akaiev para quitarse do medio un rival político incómodo. Despois de saír do cárcere, a Corte Suprema declarou a Felix Kulov non culpable dun dos delitos, abuso de poder, que se lle atribuíra cando fora Ministro de Interior de Akayev nos anos noventa. Polo que parece, a Corte tamén pode declaralo inocente do segundo delito, polo que tería vía libre para presentarse ás eleccións. En contra da candidatura de Kulov pesa o feito de non falar kirguís de forma fluída, como case todas as persoas que viven no norte de Kirguizistán, a zona máis rica do país.

Fronte a el sitúase Bakiiev, de Jalalabad, no sur do país, representando ás zonas máis pobres do territorio kirguís. Este enfrontamento é a extensión do conflito rexional que sofre a poboación kirguisa: un conflito polos recursos e a atención dos dirixentes, no que o sur leva todas as de perder. O poder sempre se concentrou arredor da capital, situada no Norte, e de xurdir problemas, as primeiras atencións as recibe o Norte.

Ademais da división Norte e Sur, a confrontación política que preocupa ós kirguises ten outro referente, a loita polo poder entre os clans locais, unha confrontación típica da política kirguisa e que non vai deixar de existir logo da marcha de Akaiev ó estranxeiro. A cúpula de poder non vai cambiar este sistema porque beneficia ás clases que xa teñen a súa posición firmemente asentada na sociedade, polo tanto se pode dicir que o único que cambiou en Kirguizistán foron as mans nas que estaba o poder.

En resumidas contas, o xogo político segue adoecendo das mesmas prácticas que as existentes con anterioridade á revolución dos tulipáns. A carreira comezou, pero non se sabe cando rematará. Unha revolución que non é tal e acumula máis atrancos dos previstos. Uns queren aceptar a renuncia de Akaiev para preparar os comicios, e outros non queren aceptala para así poder destituílo e que non obteña a inmunidade dos ex presidentes.

Os cambios no réxime de Kirguizistán evidencian que a substitución dun presidente por outro non significa que xiren as tornas para a poboación, anque si pode deparar un significado moito mais profundo para os actores exteriores con ambicións xeopolíticas. Pero esa invocación oportunista ás masas pode transformarse nun boomerang que propicie unha contrarrevolución do descontento.