Congreso do PCP: ¡O debate continúa!

Rematou o Congreso que o Partido Comunista Portugués celebrou esta fin de semana no Pavilhao Atlántico de Lisboa. Tal e como se agardaba, os 1.600 delegados asistentes viñeron confirmar maioritariamente a liña máis tradicional, pero ofrecendo atisbos claros que indican que algo está a mudar nas filas do comunismo portugués.

Este XVI Congreso era especialmente importante pois na fase preparatoria numerosos dirixentes centrais e rexionais, algúns deles moi activos na crise de comezo dos noventa contra os chamados daquela “renovadores”, aínda mantendose no Partido, agrupados arredor do manifesto “Novo Impulso” manifestaran o seu desexo de iniciar transformacións que ultrapasaran as voces comúns de resistencia antisistémica. Nesa liña, este foi o Congreso do adeus ás responsabilidades de militantes históricos como Edgar Correia, Emídio Ribeiro ou António Andres e Helena Medina. Outros que dubidan, como Jose Soeiro, responsable do Alentejo, quedan; pero sen abdicar da crítica e do discurso habitual, en todos pousou unha sensación de que o debate non está pechado e que precisan gañar tempo para artellar outro discurso.

Nesta ocasión, non houbo unanimidades valeiras e si expresións de discrepancia cualitativamente moi significativas. A Resolución Política foi aprobada con 45 abstencións e 29 votos en contra, cifras pequenas dirán algúns pero moi alonxadas da media ducia de anteriores Congresos. No Secretariado, na Comisión Política, garántese a presencia dunha discrepancia leal que vai gañando espacio nunhas bases militantes que contemplan con preocupación o enfraquecemento do Partido: o PCP conta hoxe con 9.000 militantes menos que en 1996 e soamente un 20 por cento da súa militancia ten menos de 40 anos. En termos electorais, en dúas décadas pasou do 19% ao 9% actual. Na Asemblea da República conta con quince deputados.

Os termos en que se deu o debate, sen alterar aínda as bases internas do centralismo, alonxan a idea do fraccionalismo e de recurso á disciplina para acalar. Destacados representantes do discurso alternativo manteñense no seo mesmo dos órganos dirixentes aínda que globalmente o seu peso minorou. Octavio Teixeira, o líder do grupo parlamentar, ou António Lopes, responsable de Viana do Castelo, continúan nos órganos dirixentes do Partido. Sigue tamén Agostinho Lopes. A voz máis seguidora de Alvaro Cunhal, ausente do Congreso por razóns de saúde, foi expresada por Jose Casanova, director do semanario partidario, o “Avante”. Pero o propio Carlos Carvalhas, secretario xeral, nadando entre dúas aguas para expresar esa grande querencia pola unidade, distanciouse no seu discurso final das posicións máis tradicionais para apostar por unha renovación indispensable. O Congreso, pois, consolidou un debate que permanece aberto.