O pesadelo americano

 Panel co índice bursátil de Shanghai; clic para aumentar
A presión imposta polo reaxuste, derivada das dificultades económicas exteriores, debe alentar a identificación de novos motores do crecemento económico que, no caso dalgúns países como Brasil, India, China, Sudáfrica ou a mesma Rusia, poden culminar cun reforzamento da súa capacidade de influencia no sistema económico e financeiro mundial. (Foto: Un inversionista observa o índice bursátil de Shanghai nunha compañía de valores, o 16 de setembro de 2008 en Chengdu, na provincia de Sichuan, China).
 

A treboada monetaria de Wall Street vai camiño de afectar a todo o mundo. En primeiro lugar, na cadea dos créditos e na liquidez e solvencia do sistema financeiro, pero tamén no eido do consumo, estendendo as dúbidas sobre as perspectivas de crecemento das economías emerxentes, especialmente daquelas que basearon a súa expansión nunha orientación da produción cara a exportación, fenómeno que se viu favorecido nos últimos anos polo tirón da Bolsa e do sector inmobiliario nos países desenvolvidos e orixe, en gran medida, das espectaculares cifras de medre nalgúns países en vías de desenvolvemento.

A redución do consumo irá acompañada, previsiblemente, dun aumento do proteccionismo nas economías máis desenvolvidas, agudizando a competencia das economías emerxentes entre si dado que se sustentan, por regra xeral, na venda de artigos moi semellantes. Esta situación, que provocará importantes dificultades no inmediato, supón tamén unha clara oportunidade para terceiros países que non poden demorar máis o cambio no seu modelo de crecemento, incidindo nos factores tecnolóxicos e ambientais, na vertebración dos mercados domésticos, e no fomento dos investimentos en educación, saúde pública e seguridade social. Así, esa "toxicidade" de Wall Street que indubidablemente repercutirá no seu modelo produtivo, mesmo naqueles onde o limitado grao de apertura do sistema monetario garante unha singular inmunidade fronte ao perigoso virus estadounidense, pode rachar con dependencias perigosas e contribuír á formación de empresas fortes orientadas ao desenvolvemento dos seus propios países pero igualmente con vocación internacional.

As economías emerxentes poden converter este pesadelo norteamericano nunha oportunidade para centrar a súa atención e investimentos no fortalecemento dos propios mercados internos de consumo. A presión imposta polo reaxuste, derivada das dificultades económicas exteriores, debe alentar a identificación de novos motores do crecemento económico que, no caso dalgúns países como Brasil, India, China, Sudáfrica ou a mesma Rusia, poden culminar cun reforzamento da súa capacidade de influencia no sistema económico e financeiro mundial, un axuste que debera ser tamén necesariamente duro para o propio poder estadounidense.