A extrema crise alimentaria que ven azoutando Níxer estes días exemplifica a situación catastrófica que viven moitos países no continente africano. A fame botou raíces en África e semella que nos afixemos a iso. Soamente cando as cifras son escandalosas, como neste caso, recóllense na palestra mediática e transfórmanse en noticias arrepiantes. A grave crise humanitaria, constante en África pero agravada agora en Níxer, Mauritania ou Mali, contrasta coa pasividade imperturbable da comunidade internacional.
Un total de 3,6 millóns de persoas en Níxer corren o risco de morrer de fame nos próximos días. Deles, .000 son nenos con malnutrición severa. Os nenos menores de 5 anos son os máis afectados, un de cada catro non chega a cumprilos, e moitos sofren lesións cerebrais irrecuperabeis debido á permanente malnutrición. Médicos Sen Fronteiras (MSF) está tratando rapaces de 2 anos con só 3 kilos de peso, o mesmo que pode pesar un bebé europeo ó nacer.
As causas son varias. A falta de choiva impediu que creceran ben as colleitas e a praga de langosta que sufriron en novembro arrasou con todolos cultivos. Para sobreviviren, milleiros de persoas rompen os formigueiros para facerse co gran almacenado polas termitas ou comen raíces e froitas tóxicas, que son ricas en proteínas, e que as mulleres ferven durante 3 días para eliminar as substancias malignas. O aumento do prezo do millo (base da alimentación dos nixerianos) contribuíu a agravar máis, se cabe, a desesperada situación das xentes deste país, o segundo máis pobre do mundo despois de Serra Leona.
Jean Ziegler, relator especial das Nacións Unidas para o Dereito á Alimentación, lanzou a alerta cualificando a situación de “extrema gravidade”. A crise alimentaria deuse a coñecer xa a principios deste ano por traballadores de MSF asentados no país, pero os chamamentos do goberno de Níxer e da ONU para recaudar fondos destinados a mercar alimentos foron desoídos polos estados desenvolvidos que só destinaron 3,8 millóns de dólares dos 16,19 millóns solicitados como axuda urxente para atender a poboación de Níxer. Ziegler esixiu aos demais países de Nacións Unidas o cumprimento da lexislación humanitaria internacional asegurándolle ó país africano o dereito fundamental de alimentarse.
Pero non é un caso illado. Mauritania e Malí, países tamén veciños, víronse gravemente afectados pola seca e o brote de langosta. Entre os tres países suman 5millóns de persoas afectadas pola fame con risco de morte e hai unha perda importantísima de cabezas de gando que tampouco teñen nada que comer. É a peor crise dende 1984.
Segundo denuncian algunhas organizacións humanitarias, esta situación debe cuestionar moi en serio a efectividade dos programas de axuste estructural do FMI, que prohiben ó goberno de Níxer a distribución de alimentos gratuitos para asegurar a subsistencia da poboación, medida escandalosa tendo en conta a situación dramática do país.
Pero a realidade inapelable é que os ameazados de malnutrición no mundo ascenden a 825 millóns de persoas e cada día morren unha media de 5.000, un xenocidio silencioso -como afirma Ziegler- que poderiamos evitar, pois segundo a FAO (Organización para a Alimentación e a Agricultura das Nacións Unidas) coa agricultura actual, poderíase dar de comer a 12.000 millóns de persoas,o dobre da poboación mundial.