Raúl consolida as súas reformas en Cuba

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego

A piques de cumprirse tres anos sen Fidel Castro ao fronte do goberno, Cuba apréstase a iniciar unha etapa moito mais complexa, especialmente no escenario económico. O discurso realizado polo presidente Raúl Castro o pasado 26 de xullo en Holguín, importante praza militar cubana, con motivo do 53º aniversario do asalto ao Cuartel Moncada, da a entender diversas variables deste novo período por vir.

Tomando en conta os estragos que provoca na illa caribeña a crise económica internacional, a baixa dos prezos das materias primas (especialmente do azucre) e as dificultades de financiamento do exterior (a pesar da axuda venezolana, tamén determinada polos prezos petroleiros mundiais), Raúl salientou a necesidade de “volver ao campo” para relanzar a produción alimenticia. Todo isto dentro dunha conxuntura económica que prevé un crecemento notoriamente menor do previsto para 2009.

Neste discurso, o presidente cubano defendeu a “imperiosa necesidade” de traballar miles de hectáreas ociosas que permita paliar as necesidades alimentarias nun país que, no 2008, importou alimentos por valor de 2.400 millóns de dólares. Ata agora, case un 40% desas terras ociosas están sendo traballadas dentro dun réxime laboral iniciado no 2008, onde se conceden licencias particulares para operar en sectores rurais. Non obstante, o devastador paso dos furacáns Ike e Gustav o ano pasado destruíu grandes hectáreas de terra cultivable.

Nun país onde as aparicións públicas dos líderes en conmemoracións históricas simbolizan o momento político nacional, o discurso de Raúl Castro do pasado domingo foi tan directo como breve, de pouco máis de media hora de duración. Castro falou de incentivar a produción alimentaria das terras ociosas como medida máis efectiva para  “afondar a revolución”, por riba de consideracións de tipo ideolóxico. Sen grandes anuncios pero con mensaxes oportunos, da man das necesidades directas da poboación.

Os pasos recentes de Raúl Castro confirman esa orientación de paliar os efectos da crise económica mundial nun país sumamente dependente das materias primas e da axuda exterior. En xuño pasado, e a pesar das duras medidas de axuste económico en materia de utilización da enerxía eléctrica e de servizos como a auga, o goberno aprobou unha sensible ampliación e diversificación do réxime laboral, na que se inclúen estudantes universitarios e profesores de ensinanza media, beneficiados meses atrás cun aumento salarial. Paralelamente, o goberno aumentou os gastos en materia de pensións e asistencia social.

Este énfase na recuperación económica semella así ser a prioridade do presidente Raúl e o seu goberno. Trala defenestración en marzo pasado de visibles figuras políticas como Carlos Lage e Felipe Pérez Roque, Raúl tenta consolidar un novo equipo de goberno, cunha moderada apertura política a fin de evitar fisuras no aparato estatal do poder. A mensaxe semella clara: o relevo xeracional e político está aínda pouco maduro para asumir maiores responsabilidades gobernamentais.

Para afirmar institucionalmente este proceso, Raúl inaugurou o 29 de xullo o sétimo  pleno do Partido Comunista de Cuba (PCC), que dará paso á apertura do ano lexislativo da Asemblea Nacional do Poder Popular (ANPP) o próximo 1 de agosto. O momento semella importante porque pode dar paso a unha sensible reestruturación do seu goberno, condicionado pola necesidade de acabar co “burocratismo e a ineficiencia”, piares fundamentais dos cambios que Raúl tenta aplicar en Cuba.

Impulsando estas calculadas reformas económicas, a perspectiva de Raúl semella clara: propiciar unha maior apertura exterior de Cuba, especialmente de cara ao goberno estadounidense de Barack Obama. As recentes e eficientes negociacións entre Washington e La Habana en materia de migración poden dar paso a un paulatino achegamento bilateral, dentro dun contexto rexional proclive á inclusión cubana nos procesos de integración hemisférica, tal e como se viu recentemente no seo da OEA.