Obama mais aló de Cuba

A visita do presidente Barack Obama a Cuba culminou simbolicamente o proceso iniciado a finais de 2014 para a normalización entre La Habana e Washington, asegurou a virtualidade do seu legado e supón un paso de xigante para abrir una nova etapa política non só nas relacións bilaterais senón intracontinentais recuperando parte da influencia perdida en décadas anteriores.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave Obama Cuba PCC Bloqueo
Idiomas Galego

A visita do presidente Barack Obama a Cuba culminou simbolicamente o proceso iniciado a finais de 2014 para a normalización entre La Habana e Washington, asegurou a virtualidade do seu legado e supón un paso de xigante para abrir una nova etapa política non só nas relacións bilaterais senón intracontinentais recuperando parte da influencia perdida en décadas anteriores.

As reaccións republicanas á visita, de clara condena, non fixeron mais que acentuar o carácter progresista do seu herdo –a pesares de tantas zonas escuras-, certificado coa petición de eliminación do embargo, unha anomalía que dura cinco décadas, abrindo paso ao desenredo da desconfianza acumulada.

Cuba agradeceu o xesto de Obama pese a recoñecer que nin moito menos todo está resolto. É posible mesmo que a audacia despregada agora pola Casa Branca, a menos dun ano das próximas presidenciais, teña os días contados ou modere o seu ritmo, ao non dispor de tempo material suficiente para construír o respaldo que precisa esta nova normalidade.

Pero a desactivación deste contencioso permite a EUA superar un serio obstáculo para afianzar as relacións cos países de América Latina, moi distanciados de Washington  nuns últimos anos marcados polo descontento cara as políticas aplicadas na rexión. O embargo foi sempre un símbolo do imperialismo ianqui para moitos latinoamericanos –e persoas de todo o mundo- e as sancións, reiteradas e agravadas, non facían mais que engadir tensión. Un  escenario que podería repetirse agora cara Venezuela sementando discordias entre as esquerdas da rexión.

Obama afianzará este proceso coa visita a Arxentina, en tempos un dos socios mais importantes de EUA no hemisferio. En Bos Aires certificará o momento de cambio político que aliña este e outros países da zona cun xiro da esquerda cara o centro e a dereita. E de esguello mirará cara Brasil….

Cuba debe aproveitar a normalización con EUA para avanzar no seu proceso de transformación interna. Sería ilusorio pensar que vai xerar cambios substantivos e a curto prazo pero, sen dúbida, pode ter implicacións económicas de alcance para a illa, asunto clave para mellorar a eficiencia do sistema. Durante moito tempo, o PCC tivo na política hostil estadounidense o argumento preciso para xustificar moitas das súas taras internas. A superación dese problema constitúe unha delicada proba e debe materializarse en beneficios concretos a plasmar mellorando a calidade de vida dos cubanos.

Certo que o proceso pode experimentar aínda contradicións á vista das consabidas diferenzas en materia de dereitos humanos, democracia ou organización do sistema económico e social, pero é irreversible. Para uns e para outros. O PCC poderá fiar todo o fino que queira para preservar a súa hexemonía pero se non consegue éxitos apreciables na xestión económica, as perspectivas de subsistencia mingúan proporcionalmente.

A visita de Obama crea un clima moi favorable para o relanzamento económico da illa. Moitos investidores estaban á expectativa. Outros países de todos os continentes fan cola. A sociedade cubana agarda expectante que os cambios se materialicen. O PCC ten no próximo congreso de abril a obriga de se anticipar ao futuro rexeitando as imposicións características do mesianismo do veciño do Norte pero recoñecendo a necesidade de evolucionar ofrecendo en paralelo xestos e accións que amosen unha xestión intelixente do novo contexto. Que o desbloqueo non bloquee ao PCC.