Xa tíñamos arrumbados os clásicos da Xeopolítica, alá nas prateleiras máis altas dos cuartos de estudo. Era unha disciplina sospeitosa e pouco invocada. Pasara por moitos avatares, desde os inicios no pensamento de Halford Mackinder até o suicidio de Haushofer, o xeneral e profesor do que poden atoparse tantas pegadas no Mein Kampf hitleriano. Haushofer fora absolvido en Nuremberg, pero suicidouse pouco despoís, coa súa muller.
As análises xeopolíticas colleron algún cheiro de xofre pola influencia que din que tivo ese pensamento na política nos tempos en que Alemaña pensaba o mundo, como se dí no título do libro de Korinman sobre aquela época. Semella que ninguén quere falar moito daquela Xeopolítica "dura", e, por veces, vese agora o adxetivo como simple sinónimo de relacións internacionais.
E, con todo iso, hai quen ven sospeitando que talvez nos estivemos privando dun instrumento análitico útil. Esa sospeita dase maiormente nos que prefiren modelos realistas e non idealistas do comportamento dos protagonistas das relacións internacionais. Talvez non anden moi descamiñados os que pensan que o modelo realista, de Realpolitik, acaba garantindo millor unha certa paz, que pode ser o máis que cabe pedir. Hai moitas vítimas da boa vontade ao longo da historia, ainda que se fale pouco delas.
En termos xeopolíticos non tería por qué causar sorpresa que Rusia, a pouco que se organizou no interior, volte a afirmarse no mundo co seu peso continental e a súa herdanza dun pensamento imperial semellante ao das outras grandes potencias. Non podía deixar o seu futuro nas mans dunha potencia hexemónica como EEUU e un contrapeso hipócritamente suave da UE.
Era cuestión de tempo e circunstancias. O tempo que precisou Putin para consolidar un poder político no Kremlin despois da esmorga de Yeltsin, e a circunstancia do longo desparrame da potencia estadounidense que perdeu a súa grande ventaxa de poder proxectarse en calquer parte do mundo. O ataque de Saakashvili, incomprensíbel até que saibamos máis do que pasou entre bastidores, deu o toque xusto para aperfeizoar a situación ideal. Pero o prantexamento estaba claro, polo menos, desde o discurso de Putin na Conferencia de Seguridade de Munich en febreiro do ano pasado. Sen falar das repetidas accións declarativas como a saída do tratado de armas convencionais en Europa, e tantas outras.
E aquí estamos de novo nun campo de batalla polo "corazón continental" que definira Mackinder. Os nomes dos lugares en que se desenvolve o drama son familiares desde os tempos victorianos. Outra vez a Fronteira do Noroeste, o Paso do Khyber, Kandahar, Lahore, o Turquestán… O Gran Xogo, de novo.
Outro xeopolítico máis vello, o Almirante Mahan, formulara a doutrina da importancia do dominio dos mares. Díxose moito que iso xa non conta hoxe. Pero está ben claro que aí está a forza dos Estados Unidos, e que o enfrontamento volve a ser entre as terras do corazón continental e o reino de Neptuno. A balea americana e o urso ruso. E alá vai para o Mar Caspio unha axuda humanitaria a bordo de barcos de guerra. E volvemos a falar, como na vella diplomacia, dun vello tratado, a Convención de Montreux de 1936, que non permite presencia de buques de guerra nese mar por máis de tres meses, e iso se Turquía os deixa entrar.
Semella que hai que tirarlles a poeira aos libros de Haushofer, Mackinder e Mahan para ver de entender o que pasa.