Divorcio

O Flash Euro barómetro nº 151, realizado entre o 8 e o 16 de outubro pasado, ofrecía unhas conclusións que obrigaron mesmo a Romano Prodi a presentar as súas desculpas ante Israel e Washington. ¿Desculpas por qué? Segundo a sondaxe realizada a instancias da Comisión, un 53 por cento dos europeos estimaban que EEUU representaba unha ameaza para a paz no mundo. Xustamente detrás de Israel, que cun batía os récords de antipatía. Para maior arreguizo de Washington, a posición de EEUU estaba compartida por Irán e Corea do Norte. A enquisa do Instituto EOS Gallup Europe, feita co seu rigor habitual, foi mal dixerida en todas partes e todos os esforzos se centraron en minimizar as súas conclusións (as preguntas seica foron mal formuladas e as respostas mal interpretadas). Hai opinións que non interesan, obviamente. Un portavoz da Comisión, Gerassimos Thomas, mesmo chegou a afirmar que, de cara ao futuro, sería conveniente eliminar destas enquisas algunhas cuestións, se supón que en aras da transparencia e dun mellor coñecemento do que pensan os cidadáns europeos.

En Tel-Aviv, o vice primeiro ministro Ehud Olmert, se apuraba a denunciar o suposto avance do antisemitismo en Europa, confundindo deliberada e demagoxicamente un prexuízo certamente inadmisible coa reprobación masiva expresada pola opinión pública europea da política de Ariel Sharon que degrada inevitablemente a imaxe de Israel en Europa e no mundo. Nas críticas á súa política dos cidadáns europeos non hai antisemitismo, senón o convencemento de que a represión, a ocupación, a construcción de muros, os asasinatos extraxudiciais, as masacres, dificilmente poden achegar a paz a unha das rexións mais convulsas do mundo.

A outra fenda é a norteamericana. Moitos dos que hai un par de décadas contemplaban a EEUU coma o garante da paz en Europa, hoxe o definen como unha ameaza para a paz no mundo. A mutación é sorprendente e a raíz dese cambio estriba na guerra contra Iraq, condenada por un 68% dos europeos, case os mesmos que demandan que a reconstrucción do país, pilotada por Nacións Unidas, debe correr por conta daqueles que antes o destruíron. Contrariamente a esa América que acentúa o carácter hostil do mundo árabe, ata un 86% dos europeos apostan polo desenvolvemento de relacións políticas e culturais con estes países. As diverxencias euroamericanas, como recolle o sociólogo francés Emmanuel Todd en "Après l’Empire", son igualmente evidentes en relación á causa palestina, que rexistra cifras inversas de apoio segundo as calibremos nunha ou noutra beira do Atlántico.

Pero os datos, con ser conxunturais, poden evidenciar correntes mais de fondo. Esa América admirada por moitos europeos vai a menos, e o distanciamento quizais non sexa motivado unicamente por definir diferentes concepcións da política exterior, económicas ou sociais, senón polo empeño na construcción de diferentes modelos de sociedade. As desigualdades, a híper violencia que nos describe Michael Moore, a ausencia dun mínimo sistema de protección social que garanta unha cobertura universal, e cun nivel de mediocridade na política onde aterrezan figuras como Schwarzenegger, por citar a mais recente, consecuencia do poder sen límites do diñeiro e dos lobbies, da forte presencia da abstención, mesmo do fraude institucionalizado, son indicadores de mecanismos, tendencias e evolucións que en Europa non espertan entusiasmos. Da pena de morte á venda incontrolada de armas, a actitude ante as relixións ou a protección social, a política exterior, o medio ambiente, a xustiza penal internacional, se revelan como diferencias substanciais que permiten albergar esperanzas contra os intentos de domesticación universal das conciencias.