Trinta anos atrás, o mundo reconducía décadas de confrontación bipolar -a guerra fría-, e abríanse espazos nos que a comunidade internacional tiña a oportunidade de desafiar novos camiños de entendemento para a superación de conflitos. Coa revolución tecnolóxica permeabilizando a imparable transición cara un novo sistema de relacións baseado nun esperanzador reequilibrio de poderes. É no 1989 cando conflúen unha chea de circunstancias que van tensionar tódalas crises, e por iso algúns ven nel o que lle dá remate ao século XX, abrindo xa que logo portas ao descoñecido. Acontecementos tan decisivos como o da caída do muro de Berlín, a desaparición da Unión Soviética e o afundimento dos reximes comunistas, entre outros, confírenlle ese estatus fronteirizo entre séculos, e aparece á vez como o frontón que acelera a crise institucional de Occidente, escachando nel as ideoloxías tradicionais.
Trinta anos atrás, o mundo reconducía décadas de confrontación bipolar -a guerra fría-, e abríanse espazos nos que a comunidade internacional tiña a oportunidade de desafiar novos camiños de entendemento para a superación de conflitos. Coa revolución tecnolóxica permeabilizando a imparable transición cara un novo sistema de relacións baseado nun esperanzador reequilibrio de poderes. É no 1989 cando conflúen unha chea de circunstancias que van tensionar tódalas crises, e por iso algúns ven nel o que lle dá remate ao século XX, abrindo xa que logo portas ao descoñecido. Acontecementos tan decisivos como o da caída do muro de Berlín, a desaparición da Unión Soviética e o afundimento dos reximes comunistas, entre outros, confírenlle ese estatus fronteirizo entre séculos, e aparece á vez como o frontón que acelera a crise institucional de Occidente, escachando nel as ideoloxías tradicionais.
Velaí os primeiros efectos do proceso globalizador a que dera pé a converxencia entre as ferramentas que aportaba a revolución tecnolóxica -coas redes transfronteirizas en primeiro plano- e a necesidade que tiña o capitalismo para reinventarse aproveitando tanto a tendencia desreguladora propiciada desde os primeiros anos 80 pola alianza ultraliberal Reagan/Thatcher, como o valor estratéxico que adquire a información. É o que dá, en definitiva, na aceleración do proceso de mundialización ou globalización da economía. Facendo do “homo económicus” o suxeito exclusivo na construcción e organización do vínculo social a escala planetaria, e do privado o único importante.
Pero todo iso prodúcese non sen contradicións. As mesmas tecnoloxías que facilitan o proceso mundializador, o da globalización, do que se aproveita o capital especulativo e financiero para impoñer un mercado único, condicionando a acción dos gobernos e poñendo baixo vixilancia o Estado/nación, non perden o poder de descentralización, fragmentación e diversificación que levan consigo, dando así pé a pensar que, malia os efectos e as ameazas da globalización -homoxeneizar as culturas, arrastrar o planeta cara unha economía e unha comunicación de dúas velocidades-, hai marxe para a subversión. Quérese dicir, que é posible resituar o universal como aquel espazo sociocultural no que se realimentan as singularidades (a universalidade de valores), fronte a aqueloutro espazo de fluxos que propicia a desterritorialización e o non-lugar (o mercado-mundo).
Digamos para rematar esta breve introducción que ambos os dous movementos, o de globalización e o de descentralización/fragmentación, compleméntanse no mercado, pero contrapóñense nas sociedaes e culturas. É o fenómeno que conceptualmente se deu a coñecer como o glolocal. Ao que se acollen os movementos sociais de contestación, como o dos altermundialistas, ou como aqueloutros que se repoñen contra os virus homoxeneizadores da globalización neoliberal e que o comunicólogo e activista Armand Mattelart definiu como “a revancha das culturas”.
