20080619 bruselas nicolas sarkozy e brian cowen

O atasco da UE

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Nicolás Sarkozy e Brian Cowen, clic para aumentar
A xestión das consecuencias inmediatas do referendo irlandés corresponderá ao polémico presidente francés Nicolás Sarkozy. Francia ocupará a presidencia semestral europea a partir do próximo 1 de xullo, factor que permitirá a Sarkozy intentar dar a volta ao resultado de Dublín para afondar nunha serie de medidas internas na UE. (Foto: Nicolás Sarkozy (esquerda) e Brian Cowen, primeiro ministro de Irlanda, nunha reunión de xefes de Estado en Bruselas tras o non irlandés).
 

A previsible negativa dos irlandeses a aprobar o Tratado de Lisboa, remanente actual da fracasada Carta Magna rexeitada por referendo popular en Francia e Holanda en 2005, cuestiona de novo a viabilidade do proxecto de integración política europea mentres evidencia o marasmo político interno que se vive na UE.

O caso particular irlandés consiste en ser o único país da Unión Europea en someter este tratado a votación por referendo popular. Un total de 17 países membros da UE aprobaron este tratado pola vía parlamentaria, restando coñecer cómo será a votación nos nove países restantes.

A votación parlamentaria está sendo severamente criticada dende diversos sectores políticos e sociais porque obstaculiza a expresión da vontade popular directa. Velaí que, para Bruxelas, resultaba urxente e necesario evitar reproducir en Irlanda un escenario similar ao ocorrido en Francia e Holanda no 2005, amparando a aprobación parlamentaria como mecanismo de votación e evitando o que, en determinados casos como o francés, holandés e agora irlandés, constitúe someter diversos proxectos clave ao temido escrutinio cidadán.

Paralelamente, resulta recorrente observar, de parte de diversos sectores europeístas, unha serie de acusacións que descualifican o referendo irlandés, principalmente en razón de factores demográficos, considerando que unha proporción poboacional mínima, de pouco máis de .000 persoas, terminaron asestando un duro golpe á UE. Non obstante, e se ben Irlanda só representa o 1% dos 500 millóns de habitantes dos países que forman parte da UE, a votación supón un factor de lexítimo rexeite a un proxecto estrutural e constitucional que non termina de convencer.

Cun sólido 53,1% de participación electoral, o 53,4% dos irlandeses que votaron polo "Non" manifestaron un claro toque de atención a Bruxelas. Analizando os puntos de maior discordia do tratado e o resultado posterior, queda claro que a maioría dos irlandeses pareceron preocuparse pola mais que posible perda de peso político e autonomía fiscal no seo da UE.

Rexeitando aspectos claves como a ampliación temporal da presidencia do Consello Europeo, o reforzamento de determinadas prerrogativas de control político e fiscal para o parlamento e un fortalecemento da PESC, os partidarios do "Non" en Irlanda deixaron clara a súa defensa dunha maior autonomía, democratización e descentralización no aparato institucional da UE.

A xestión das consecuencias inmediatas do referendo irlandés corresponderá ao polémico presidente francés Nicolás Sarkozy. Francia ocupará a presidencia semestral europea a partir do próximo 1 de xullo, factor que permitirá a Sarkozy intentar dar a volta ao resultado de Dublín para afondar nunha serie de medidas internas na UE.

As ambicións de Sarkozy están cifradas na asunción dunha nova política mediterránea que poña fin ao Proceso de Barcelona iniciado en 1995, así como un marco de actuación conxunta sobre a inmigración ilegal. Todo isto dentro dun delicado contexto determinado pola reacción social europea ás políticas restritivas recentemente aprobadas en Francia e Italia.

Tras Sarkozy, outro político afectado polo referendo irlandés probablemente sexa o atribulado primeiro ministro británico Gordon Brown. A conxuntura resulta complicada, debido a que, xunto á República Checa, o Reino Unido será o próximo membro da UE en someter a votación parlamentaria o Tratado de Lisboa.

Dende o opositor Partido Conservador (que lidera en 20 puntos porcentuais as preferencias de voto por riba dos laboristas), así como dende diversos sectores de esquerda e antieuropeístas, aumentan as demandas para que Brown acepte celebrar un referendo popular sobre o tratado que, a todas luces, constituiría unha especie de plebiscito sobre a súa xestión de goberno.

Así, o triunfo do "Non" no referendo irlandés aumenta as perspectivas dos euroescépticos nunha conxuntura marcada pola incerteza, especialmente ante a posible aproximación dunha recesión económica motivada polos elevados prezos do petróleo, o encarecemento do Euro, os efectos da crise económica estadounidense e a perda de influencia política europea no escenario internacional. A crise política na UE alargase sen perspectivas de solución a curto prazo, razón pola que o "golpe irlandés" probablemente non será o único nin probablemente o último.