Plácido Castro

O Galician Programme da BBC e a internacionalización da cultura galega

Anos andados, dubido moito de que alguén se lembre das moitas exposicións, convenios, xornadas, proxeccións, etc., que hoxe constitúen o cerne mesmo do que se denomina acción exterior cultural ou ata un tanto atrevidamente, diplomacia cultural. Sen embargo, estamos a celebrar neste 2022 o 75 aniversario do inicio dos programas en lingua galega da BBC, iniciativa que seguro gañará en prominencia co paso do tempo.
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

Anos andados, dubido moito de que alguén se lembre das moitas exposicións, convenios, xornadas, proxeccións, etc., que hoxe constitúen o cerne mesmo do que se denomina acción exterior cultural ou ata un tanto atrevidamente, diplomacia cultural. Sen embargo, estamos a celebrar neste 2022 o 75 aniversario do inicio dos programas en lingua galega da BBC, iniciativa que seguro gañará en prominencia co paso do tempo.

Con moitos menos medios e en condicións moito máis adversas, aqueles galeguistas tiñan entón máis visión que todo o actual entramado institucional que apela a internacionalizar a cultura galega como un mantra carente de substancia e perspectiva.

Na súa escala e para quen o queira ver, no Galician Programme que funcionou na BBC entre 1947 e 1956,  hai toda unha expresión do que cómpre facer para internacionalizar a cultura galega, é dicir: ter en conta ese ecosistema cultural propio do que sempre debemos partir, mobilizalo, aglutinalo, proxectalo coa axuda de aliados máis aló da emigración, enxertalo nas grandes tendencias mundiais, sostelo no tempo…

E foi hai 75 anos, co impulso de Alexandre Raimúndez, de Plácido Castro e moitos outros, cunha nómina de colaboradores ben ampla. O Galician Programme constitúe un gran exemplo práctico do tanto que hoxe se podería facer no eido da internacionalización da nosa cultura e da nosa lingua se alguén fora capaz de transcender os pequenos impulsos e liderar con visión de altura, sen mesquindades, unha tarefa de tanta importancia para que a nosa propia sociedade se decatase do elemental que é comprometerse e identificarse co que é seu, co que é máis seu.

Internacionalizar a cultura galega esixe, pois, como premisa básica, establecer unha ampla convocatoria aos nosos creadores en todos os campos, sinalar un diálogo virado para o exterior que a todos obxectivamente interesa, fixar unha folla de ruta integradora e realista, adaptada ás nosas posibilidades actuais, identificar aliados potenciais, tanto sectoriais como rexionais e globais, aproveitar os marcos políticos e institucionais que nos resulten relativamente favorables para alentar saltos cualitativos, e persistir, persistir, persistir….

A nosa cultura ten un enorme potencial, radicada nun país con importantes atractivos contemporáneos que a moitos sorprenden. Pero restan aínda institucións significativas no eido cultural que carecen dunha estratexia exterior. Como tamén falta unha visión de conxunto compartida, con solucións orgánicas que a modo de grupos de traballo interinstitucionais establezan os consensos mínimos.  

Hai que estar nas feiras, viaxar aquí e alá, armar exposicións e toda a morea de dramaturxias inevitables… pero non debemos perder de vista que mais alá do efémero –e non por iso menos custoso- debemos promover accións de longo alcance que vertebren este país de cultura cunha proxección exterior de calidade e con efecto retorno, que a relexitime dentro, ante unha sociedade tan vulnerable como escéptica. Para iso, cumpriría tamén unha capacitación do talento de xeito que podamos contar a curto prazo con persoal especializado, hoxe moi escaso, que transforme os titulares, tan do gusto das autoridades, en accións concretas e solventes.