O futuro do G8

O Grupo dos Oito (G8) celebrou o seu cumio anual o pasado xuño en Toronto (Canadá). A pesar de que o encontro revalidou o seu papel esencial en certos asuntos internacionais, a poucos se lle escapa que estamos en presenza dunha transición que culminará co deseño dunha axenda basicamente limitada para este grupo. "Ao remate do cumio, constatamos unha certa fragmentación temática, xa que mentres que o desenvolvemento, o cambio climático e os asuntos de seguridade debátense no G8, o Grupo dos Vinte (G20) vai tomando as rendas dos temas económicos", dixo Erin Fitzgerland, presidenta do Grupo de Investigación do G8. O decaemento da súa importancia, indica que, varrido pola crise financeira global, o G8 xa non figura entre os organismos principais que comandan os asuntos económicos. Así pois, G8 e G20 van asumindo distintas áreas de enfoque. Mentres o segundo trata principalmente dos asuntos financeiros e económicos, o G8 debate sobre desenvolvemento, seguridade, cambio climático, enerxía, entre outros, engadiu Fitzgerald.

Resulta difícil establecer a verdadeira "área de poder" de cada grupo, pero cada un deles vai conformando axendas distintas e ata diferentes campos de especialidade. Mentres a axenda do G8 é mais expansiva, a do G20, asentado como comité anticrise, non ambiciona ir mais aló dos asuntos económicos. Para David Steven, membro do Centro de Cooperación Internacional da Universidade de Nova York, a do G8 comeza a ser unha "axenda difusa e residual", abordando aqueles temas que o G20 non trata. Deste xeito, as cuestións importantes, relacionadas tanto coa crise financeira ou a débeda soberana, recalan no G20. Dado que o G8, o club dos estados máis ricos do mundo, non conta non potencias emerxentes entre os seus membros, foi perdendo liderado global e vese desprazado pola crise financeira global que requiriu dun novo club cun liderado agrandado para afrontar a axenda da gobernanza global.

A perda de peso e solvencia do G8 xera consecuencias dispares. Os países aos que máis lle importa o G8 son aqueles que consideran a emerxencia doutros estados como unha ameaza para a súa relativa influencia, como Xapón, que xenuinamente considera ao G8 un foro moi importante. Pese a iso, non está claro como van a funcionar estes grupos no futuro para evitar superposicións e ganar a máxima eficiencia. A coexistencia de ambos os dous no período de transición semella asegurada, pero a afirmación do G20 como conxuntural comité de crise semella superada, e tende a transformarse nun organismo potencialmente máis permanente.

O declino do G8 evolucionará en parello ao ascenso de China, Brasil e India, a medida que o poder económico váiase transferindo dos antigos países industrializados ás novas potencias emerxentes. Iso non quer dicir que Alemaña, Estados Unidos, Xapón ou Canadá vaian desaparecer como importantes poderes económicos, pero nos próximos 10 a 20 anos o G8 terá que ser reemprazado por outros grupos, xa que nun par de décadas os integrantes do G8 deixarán de ser as economías máis importantes e poderosas do mundo.