Lexitimidades

A democracia americana semella abocada a ter que inventarse a terceira lexitimidade. Fronte á ilexitimidade golpista, podiamos destacar ata agora a lexitimidade democrática, asentada esencialmente na idea de cidadanía; e a lexitimidade revolucionaria, inseparable do concepto de vangarda que co apoio das masas faise co poder político. En Washington, a Corte Suprema, leva camiño de edificar a terceira lexitimidade, a xurisdiccional, para saír do intrincado labirinto do polémico reconto de votos. Despois de máis de cinco semanas de ir e vir e cos 25 representantes designados pola Cámara de Florida, os xuíces do Supremo formulan un fallo confuso e complexo que, en resumidas contas, invita a Gore a renunciar para evitar unha "investidura xurisdiccional" que desvirtuaría a esencia democrática da elección.

Máis alá do fastidio e do cansanzo da opinión pública, cómpre salientar a enorme fortaleza da sociedade americana. Quizáis porque o poder no país máis poderoso do mundo está tan fragmentado que aínda cos "sucesores" pelexando entre si, un Presidente pode despedirse unha despedida desde Belfast porque todo vai funcionando coma se nada. Ou que realmente o poder non está donde parece e radica neses outros poderes que non precisan eleccións para ser lexitimados.