É nese contexto, forzosamente esquemático, que xurde o IGADI, desafiando as novas e contraditorias tendencias que ameazan e ao mesmo tempo ofrecen un feixe de oportunidades a sociedades e culturas que, como as que configuran Galicia, non poden senón vivir traumaticamente esas tensións. Xulio Ríos é quen fai dese proxecto un instrumento de mediación co que contribuir a facer realidade ao tempo ese movemento de subversión fronte ao que ameaza e de reapropiación/reafirmación dos valores que singularizan a nosa maneira de estarmos no mundo. Non co obxectivo de resistir pasivamente os embates destrutivos dese tsunami uniformizador -o que se traduciría á larga nun suicidio colectivo-, senón facéndolle fronte botando man daqueles resortes que máis eficazmente serven para afortalar o proceso de construción identitaria, en diálogo crítico cos acontecementos mundiais que demandan de nós respostas democráticas, que daremos na medida en que sexamos quen de interpretalos e de sopesalos na nosa dobre condición de cidadáns galegos e de cidadáns do mundo.
Velaí a orixinalidade dese centro de análise internacional e acción cooperativa: porque desde o mesmo momento da súa creación soubo captar os sinais -tan contraditorios e ao tempo tan interpelantes- dun novo tempo histórico, facendo do glolocal -con Galicia como referente xeopolítico e tamén como suxeito activo no concerto mundial de países e nacións- a medida á que durante estes seus primeiros trinta anos adaptou, con absoluta independencia, e talvez por iso tamén con non poucas mostras de indiferencia e incomprensión, iniciativas de todo tipo que dan conta desta obra verdadeiramente heroica e monumental. Cito, entre outras: Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Centro de Información e Documentación Internacional Contemporánea, Fundación Plácido Castro, Observatorio da Política Chinesa (que acadou un grande prestixio internacional), Observatorio Galego da Lusofonía, Libro Branco da Acción Exterior de Galicia, Foros bilaterais, Congresos, Seminarios e Cursos, a revista Tempo Exterior, colección de libros Texturas Internacionais, Informes anuais de referencia…)
Xulio Ríos cos seus sucesivos equipos de colaboradores, e o IGADI como proxecto subversivo (rebelde pero á vez proactivo), viñeron actuando con absoluta fidelidade ao que quedou marcado desde un principio no seu ADN. Porque nunca quixo ser, en palabras do propio Xulio, unha asociación, unha empresa, unha consultora, nin tampouco ambicionou converterse nun organismo autónomo con dotación orzamentaria pública… Pola contra, apostou sempre por un modelo cunha forte carga de compromiso, de servizo público, de independencia… En efecto, porque sen esa independencia, que tantos custos persoais e colectivos comportou para eles, nunca podería converterse o IGADI, como así foi, nun espazo de mediación para facilitar a interpretación e o coñecemento dun mundo en constante movemento. Utilizando a terminoloxía de Habermas, con todas esas iniciativas non fixeron outra cousa que contribuir (e ogallá actuasen con ese mesmo espíritu e compromiso outras iniciativas da sociedade civil, velaí o problema, para facelo posible entre todos) á construción dunha esfera pública galega, ou o espazo de deliberación no que se opoñen diferentes lóxicas -as contradicións que un tempo tan convulso coma o que nos tocou vivir-, e que é fundamental para a construción do vínculo democrático que nos confirma como cidadáns galegos con identidade propia no mundo.
Repasei estes días a colección do Tempo Exterior, e non puiden senón reafirmarme en recoñecer e admirar o esforzo, a independencia, a honestidade intelectual e o pluralismo cos que o IGADI, e Xulio Ríos como a súa indiscutible alma máter, fixeron desa publicación semestral un produto no que converxeran as dúas almas que inspiraron o seu ideario democrático, sociocultural, cívico e solidario. Por unha banda, a de interpretar e comprender o acontecer do mundo desde aquí: non só o que formou parte das axendas diplomáticas e dos grandes medios de comunicación, senón tamén aqueloutro acontecer que non entrou no radar dos intereses corporativos destes últimos, ou que deron a coñecer con evidentes sinais de mutilación. Contando para iso cunha nómina excepcional de colaboradores, tanto galegos como foráneos (de prestixio internacional). Por outra banda, a alma da inserción e proxección de Galicia no mundo, na dimensión polo tanto do glolocal, establecendo vías de reflexión sobre a necesidade e a oportunidade de poñer en marcha unha política de acción exterior, que nunca chegou a bo porto, ao contrario do sucedido en Euskadi e Catalunya. O que fixo e segue facendo imposible, entre outras cousas, a participación da diáspora no proxecto común do país, unha maior presenza empresarial, e multiplicar o alcance internacional da nosa cultura, facendo operativa a capacidade da lingua e da industria audiovisual para conectar e interrelacionar coa lusofonía.
