O valado de seguridade é un muro de separación

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

Este luns comezaron as audiencias consultivas na Corte Internacional de Xustiza da Haia sobre a legalidade do muro de separación construído por Israel. Nesta consulta, pedida pola ONU, varias delegacións nacionais expoñen os seus argumentos perante a Corte para que esta exprese a súa opinión sobre a construcción do muro. Os gobernos de Israel e Estados Unidos anunciaron que non ían participar nas sesións orais, sen embargo ambos interviron por escrito.

A construcción do muro impide a construcción dun proceso de paz. Construído como valla de seguridade e para protexe-lo país contra ataques terroristas, segundo os israelís, para a poboación palestina o muro é unha expresión de "anexión, expansión e racismo", como o chamou o presidente palestino, Yasser Arafat. Desafortunadamente, un día antes do comezo da Sesión, un terrorista palestino inmolouse cunha bomba nun autobús no centro de Xerusalén e deixou oito pasaxeiros mortos.

Até o de agora foi construído un cuarto do trazado do muro, que será de case 800 quilómetros. A posible declaración da Corte sobre a ilegalidade do muro non terá moito impacto na actitude de Israel, que xa declarou que unha tal decisión só podería pór en perigo a Folla de Rota, o último plan de paz para resolve-lo conflicto israelo-palestino.

Estados Unidos e a Unión Europea consideran a discusión ante a Corte como inapropiada. Non obstante, mentres Washington da mostras dunha complicidade comprensiva co goberno de Sharon, a diplomacia comunitaria, principal esperanza internacional dos palestinos para lle dar voz ós seus dereitos e reclamacións, expresa un rexeitamento ambiguo que, máis unha vez, provoca unha total indiferencia no gabinete israelí. Tel-Aviv manifesta unha maior capacidade de presión cando asoman supostas actitudes antisemitas entre a opinión pública europea que a propia Unión Europea, que abdica resignadamente dos seus medios de presión, especialmente os económicos, para defender postulados e principios básicos que constitúen o sinal de identidade da súa diplomacia: os dereitos humanos, conculcados gravemente coa construcción dun muro que afasta as posibilidades de calquera acordo de paz. A delegación palestina anunciou que o muro non só destruirá as esperanzas de paz e seguridade entre israelís e palestinos, senón que tamén ameazará as esperanzas postas pola comunidade internacional na solución que prevé dous estados vivindo un xunto ó outro. Lamentablemente, Israel non lle da moita importancia nin as resolucións da ONU nin as preocupacións da comunidade internacional, sobre todo porque a súa posición sempre está apoiada política e, dende logo, economicamente, polos EEUU.

Aínda que as discusións na Corte e o dictame non son de obrigado cumprimento, o seu peso político é de gran importancia. Por iso, tanto os Estados Unidos como Israel queren evitar calquera decisión que poda interferir no proceso de negociación entre Israel e Palestina. Ironicamente, non hai ningún diálogo entre estes dous países polo momento, e o restablecemento do diálogo é moi dubidoso. En primeiro lugar, o muro simboliza unha fronteira entre dous pobos, e a víctima directa desta separación é o pobo palestino. Indirectamente, o muro impide a creación dun estado palestino independente no futuro.

E aínda que a discusión na Corte é necesaria e importante, é certo que a decisión do Tribunal intensificará as posicións opostas de Israel e Palestina e os seus mutuos aliados. Porque o muro non só representa unha separación física, expresa tamén unha separación mental na percepción dos actores. Para un proceso de paz esta situación é o peor escenario posible. Porque, como dixo o Papa Xoán Pablo II recentemente "necesitamos pontes de cooperación, non muros de separación".