Sahara Occidental: A busca dunha solución definitiva

Por mor da visita a Alxeria realizada pola diplomacia española, co presidente do goberno á fronte, produciuse un aluvión de declaracións respecto á actual situación do Sahara occidental e as súas posibles solucións. O detonante da polémica foron as declaracións de Zapatero segundo as cales non se podería permanecer atado ao plan Baker. Declaracións que seguen o fío das realizadas anteriormente polo ministro Moratinos nas que expresaba o seu temor de que un referendo no Sahara occidental provocase a inestabilidade do norte de África. Todo isto aventura un posible cambio de posición na diplomacia española tras múltiples gobernos de ideoloxías diferentes que sempre apoiaron no pasado a reivindicación saharauí de celebración dun referendo.

¿Que factores poden estar a influír neste hipotético xiro na política exterior do goberno? Os múltiples movementos diplomáticos do ultimo ano e medio parecen indicar que os actores internacionais con intereses na rexión desexan atopar a solución definitiva ao conflicto. A finais de ano esgotarase o prazo de que dispón a MINURSO tras 11 anos de prorrogas e fracasos. A ONU deberá pronunciarse entón sobre se prorroga esta misión internacional ou se opta por abordar o problema dende unha nova perspectiva. Ante esta situación, os diferentes actores con intereses na zona toman posicións e efectúan os seus movementos para influír na medida do posible na solución final a fin de que lles favoreza ou aló menos non os prexudique.

A dimisión de James Baker e o estancamento que sofre a MINURSO, os constantes recursos de Marrocos ao censo, etc. deixan en evidencia a dificultade da ONU para, por si soa, abordar o conflicto, abrindo a vía a diplomacia directa entre os actores implicados para buscar unha solución política por eles mesmos que logo poida ser implementada no marco da ONU, evitando novos bloqueos. Desgraciadamente, parecen influír moito mais nesa solución final os diferentes actores internacionais que a opinión dos propios saharauís que cada vez ven mais afastada a posibilidade de realizar o referendo e constatan a súa soidade e illamento na escena internacional.

Entre os actores que participan nesta nova fase do longo conflicto saharauí, chama a atención a eficaz irrupción de Estados Unidos. O seu apoio ás pretensións anexionistas marroquís xa foi recompensado coa concesión a empresas estadounidenses de prospeccións na busca de petróleo no territorio saharauí aínda non administrado por Marrocos. Estados Unidos reforza así os seus vínculos cun poderoso aliado no norte de África con quen xa firmou un xeneroso tratado de comercio similar o que subscribiu con Xordania e un acordo de defensa similar aos firmados no marco da OTAN. O goberno Bush obtivo tamén unha cabeza de ponte dende a cal estender unha asociación de libre mercado no norte de África e, no hipotético caso de atopar petróleo, conseguiría reducir a súa dependencia de Arabia Saudita, paso importante para poder actuar con maior liberdade aínda en Oriente Medio.

Así mesmo, Francia sempre realizou unha política compracente con Marrocos. As súas políticas na area non están rifadas e París ambiciona asentar unhas boas relacións con Rabat que permitan ás súas empresas explotar parte das riquezas do Sahara, como os seus bancos pesqueiros e minas de fosfatos. Tan só a irrupción dos Estados Unidos logrou restarlle o protagonismo que corresponderíalle por mor do seu peso na rexión e que rivaliza con intereses de España no norte de África.

Alxeria prestou tradicionalmente o seu apoio ao pobo saharauí, ata o punto de apoialo militarmente durante a súa guerra contra Marrocos. Pero os refuxiados saharauís no seu territorio son un problema que dende tempo atrás desexa resolver e as malas relacións co seu veciño parecen estar esgotando a súa paciencia.

España como antiga metrópole da zona mantivo durante moito tempo o compromiso co pobo saharauí de defender o seu dereito a autodeterminación. Pero un cúmulo de circunstancias semella estar alterando esta posición tradicional da diplomacia española. A marxe dos factores enunciados e que inflúen tamén na reflexión española ante o conflicto (esgotamento, a intervención estadounidense, etc.), España precisa establecer unha relación complexa con Marrocos. Motivos de seguridade, emigración, os fortes lazos económicos, pesca incluída, etc., existe toda unha cadea de dependencias moi deteriorada nos últimos tempos e que urxe recompoñer en base á definición das novas prioridades, urxencias e preeminencias que non benefician ás teses saharauís.

Atento ós cambios de posición dos actores externos, e tomando nota do inmobilismo da Fronte Polisario, a penas sen apoios nin aliados que alenten as súas demandas, o rei Mohamed VI deposita boa parte das súas esperanzas nunha “marroquización” do Sahara como golpe de efecto que faga esquecer aos seus cidadáns o drama cotiá das múltiples carencias que debe soportar. Por iso despregou toda a súa maquinaria diplomática para evitar a celebración do referendo. Co reforzado apoio dos Estados Unidos que favorece a súa posición, unha vez mais a legalidade internacionalmente sairá malparada.