Déronme a palabra neste acto conmemorativo como membro que son do Consello Reitor do IGADI, e por iso non quero rematar sen deixar constancia -agardo que así o sintan tamén cantas e cantos me acompañan nese órgano asesor- dese privilexio. Porque me deu e nos deu a oportunidade de ser, de sermos, cómplices activos dun proxecto único e comprometido, que me deu e nos deu moito máis do que eu e nós a el; e porque tamén me deu e nos deu a oportunidade de redescubrir nel a tres das máis significadas personalidades da diáspora intelectual galega, inxustamente relegadas, cando non ocultadas, seguramente por non pertencer tampouco, como lle sucede a Xulio Ríos, a ningún dos moitos clanes que tanto fan por invertebrar o país. Falo de Lois Tobío -o profesor, diplomático, ensaísta e tradutor-, de Fernando Pérez Barreiro -profesor, analista da BBC, articulista, tradutor-, e de Ramón Lugrís -ensaísta, xornalista, tradutor-, os tres compoñentes da que Ramón Villares chama “a outra Galicia”, a Galicia posible que as inclemencias da historia acabaría malogrando, os tres galeguistas universalistas.
Que Xulio e o IGADI lles deran presencia e voz nese foro asesor, e a través das publicacións (revista Tempo Exterior, colección de libros Texturas), seminarios e informes monográficos, non fixo senón contribuir decisivamente a por unha banda reparar ese inxusto desleixo con eles, e pola outra aproveitar os seus coñecementos e as súas vivencias para darlle maior calidade e consistencia ao obxectivo de interpretar o mundo desde nós. Mellores mestres, guías e asesores nese desafío, ninguén. Despois de telos tratado, confeso públicamente a miña admiración por eles.
E tamén por outro referente desa mesma diáspora intelectual, Plácido Castro, tamén relegado nas honomásticas oficiais do galeguismo histórico, malia terse significado no activismo político e cultural dos primeiros anos 30, e ser quen en representación do Partido Galeguista fixo que a Galicia se lle recoñecese internacionalmente a súa condición de nacionalidade no Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna no ano 1933. Téndoo como un dos seus principais patróns de navegación, o IGADI tenta recuperar o nome e o legado deste outro galeguista universalista, que tanto se afanou por universalizar Galicia, de sólida formación intelectual, articulista e tradutor, valéndose da Fundación que está en activo desde 2001. E teño igualmente presentes neste recordatorio agradecido a outros dous componentes do noso colectivo asesor, no que deron sobradas mostras de compromiso e finura intelectual, e que nos deixaron nos últimos anos: Xosé Luís Franco Grande e Xosé Luís Rodríguez Pardo.
E remato: 30 anos despois, e coas crises mundiais como laboratorio do que extraer coñecementos, expertos de gran prestixio converxen en subliñar o descrédito en que deu o neoliberalismo, a doutrina que máis aló do económico introduciu unha estratexia demoledora fronte aos problemas sociais, medioambientais e culturais. E avogan por articular un novo internacionalismo, recuperando as axendas globais das mans do poder corporativo. Unha nova oportunidade que o IGADI pode aproveitar mantendo e reforzando os obxectivos que sempre foron a súa razón de ser, e que foron, querido e admirado Xulio, premonitorios.
Estou seguro de que o relevo xeracional que se ten producido no IGADI, comandado por Daniel González, vai garantir que a memoria destes seus primeiros 30 anos froitifique noutros 30 anos máis. Por contar co acompañamento e colaboración de cantas e cantos formamos parte do Consello Reitor, que non quede.
Boa singladura!