20080929 munich edmund stoiber

Mitteleuropa

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Edmund Stoiber; clic para aumentar
En Bavaria, onde o goberno da Unión Socialcristiana, o partido irmán da CDU do resto de Alemania, que é o da chanceler Merkel, semellaba un feito da Natureza, perdeu ese partido a maioría absoluta no Parlamento do seu Estado que tivera durante a maior parte dos 50 anos que leva gobernando alí. Nas eleccións anteriores, as de 2005, o seu xefe, Edmund Stoiber (na foto), recuncara na xefatura do goberno, con unha maioría sin precedentes.
 

Mitteleuropa é termo carregado de historia e polémica, acordador de desconfianzas máis ou menos xustificadas, pero que pode ser esclarecedor moitas veces en termos xeopolíticos, que duran máis que os políticos.

Nestes tempos de rexurdir de Rusia medra a importancia dos países da área xermánica e as súas perspectivas de coordinar e instrumentar políticas de intermediación que ata hai pouco parecían innecesarias ou redundantes en termos da Unión Europea, pero que teñen alicerces máis fondos que os das ideoloxías bruxelenses.

Compre por iso atender a eses países, nos que dúas eleccións parlamentares, a de Austria e a do Estado Libre de Bavaria, na República Federal Alemana, deron resultados sorprendentes para os de fóra e tamén, según parece, para moitos de dentro.

En Bavaria, onde o goberno da Unión Socialcristiana, o partido irmán da CDU do resto de Alemania, que é o da chanceler Merkel, semellaba un feito da Natureza, perdeu ese partido a maioría absoluta no Parlamento do seu Estado que tivera durante a maior parte dos 50 anos que leva gobernando alí. Nas eleccións anteriores, as de 2005, o seu xefe, Edmund Stoiber, recuncara na xefatura do goberno, con unha maioría sin precedentes. Semellaba que volveran os tempos en que ocupaba ese posto Franz Joseph Strauss, figura sobranceira da política nacional nos tempos da Guerra Fría. Pero o domingo 28 de setembro, os sociocristiáns non conseguiron pasar de arredor do 44 por cento dos votos, ben por baixo do 50 que era o mínimo imaxinábel para eles. Tiveran un 61 por cento en 2003 e unha maioría de dous tercios no Parlamento.

Os votos perdidos pola CSU non foron ao Partido Socialista, que goberna en Berlin en coalición coa CDU e que é o outro gran partido nacional, senon a partidos ata agora marxinais, como o chamado dos Electores Libres, escisión dos sociocristáns por obra de Gabriela Pauli, e o dos Verdes. Dos significativos na República en conxunto, só os Liberais do FDP tiveron o consolo de voltar, despois de 14 anos de ausencia, ao Parlamento bávaro. Fálase de cataclismo, e con razón. Os sociocristiáns terán que negociar coalicións, e xa hai quen dí que non teñen quen saiba facer iso. despois de medio século de non precisar de tal cousa.

En Austria, a coalición fracasada do ÖVP, conservador, e o SPÖ, socialista fracasou tamén na compulsa, con eses dous partidos arredor do 30% dos votos, cada un. Naquel país os gañadores de votos foron os dous partidos da extrema direita, un deles chefiado por Jörg Haider, o presidente do Land de Carintia, e o outro fundado por este mesmo personaxe.

No caso alemán, a catástrofe, ou a enorme baixada, da CSU ten que preocupar a Merkel. Si val de indicador do que pode pasar nas eleccións federais de 2009, predice unha caída da direita merkeliana. E van chegar eleccións en Länder menos seguros que Bavaria. Se a CSU chega a aliarse nun goberno bávaro cós socialistas, a coalición berlinesa non perdería, polo menos, a maioría no Bundesrat, o Senado federal, pero sí que a perdería se as alianzas son outras.

En termos xeopolíticos, cós que iniciamos este comentario, haberá quen pense que a fraxilidade dos grandes partidos non pon aos países en condicións de desenvolver unha política ambiciosa no taboeiro euroasiático.

Pode ser, pero tamén cabe ver un fermento de novidade que pode ser moi activo nese terreo. Fálase despectivamente de populismo como inspirador de resultados electorais coma estes. Pero a verdade é que non poden ser moi ambiciosos partidos que lle fixeron perder a pacencia ao populus respectivo.