Hai pouco mais dunha década, cando a URSS e o seu socialismo esmorecían sen remedio, Mijaíl Borisovich Jodorovski, enxeñeiro químico, principiaba a súa gran mutación de secretario adxunto das xuventudes comunistas en ambicioso capitalista. A confusión e debilidade do poder do momento, encarnado na patética figura dun Boris Ieltsin adicto ó vodka, permitiron a Jodorovski e a tantos outros facerse co control de importantes riquezas do país, pechando aquel ciclo iniciado en 1917 para someter os atropelos dun capitalismo enfermizo e depredador. Regresaron os excesos da man dos novos oligarcas que dun día para outro transformábanse en donos incontestables do producido e conservado por 150 millóns de rusos durante sete décadas. A través dun escuro e pintoresco sistema de "compra de accións", Jodorovski e outros coma el, mercaron a tolerancia e a complicidade de Ieltsin, quen podería seguir reinando sen obstáculos mentres o diñeiro dos oligarcas sepultaba, a veces literalmente, todos os inconvenientes, unhas veces físicos, outras simples conciencias, que xurdían no camiño.
Este é, a grandes trazos, o perfil dos persoeiros do novo capitalismo ruso xurdido da desfeita soviética e que en dez anos facilitaron a evasión de 200 mil millóns de dólares, o equivalente ás dúas terceiras partes da renda anual do país, para acomodalos nos paraísos fiscais de Occidente. A día de hoxe, en Rusia non se recuperou aínda o nivel de renda anterior a 1990.
A proposta de Putin aos oligarcas da corte de Ieltsin consistía en non cuestionar a orixe da súa inmensa riqueza se progresivamente se acomodaban nun marco legal que debía definirse nos próximos anos polo poder político e sen intromisións ferintes do poder financeiro. En 2002, Vladimir Gusinski e Boris Berezovski, dous representantes daquela oligarquía, escasamente convencidos da súa capacidade para exercer influencia a distancia acostumados como estaban a tomar as grandes decisións directamente e sen miramentos, botáronlle un pulso a Putin, tratando de condicionar a súa política coa ameaza directa de financiar algún rival. O resultado é coñecido: deberon exiliarse para non ir ó cárcere. A Jodorovski non lle deu tempo ou simplemente Putin quixo dar un escarmento exemplar.
Cando en xullo último, nun claro aviso do Kremlin, varios dos seus colaboradores máis directos eran obxecto de detención, Jodorovski decide non achicarse e opta por plantar cara a Putin alegando que a Constitución lle outorga os mesmos dereitos que a calquera cidadán para participar na vida política, o seu futuro era auto enunciado: "Irei ó cárcere se é preciso", chegou a dicir. E as súas palabras foron proféticas. No cárcere segue e dende o Kremlin avisan que poderá permanecer ata dous anos se a investigación así o require. Outra cousa é que esta chegue a ser a mellor inversión da súa vida, un tempo no que, como víctima, faga medrar a súa imaxe para labrarse unha carreira política, menos meteórica e mais sufrida que a de Putin, de cara aos comicios presidenciais de 2008. O tempo o dirá. ¿Lastre? Mais que a súa riqueza, a súa condición de xudeu nun pais no que o antisemitismo non foi nin moito menos extirpado.
Os flirteos de Jodorkovski amosan unha vez mais a naturaleza predemocrática do sistema político ruso. Nun país normal, o gran poder económico actúa na sombra e inflúe dende lonxe, estremando o coidado na delimitación dos campos empresarial e político. ¿Berlusconi? A excepción confirma a regra. A fortuna gañada por Jodorkovski non é de orixe honesta, é unha anomalía que debe ser corrixida e limitada nos seus efectos polo poder político para construír unha sociedade máis xusta e equilibrada. Se a riqueza se funde de maneira absoluta co poder, se os oligarcas se fan co control total do Estado ruso, estariamos ante algo peor que un sistema malsano, escenificando unha absorción en extremo perigosa. Diga o que diga a Constitución, na Rusia de hoxe, Jodorkovski non é un cidadán igual ós demais.