Medra a inestabilidade do Cáucaso ata Asia Central

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

Se ben os acontecementos en Iraq ocupan a atención dos gobernos e a opinión pública mundial, outros escenarios de conflictividade estanse a presentar no Cáucaso e Afganistán, dous enclaves que forman parte da estratexia estadounidense de guerra contra o terrorismo. Curiosamente, tamén estas rexións atópanse na órbita dos intereses petroleiros de Washington, Moscova e as multinacionais, ademais de conformarse alí escenarios de disolución social e anarquía política.

Cómpre comezar por Chechenia, un conflicto que agora ameaza coa expansión rexional cara Xeorxia, e as súas rexións secesionistas de Osetia do norte, Adxaria e Abxasia, e a rexión rusa do Daguestán. Tralo asesinato en maio do presidente proruso Ahmed Kadírov, a guerrilla chechena a penas logrou outro golpe mais contundente, salvo o recente intento de asasinato do novo presidente interino, Serguei Abrámov. Baixo o fogo cruzado entre as tropas rusas e os independentistas, Moscova desexa celebrar uns novos comicios en agosto, sen a presenza de observadores internacionais, o que revelaría a victoria do novo candidato prorruso, o actual ministro do Interior Alú Aljánov, e a continuación da política de "man dura" desde Moscova.

O perigo checheno xa no é só a crítica situación interna senón os movementos de expansión cara os seus veciños. En xuño, un demoledor ataque na república de Ingushetia deixou 100 mortos, entre eles o ministro proruso do Interior, e foi seguido por combates na veciña Daguestán. A rexión de Ingushetia, onde poderían atoparse numerosos guerrilleiros chechenos, é unha especie de "tapón" entre Chechenia e as rexións xeorxianas de Osetia do norte e do sur.

En Xeorxia, o presidente proestadounidense Mikhail Saakashvili intenta restablecer a unidade estatal ao mesmo tempo que busca mellorar as relacións co presidente ruso Vladímir Putin. Dende o Kremlin acúsase ao goberno xeorxiano de proveer asistencia aos militantes chechenos. É por iso que Moscova aplica un "dobre xogo" xa que asiste militarmente aos rebeldes de Osetia do norte e do sur, ademais de apoiar as rexións de Abxasia e Adxaria, coa finalidade de desestabilizar ao goberno de Tbilisi. Ao mesmo tempo, Putin parece estar remodelando a súa estratexia na rexión, propiciando as negociacións de cese ao fogo.

No fondo, o que Moscova pretende é recuperar a súa hexemonía no Cáucaso ante a posibilidade real de que Washington o desprace no corto prazo, e tamén garantir as rutas de distribución dos oleoductos e gasoductos que partirán do Mar Caspio ata Rusia. Precisamente, o tema dos oleoductos interesa tamén á Casa Branca, xa que a estratexia de Saakisvilli de conservar a unidade estatal persegue asegurar o control da ruta do oleoducto Bakú-Tbilisi-Ceyhán, a chave da política norteamericana no Cáucaso.

Non moi lonxe, Afganistán e Asia Central comezan a manifestar síntomas de preocupación para EEUU e Europa. O derradeiro cumio da OTAN en Istambul deixou patente a necesidade de proveer dunha forza especial multinacional ao goberno interino de Ahmed Karzai, e de apoiar ao seu goberno con vistas ás eleccións presidenciais de outubro e as lexislativas do 2005.

O tema da seguridade é o principal problema no territorio afgano, tal e como se puido coñecer nunha recente enquisa da Asia Foundation sobre a situación de Afganistán. A ameaza para Kabul xa non son os reductos dos talibáns, concentrados na rexión do Herat, fronteiriza co Pakistán. Son os chamados "warlords", ou "señores da guerra", aínda se algúns deles constituíron a chave para acabar co réxime talibán. Karzai confesou esta problemática e cada vez mais vese parapetado por tropas estadounidenses procedentes de empresas privadas de seguridade, o mesmo tratamento que se leva a cabo en Bagdad cos representantes do novo goberno. E por outra banda, está a presenza de militantes de Al Qaeda, a pesar de que un dos principais xefes ideolóxicos da organización entregouse en Afganistán ás autoridades saudíes, co colaboración de Irán, un feito sen precedentes.

A pesar de que unha enquisa recente amosaba un interesante respaldo local á xestión de Karzai asegurando que un 81% dos afganos pensan votar nas eleccións, a ameaza dos señores tribais e das milicias paramilitares descontroladas non son razóns de tranquilidade para o goberno interino nin para os seus aliados occidentais.

No panorama de Asia Central, é cada vez mais evidente que a estratexia de Washington de fortalecer rexímenes autoritarios e represores dos dereitos humanos, como os de Uzbekistán, Azerbaidján e Turkmenistán, en aras da "guerra contra o terrorismo", comeza a pasar factura. Estes gobernos autócratas vénse convulsionados pola presión de grupos islamistas e outros que demandan cambios democráticos. Os informes do Consello de Europa, as ONGs e a OSCE, dan fe da represión destes gobernos, polo que Washington comeza a percibi-los coma aliados incómodos. Nestes días, EEUU suspendeu unha axuda económica e militar a Uzbekistán.

Nembargantes, o escenario de "guerra contra o terrorismo" segue sendo o imperativo de Washington, e a súa política en Asia Central amosa un escenario similar ao de América Latina durante a "guerra fría", só que o avance do islamismo ven a substituír agora á antiga ameaza comunista. E tamén revela unha secreta "guerra fría" entre EEUU, Rusia e China, pola influenza nas repúblicas do antigo espacio soviético.

Enfatizar na estabilidade por enriba da democratización no Cáucaso e Asia Central, podería ser contraproducente e deixar a EEUU, Rusia e Europa nunha delicada posición. En Xeorxia e Afganistán podería estar a chave deste novo escenario.