Nobel xusto e oportuno

O comité noriegués dos Nobel pode darse por satisfeito. A histérica reacción das autoridades chinesas calificando de “obscenidade” haberlle concedido ao disidente Liu Xiaobo o da Paz confirma que deu no cravo. Contraataque fallido. Nunca unha boa autodefensa diplomática se saldou en positivo utilizando como munición unha argumentación moral, non política. Tampouco a prensa oficial, por caso o Global Times, soubo encaixar o golpe, ao editorializar como nos tempos de Franco o facía a prensa do Movimiento –algúns dos comentaristas máis coñecidos que escriben loubando a decisión dos académicos suecos poderían dar testemuña directa diso-, apuntándose ao vitimismo: a concesión é unha mostra de ‘arrogancia e prexuizo contra un país que levou a cabo o progreso económico e social máis extraordinario das últimas tres décadas’. Ao ocultar a noticia, a outra prensa corrobora implicitamente o acerto, porque non é a equidistancia senón a imposición o que está detrás desa decisión.

Sendo verdade a escalada de China no económico, pasando xa a ocupar o segundo posto no ránking mundial, tamén o é o bloqueo ao que siguen sometidas as liberdades básicas. Entre elas, a da liberdade de expresión. Que se mantén esa arritmia entre a apertura ao sistema capitalista ambicionando convertirse en poucos anos na primeira potencia global, por unha banda, e a cerrazón do réxime a un proceso de progresiva e imparable democratización política, pola outra, demóstrase en feitos. A proeza de ter liberado da pobreza a 300 millóns de habitantes, de poñer un pé en medio mundo (África, Latinoamérica, Oriente Medio…), e de sobrepasar a Xapón no poderío económico que xa lle disputa a EE.UU., non casa ben coa destreza en someter dereitos e liberdades ao poder omnímodo do partido e do réxime. De non ser así, Liu Xiaobo non estaría no cárcere, nin sería por esa razón o novo Nobel da Paz.

En boa hora. Porque moitos dos gobernos democráticos que antes dese espectacular avance económico se viñeran distinguindo por unha presiva diplomacia a prol da apertura política do réxime, e pola defensa dos dereitos humanos e a liberdade de expresión, relaxárana nos últimos anos. Notouse estes días no amoldado das felicitacións coas que Durâo Barroso pola UE, e nun primeiro momento o ministro Moratinos, por España, saudaron a concesión do Nobel, eludindo esixir como Obama a liberdade do intelectual premiado. A rectificación española moi a última hora non oculta a deriva de Zapatero que, se nun principio abrazou sen rede tódalas causas das liberdades indivisuais, non ten rubor en utilizar agora esa rede en situacións semellantes para non arriscar máis do imprescindible. Velaí a condescendencia coa actitude xenófoba de Sarkozy contra os xitanos, e tamén as dúbidas iniciais de ir ou non máis alá de alegrarse polo Nobel para non ferir ás autoridades que recentemente e en Pekín o saudaran como “o mellor amigo de China na UE”. Porén, a concesión do Nobel a un disidente encarcelado pon máis en entredito ca nunca as contradicións dese inmenso país. É a ocasión de ouro para que a comunidade internacional exerza sobre as autoridades chinesas unha sostida presión a prol dunha progresiva e imparable democratización. Facendo depender dela todo o demais.