Europa sen políticos

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Pode que nunca na súa historia teña pasado Europa por unha miseria política como nestes tempos tan complexos, e que por iso requiren cabezas políticas do máximo nivel, onde mandan medianías políticas, ás veces cunha certa dimensión nacional, pero case nunca, por non dicir que nunca, sen ideas europeas propiamente ditas.

Produce un certo desconcerto o anticuados que son os políticos que hoxe teñen nas súas mans os destinos de Europa. A idea moderna de Europa, como unidade cultural, económica e política, que se foi construíndo no século pasado, despois da  segunda guerra mundial, está ausente da súas cabezas.

Esa idea de Europa naceu das novas realidades mundiais creadas pola interdependencia dos problemas, pola incapacidade de resolveren as vellas nacións cuestións de defensa, de economía e mesmo de ciencia –a Euratom é un bo exemplo disto último-, para dar, ao cabo, unha resposta moderna ao mundo moderno.

Pero os políticos europeos de hoxe en día son tan nacionalistas como eran os vellos, os de antes da segunda guerra mundial. E son incapaces de ver o mundo que moito antes deles dexergaron xentes como Robert Schuman, Jean Monet, Konrad Adenauer ou De Gasperi.

Ao meu ver, ese é o gran problema da desconcertada Europa dos nosos días: que os seus políticos son incapaces de se liberaren do pensamento e da praxe nacionalistas. Coidan que Europa é Bruxelas –o menos europeo que se pode idear- e non o que é, ou que ten que ser: a resposta moderna aos resesos nacionalismos que tanto contribuíron á miseria de Europa.