20081226 sanya buques anti pirateria somalia01

Piratas

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 O destrutor chino DDG-171 Haikou; clic para aumentar
Os piratas están dando un motivo aos estados para despregar forzas navais no taboeiro mundial. Por iso están asegurando con tanta rapidez a súa presenza nas costas de Somalia os candidatos a superpotencias do mundo multipolar. A máis recente, a China, que non esconde, en declaracións oficiais, que con iso quérese apresentar no mundo do poder naval. [Foto: O destrutor chino DDG-171 Haikou, atracado no porto de Sanya, provincia de Hainan, o 25 de decembro de 2008. China enviou o 26 de decembro con destino ás augas fronte á costa de Somalia dous destrutores, o DDG-169 Wuhan e o DDG-171 Haikou, e un barco de avituallamento, o 887 Weishanhu, para combater a piratería somalí].
 

O mar da sorpresas. Non hai que ser incautos. Os vellos mariñeiros dicían que non se pode ser confianzudo con ele. Por veces trátase da xeoloxía (porque debaixo do mar está a terra, que tamén mete respeto) e ven un tsunami. Outras veces faise sentir na xeopolítica. Cando xa semellaba que non había nada remoto nin escondido e que tiña desaparecido para sempre o romantismo da lonxanía e dos grandes espazos baleiros; cando nada hai oculto e nin falta fai o radiotelegrafista, anticuado xa, para estar sempre situado e sempre comunicado, e para saber onde está cadaquén no mar, aparecen ou reaparecen os piratas. Cuase non hai día que non ataquen algún navío, cuase sempre en mares xa malfadados noutros tempos e que veñen sendo cruciais para o comercio marítimo e, moitas veces, próximos ás costas de estados falidos. Nada novo, pero quén o había de pensar hai pouco tempo.

Esquecemos moito que a maior parte do comercio mundial se sigue facendo por mar. As transacións serán tan rápidas como se queira para mover diñeiro e, como hoxe sabemos e padecemos, cheas de engano e ilusións interesadas e cultivadas ata que a borbulla estoupa. Pero as mercadorías siguen indo por mar. A capacidade de interromper ou dificultar esa circulación fai dos piratas actores no mundo internacional. O Direito tenta configuralos como delicuentes da comunidade internacional, pero a facareña realidade desa utopía amósase no cativo que é o poder de combatilos.

Voltan nese cadro, despois de máis dun século, as ideas do almirante estadounidense Mahan, que tantos tiñan arrumbado xa na cesta do lixo ou pouco menos. A influencia do poder marítimo na historia foi o tema da súa obra capital. E inspirou a carreira de construcción e armamento navais que precedeu e propiciou a primeira guerra mundial, a de 1914.

Pero agora hai outro factor que non estaba moi presente nas teorías de Mahan, porque non facía falta para explicar o que ele quería explicar. Ese outro eixo que contribúe a situar o problema da seguridade dos mares é que, no mundo de hoxe, non pode haber hexemonías nin superpotencias sin a capacidade de proxectar poder en escearios moi lonxe do seu centro polìtico e nin siquer limítrofes con ele. Para esa proxeción non abonda nin a aviación desde bases en terra nin as armas "sofisticadas". Iso aprendímolo neste século tan novo aínda, e debe darlles malas noites a Donald Rumsfeld e outros.

Non é que os piratas podan interrumpir o transporte de tropa tan doadamente como o de mercadorías. A alarma dos estados non vai por aí. O que están dando é un motivo aos estados para despregar forzas navais no taboeiro mundial.

Por iso están asegurando con tanta rapidez a súa presenza nas costas de Somalia os candidatos a superpotencias do mundo multipolar. A máis recente, a China, que non esconde, en declaracións oficiais, que con iso quérese apresentar no mundo do poder naval, que para ese país é unha novedade. Fala tamén de que é unha boa oportunidade de aprendizaxe, o que é moi certo.

Os piratas abriron, sin querelo, una feira e exposición de potencias navais. Val a pena observala para albiscar a forma do mundo que se aveciña.