Non haberá paz

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

O Secretario Xeral da ONU, Ban Kin Moon, desprazouse ao Oriente Medio para ver de que palestinos e israelís inicien as “conversacións indirectas” que tiñan previsto, abortadas co plante que o Goberno de Israel lle fixo ao vicepresidente dos EE UU co anuncio dunha nova colonización en terras palestinas.

Nada máis chegar, dixo moi claro que a colonización israelí é un obstáculo para o inicio “canto antes” das conversacións, que procede o levantamento do bloqueo sobre Gaza e que a liberación de parte dos 10.000 presos palestinos que Israel ten nos seus cárceres podería xerar confianza entre as partes.

Ban Kin Moon non terá contactos con Hamás, pois esta organización rexeita os principios do Cuarteto (ONU, UE, EE UU e Rusia): renuncia á violencia, recoñecemento do Estado de Israel e aceptación dos acordos asinados con este pola Organización para a Liberación de Palestina.

Por unha banda, a visceralidade de Hamás, por outra a facilidade de Israel para escornar contra todo –os EE UU incluídos- e por outra a corrupción da Autoridade Palestina –un dos organismos máis corruptos do mundo-, o panorama que se debuxa no Oriente Medio non é como para ter moitas ilusións.

Algúns analistas falan dunha posibilidade: as sondaxes volvéronse moi en contra de Netaianhu por mor do plante a Joe Binden, o que pode determinar, suxiren, unha actitude máis flexible de Israel. Pero, en calquera caso, moi poucas esperanzas se poden ter para ver unha posibilidade de paz en feito tan circunstancial e pouco consistente. Como de costume, non haberá paz.