Os novos filántropos esfarrapados. Cara a creación dunha sociedade xusta

Nunha das súas “Soleiras” (“Algo novo baixo o sol”, La Voz de Galicia, 27 de xuño), X.L. Franco Grande analizaba o feito de que a sociedade non se sinte representada polos políticos e que non hai camiño para acadar novos representantes, e dicía que “o que é novo, e non é bo, é que, ao facer crise a democracia como parece que está facendo, só queda expedito o camiño á demagoxia populista ou ao autoritarismo. ¿Ou é que queda algunha outra posibilidade? Nós non sabemos dela”.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Nunha das súas “Soleiras” (“Algo novo baixo o sol”, La Voz de Galicia, 27 de xuño), X.L. Franco Grande analizaba o feito de que a sociedade non se sinte representada polos políticos e que non hai camiño para acadar novos representantes, e dicía que “o que é novo, e non é bo, é que, ao facer crise a democracia como parece que está facendo, só queda expedito o camiño á demagoxia populista ou ao autoritarismo. ¿Ou é que queda algunha outra posibilidade? Nós non sabemos dela”. 

A crise na que estamos atinxiu fundamentalmente – no campo político – ás esquerdas e, máis concretamente, á socialdemocracia.  Hai algo máis de dous decenios a socialdemocracia inventou a chamada “terceira vía” como remedio para superar a crise do socialismo, que xa renunciara ao pasado marxista, e para acadar unha mellor distribución da riqueza e unha maior igualdade social.  A terceira vía, definida principalmente polo chanceler alemán Schroeder e polo primeiro ministro británico, Tony Blair, tivo como consecuencia inmediata que a socialdemocracia – daquela na xefatura na maioría dos países europeos – aceptara un novo capitalismo consistente na desregulación crecente dos mercados e da vida económica en xeral. En realidade, a terceira vía herdou o labor de desregulación e privatización que encetaran o Presidente Reagan e a Sra. Thatcher.As consecuencias son evidentes: o Estado minguou de tamaño, a política está supeditada á economía e a desigualdade social medrou. E na inmensa maioría dos países de Europa hai gobernos de dereitas.

“Os filántropos esfarrapados” (The Ragged Trousered Philanthropists, título orixinal en inglés) é unha obra publicada en 1914, tres anos despois de morrer o seu autor, Robert Tressell (alias de Robert Noonan) un obreiro, nado en Irlanda, que no seu libro en forma de novela analiza a situación dos obreiros nunha sociedade capitalista. O protagonista, Frank Owen, ao discutir cos seus compañeiros traballadores, disecciona a natureza do sistema imperante e chega á conclusión de que o rol dos obreiros é o de enriqueceren aos seus empregadores e, por conseguinte, convértense de feito en “filántropos”, en filántropos vestidos de farrapos.  En febreiro pasado, cando se cumpría o centenario da morte de Tressell, un artigo de Tony Benn, o ex ministro laborista que é algo así como a conciencia da esquerda británica, devolvía á actualidade a obra, que Tony Benn dicía ter regalado a moitísima xente como fonte de inspiración e que el consideraba (era o título do seu artigo en The Guardian) “un antídoto contra a desesperanza socialista”.

Por moi convincentes que foran os argumentos de Frank Owen, os outros obreiros continuaron a creren que formaban parte dun sistema forte e ben establecido e que non tiñan, nin a desexaban, capacidade para transformalo.  O libro de Tressell avogaba non só por reformas do sistema (reformas que, ao longo do século XX foron facéndose realidade ata chegar ao “Estado do benestar”),  senón que predicaba a necesidade fundamental de reemplazar todo o sistema capitalista por unha sociedade radicalmente socialista. E a incomprensión dos compañeiros de Owen, que serían os beneficiarios dun novo sistema, foise repetindo cada vez que unha crise plantexaba a necesidade de mudar as cousas. “Cada xeración ten que loitar as mesmas loitas, vez tras vez, e en cada caso é a confianza dos activistas o factor que determina a velocidade do seu éxito”, afirmaba Tony Benn no seu artigo.

O mundo occidental está hoxe – salvando as distancias que nos separan da sociedade inglesa dos comezos do século XX – nunha situación na que as víctimas directas das falcatrúas de bancos e especuladores son tamén “filántropos” involuntarios (aínda que vestidos en farrapos virtuais) que enriquecen aos culpábeis da desfeita.  E, máis unha vez,  está plantexado o problema de cómo  mudar o sistema neoliberal imperante, que desencadeou a crise, non só da economía, mais tamén da propia democracia. Europa – o mundo enteiro, realmente – é agora, como xa dicía en 2000 un colaborador de ATTAC, unha mascarada mundialista do laissez-faire.

Esta referencia ao movemento ATTAC e, por extensión, a todo o labor desenrolado no Foro de Porto Alegre e foros sociais sucesivos lévanos a considerarmos as novas iniciativas que van xurdindo no mundo e que son sucesoras de outras anteriores.  A globalización non é cousa nova: nos decenios de 1960 e 1970, cando as forzas progresistas trataban de regular os mercados de materias primas como método para aumentar o nivel de vida dos países productores, as grandes firmas industriais creaban unha forma de globalización por conducto das empresas transnacionais. E xa daquela xurdiran voces que avogaban por unha reforma do sistema capitalista liberal (por exemplo, o gran labor que desenrolou a Comisión de Empresas Transnacionais das Nacións Unidas e que nunca chegou a dar froito porque había forzas contrarias moi poderosas).

Hai, entre os diversos movementos e iniciativas, como o do 15-M, tan inzado de posibilidades, un proxecto angloalemán que presenta características moi interesantes.  Trátase dun proxecto “da esquerda democrática”, como se definen os autores, que son un grupo de políticos xovens británicos e alemáns, e que propoñen a creación da “good society” (“a boa sociedade”, no senso de sociedade xusta, para se diferenciaren da big society que defende o Primeiro Ministro británico Cameron). Toman como punto de partida o décimo aniversario da fracasada terceira vía de Blair e Schroeder para proporen a formación “dunha rede paneuropea de socialdemócratas que... non queren voltar ao pasado senón que miran ao futuro para crearen a boa sociedade”.  Un dato moi anovador do proxecto (sobre todo tendo en conta que a iniciativa partiu do Reino Unido) é que os promotores din que “nesta nova era global, debemos vivir xuntos como individuos libres e iguais en sociedades multiculturais, e como cidadáns de Europa” e que a construcción da boa sociedade debese facer desde embaixo, desde o pobo, e construíla a nivel europeo. O folleto no que se expoñen as bases e os obxectivos inmediatos pódese consultar en liña na páxina www.goodsociety.eu/en (na versión inglesa).

Pode parecer, ás veces, que ese tipo de iniciativas, como antes a de ATTAC e de que “outro mundo é posible”, teñen vida efímera.  Non é así. Do mesmo xeito que o viño na barrica, crían lías ata que chega o momento de abillar. Algo hai de novo baixo o sol e compre esperar que chegue a redimir aos modernos filántropos esfarrapados.