Lusofonía

A xulgar polas conclusións do último cumio da CPLP (Comunidade de Países de Lingua Portuguesa) celebrado a finais de marzo, Brasil, coas súas inmensas e cada vez mais recoñecidas potencialidades, non soamente lidera economicamente o continente sudamericano senón tamén o conxunto de forzas que converxen na lusofonía. Os países participantes no citado encontro coincidiron en reclamar que o portugués pase a ser a sétima lingua oficial da ONU e que un dos seus integrantes (Brasil) pase a ser membro permanente do Consello de Seguridade.

O portugués, ademais de ser máis falado ca o francés ou o ruso, ten un marcado carácter global. A penas un 5% dos que falan portugués residen en Portugal, de xeito que a maioría vive en Sudamérica (85%) e África-Asia (10%), con importantes diásporas en Europa, Xapón e Norteamérica. A maioría das linguas teñen os seus falantes no país de orixe ou no seu entorno máis inmediato. Pola contra, o portugués, como o castelán ou o inglés, é falado, de vello, en numerosos recunchos do planeta, unha circunstancia que non é allea ás vicisitudes do protagonismo económico do Imperio lusitano que tanto se fixo presente en África ou no océano Indico como xestionou boa parte do comercio na ruta Brasil-Macao.

Institucionalmente, esta circunstancia vese reflectiva na propia conformación da CPLP, onde, a diferenza dos bloques organizados polas potencias coloniais arredor do inglés, o francés ou o holandés, a antiga metrópole non exerce a hexemonía, senón que vai da man da maior das súas colonias, Brasil, cun liderado global estimulado durante o mandato de Lula que acentúa a súa singularidade. A afinidade xeolingüística, reforzada polo feito de ser a primeira lingua en todos eles (a diferenza das estruturas doutros imperios como a Commonwealth onde non participan países tan significativos como EEUU ou Irlanda, poñamos por caso) é a clave dunha entidade fundada en 1996 e que baixo o liderado ascendente de Brasilia, malia as súas contradicións e reservas, vai collendo impulso político e estratéxico.

Galicia ten aquí unha oportunidade de ouro para asegurar a rendibilidade da súa especificidade lingüística. Debería facelo coa mirada posta no fomento do diálogo político e no aproveitamento das oportunidades comerciais (incluída a industria cultural), definindo unha estratexia que teña en conta a CPLP como tal, a través da identificación de mecanismos de achegamento formal, e tamén de carácter bilateral en función da definición de prioridades e do sinalamento dos contidos de maior proxección de futuro e interese común, misturando a dinamización pública coa participación privada.

Brasil é un dos actores emerxentes que conta cun maior recoñecemento mundial. Galicia conta con mecanismos de alto valor cualitativo (lingua, diáspora…) para instrumentar unha relación rica en contidos e con capacidades de aproximación que outros quixeran para si. Por riba de liortas lingüísticas e deixando outros prexuízos de lado, cómprenos vontade e unha mínima dose de sensatez e pragmatismo para tirar proveito do actual momento histórico evitando deixar pasar circunstancias tan favorables.