O legado de Lois Tobío

Queda moito entre nós de Tobío e moito máis, estou seguro, descobriremos nos próximos anos. Era un home dunha madeira especial, traballador incansable e abnegado, militante ao cen por cen nas cousas do país, en todo o que sentía no máis fondo, comprometendose no que creía.

Non é cousa de rememorar agora os seus méritos, que foron moitos, como pola contra, hai que dicilo, indudablemente escasos os recoñecementos debidos, algúns deles algo tardíos. Con Tobío pasa o mesmo que con tantas voces singulares que da este país e que non sabemos atraguer e valorar por si mesmas, persoas dunha gran valía que podían aportar moitísimo ao enriquecemento da nosa vida cultural e política, pola súa ampla experiencia, polo seu elevado nivel de coñecementos.

O legado global de Tobío é o dun galeguista universalista, dun home que comprendeu de boas a primeiras, sen necesidade de meditalo, o imponderable valor da identidade como clave para entenderse co mundo, para desenvolverse no mundo, sen perder o norte irrenunciable das orixes. Ese Tobío que deambula pola diplomacia, pola investigación histórica, pola traducción poética, polo xornalismo, en fin, é o mesmo Tobío do Seminario de Estudios Galegos, do Estatuto, do Consello de Galiza… Porque forma parte dunha xeración formada e educada na valiosísima idea do progreso con identidade, do positivo valor do noso achegamento ao exterior. É o universalismo galeguista que debería ser o pan de cada día, a nosa "biblia" en tempos de mundialización.

Tobío foi un home bo e xeneroso, sempre lúcido e leal, coherente coas súas ideas primeiras que nunca abandonou por comenencias de ocasión. Esa honestidade intelectual é a outra cara do seu legado, a ter presente en tempos nos que o cinismo prolonga unha sombra negra sobre as nosas cabezas.

Mentres o reivindiquemos e fagamos o esforzo de divulgar o seu pensamento e a súa obra, Tobío seguirá entre nós. Sempre sentiremos o seu alento.

Lois Tobío era membro do Consello Asesor do IGADI.