O irrealismo da guerra de Iraq

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

Ao discutir sobre as razóns que subxacen trala guerra de Iraq, o común dos analistas tende a asumir que esta foi unha guerra "de dereitas", apoiada por dereitistas e fiel ás tradicións intelectuais do conservadorismo. Diversos comentaristas, mesmo, falan da ultradereita americana para referirse aos neoconservadores. Aquí mesmo, hai quen ve na guerra unha demostración da aporía e o sensentido nos que caeu nos nosos días a política realista, a Realpolitik. Na miña opinión, estas análises se equivocan.

Lembremos as nocións básicas que os neoconservadores aduciron para lexitimar a guerra: unha poboación iraquiana soxulgada por un dictador, un pobo refén do feudalismo e o autoritarismo relixioso e tribal. Por iso, é unha obriga moral liberar a eses pobo para lle levar o progreso que traen consigo a democracia, a liberdade e o libre mercado. Estes conceptos, ademais, non son particulares de Occidente e da nosa época, senón que resultan de anhelos que se atopan dentro de todo corazón humano. Os que din outra cousa "os que defenden que para nós a democracia, para os outros a ditadura" son racistas ou etnocéntricos.

Os progresistas que se opuxeron á guerra non difiren demasiado desta visión internacional. Tamén opinan que os reximes non organizados por medio da democracia parlamentaria son ilexítimos per se, e que os nosos países teñen dereito a discutir e intervir nos seus asuntos internos. A diferencia entre ambos é táctica. Os "pacifistas" queren xerar os cambios pola presión multilateral externa. Os "belicistas" buscan o atallo proporcionado polas marabillosas armas inventadas no Pentágono.

As ideas dos chamados neoconservadores, se ben miradas, nada teñen que ver coas doutrinas básicas do conservadorismo. A liberación das xentes por vía da acción política, así coma a idea de valores universais asociados á democracia e aos dereitos humanos, están moito máis cerca da esquerda progresista que da dereita. A crenza en que un goberno centralizado "neste caso, o goberno federal americano" pode traer unha feliz revolución ao mundo semella extraída do manual do troskysmo que os pais fundadores do neoconservadorismo mamaron na súa mocidade.

Para a dereita máis apegada ao realismo estas ideas son inxenuas e perigosas. A Realpolitik parte dunha concepción pesimista acerca da natureza humana. O Home é un ser intrinsecamente egoísta e imperfecto. Por iso, é iluso tratar de edificar na Terra a "Cidade de Deus". A única forma de asegurar a convivencia entre homes e nacións é recoñecer este egoísmo "que nas relacións internacionais cobra a forma do interese nacional" e procurar acomodo ás necesidades de cada un dos actores políticos, sen considerar que unha das partes ten o monopolio da virtude.

Este pesimismo acerca da natureza humana conduce ao político realista ao cinismo, levándoos a aceptar e permitir relacións formais con países malvados. Precisouse dun cínico e dun realista como Henry Kissinger para normalizar as relacións entre os Estados Unidos cos "diabólicos comunistas" chineses e soviéticos. Xa daquela, nos 70, os neoconservadores Wolfowitz e Perle, apoiados por Rumsfeld, se botaron as mans á cabeza ante tanta duplicidade.

Por todo iso, creo que non é a dereita ideolóxica a que pulou a guerra , senón unha sorte de socialdemócratas globalizantes con Tomahawks completamente afastados das tradicións intelectuais do conservadorismo. Poderiamos atopar o seu referente no Wilsonismo, coa súa idea da expansión mundial da democracia baixo a éxida dos Estados Unidos. Aínda que cicais a mellor para os que defenderon a guerra no la deu Claes Ryn: neojacobinos. Os neoconservadores comparten co vello Robespierre a mesma lóxica universalizante, a mesma abstracción que embobada polos conceptos (Liberdade, Democracia) esquece a fea realidade, o mesmo desexo de impor a Virtude republicana a sangue e fogo.