Nunha das últimas crises entre Washington e Bagdad, David Garner lembraba en Financial Times a parábola que o príncipe herdeiro saudí Abdulá lle relatou a Madeleine Albrigth cando lle foi pedir o seu apoio para unha acción militar contra Irak: "Un pastor que perdía un año cada tres ou catro días por culpa dun lobo, decidiu mercar 20 cans feroces. Pero entón decatouse que debía sacrificar tres ou catro años cada día para dar de comer ós cans. Asi que decidiu desfacerse dos gardiáns e cohabitar co lobo, pois era a solución máis barata e quizáis a menos perigosa".
Ningún líder de Oriente Próximo ten simpatía por Sadam Husein. Sen embargo, como sinalou o exipcio Hosni Mubarak, todos están convencidos de que a acción militar soamente conseguirá empiorar a miseria do pobo iraquí, dificilmente fará entrar en razón a Sadam e, con toda seguridade, permitiralle capitalizar de novo a desgracia allea en beneficio propio.
¿Como pode repercutir a acción militar na estabilidade da zona? É coñecida a fraxilidade política de moitos Estados da rexión. Todo Oriente Próximo é hoxe terreo minado. En Xordania, o rei Hussein, aqueixado dunha grave enfermidade, intenta conciliar os diversos clans que pugnan pola sucesión. Outro tanto acontece en Arabia Saudí co rei Fahd. En Palestina medra a intifada e Arafat, cunha saúde visiblemente debilitada, non consigue avances substanciais no proceso de paz. Inclusive en Israel, a precariedade da coalición gobernamental desemboca nunhas eleccións antecipadas. En Irán a acción aliada reforzará os argumentos da facción teocrática dificultando a labor moderadora de Jatami.
En suma, os gobernos pro-occidentais da zona dificilmente poden alabar a conducta anglo-estadounidense, asistelles moita razón cando se irritan ó comprobaren a distinta vara de medir que se aplica con Tel-Aviv e deberán preocuparse a fondo pola fácil emerxencia desestabilizadora dun fundamentalismo islámico que probablemente estreitará as súas conexións cun terrorismo que Washington non vai poder combater a golpe de bombardeos ou míseis.