Nacido en 2001 como resposta airada e cidadá ó Foro Económico Mundial de Davos, o Foro Social Mundial (FSM) de Portoalegre ten amosado nestes tres anos un crecente éxito de convocatoria -20.000 asistentes o primeiro ano, 50.000 o segundo e máis de cen mil esta semana-, que correu parello á creación de grandes espectativas e esperanzas. Outro Mundo é Posible, sí, pero non está sequera en construcción. O éxito provisional deste proceso é xa o espertar dunha conciencia colectiva, pero Portoalegre 2003 semella o último peldaño dunha etapa, e, malia festa, hai menos optimismo.
Durante este último ano a iniciativa de Portoalegre ten adquirido un carácter global. Os Foros Sociais Rexionais (Bangkok, Florencia) formaron parte deste obxectivo de internacionaliza-los debates, á vez que os Foros Sociais Temáticos (Educación, Autoriadades Locais, Campesiños) buscaron afondar nos asuntos considerados prioritarios na conxuntura mundial polo Comité Internacional do Foro, eixo operacional do FSM que bascula, principalmente, no equilibrio entre as iniciativas francesas e aquelas brasileiras. Suxeito plural, non foi doada a mobilización de esquerdas tan diversas " un "altermundismo" que vai dende o paleocomunismo ata o postpolítico-, e pese ós esforzos por respectar un funcionamento escrupulosamente democrático e antiautoritario, moitas voces quedaron fóra de debates que, á forza, deberon oficializarse.
É precisamente agora, cun Lula victorioso abrindo os debates, "un dos nosos", cando a presencia do presidente brasileiro naquel outro foro mundial, o de Davos, ten espertado críticas de analistas nacionais e internacionais estreitamente vencellados á organización do FSM. Hai quen pensa que o risco de ser manipulado é moi grande, xa que "cada cousa que diga ou non pode ser interpretada para cooptar, desnaturalizar ou debilita-lo FSM" (François Houtard, director do centro Tricontinental de Lovaina). Isto ocurre especialmente porque durante a semana se ten insistido en interpreta-la asistencia de Lula ó Foro Económico de Davos como unha mediación entre os globalizados e os globalizadores, ó presenta-lo como un enviado do FSM. A autonomía do FSM tamén depende de que sexa autónomo de tódolos partidos e de calquera goberno, quizais por iso ou coa vontade de asumi-la aldea global, a organización ten decidido celebrar a edición 2004 na India. Hai tamén outros cambios: o Foro Social Mundial non terá que celebrarse necesariamente ó mesmo tempo que o Foro Económico Mundial (WEF). Seica non sexa unha boa decisión. Como dicía hai un ano Vázquez Montalbán, inquieta prescindir da marca Portoalegre, porque o mercado é algo máis que a patria do inimigo, "é unha paisaxe global que converte en marcas ata as insubmisións".
Debatíanse as formas de rexeitamento ó neoliberalismo e a súa falla de equidade, o ALCA, a situación en Venezuela, as perspectivas cos gobernos de Lula ou Lucio Gutiérrez, a solidariedade co movemento palestino ou o papel dos movementos sociais, pero o rexeitamento á guerra contra Iraq converteuse no eixo central que moveu a protesta. Curiosamente, amén da presencia de Lula, o pesimismo ante as consecuencias dun novo ataque contra Iraq marcou tamén a celebración do Foro Económico Mundial en Davos. Certo ton-antiWashington acadou a súa máxima expresión coa comparecencia do primeiro ministro malasio, quen advertiu que os intentos estadounidenses para acabar co terrorismo poden conducir a un período de odio, venganza e codicia, pero a preocupación ante o unilateralismo americano foi xeralizada entre tódolos participantes, se ben a lista de ausencias incluíu os dirixentes de Gran Bretaña, Francia e Alemaña.
"Penso que a xente síntese máis libre para expresarse en Davos que en Nova Iorque", declarou á marxe o ex ministro suizo Adof Ogi, por máis que o fiscal Ashcroft utilizase a tribuna para defende-la política do seu goberno dicindo que os Estados Unidos garanten a liberdade ó redor do mundo. O "antiamericanismo" do Foro, subliñado polos medios, non é algo habitual, dado o alto número de participantes estadounidenses e a mesma historia do WEF, como tampouco o é que as reunións non veñan marcadas pola atmósfera empresarial e a filosofía dos negocios da xente que se caracteriza polos seus contactos, senón polos debates en torno á seguridade e o terrorismo.
Non hai celebración da economía porque é un asunto espiñento -sinala un dos participantes- a causa dos escándalos financeiros de Enron e WorldCom. Recoñecido xa por case tódolos líderes occidentais que a crise económica vai ser máis longa "do que pensabamos", hoxe case todos están de acordo en que é a incerteza o elemento determinante da actual debilidade económica mundial. Non hai moita incerteza en Davos sobre si a guerra terá lugar ou non, pero namentres, as bolsas sufren e os economistas calculan os seus custos. A OPEP non baixa os prezos do petróleo porque o que fai subi-los prezos non é a falla de crú, senón a ameaza da guerra, e ninguén se atreve a predecir o efecto que pode ter nos subministros un ataque contra Saddam.
Os patróns do mundo zumegan pesimismo respecto ó futuro. Mesmo en Davos, semella que a guerra está a perde-la súa boa reputación como acicate do crecemento económico.