Vojislav Kostunica e Zoran Djindjic decidiron abrir unha paréntese nas súas crecentes diferencias para non por en perigo a victoria da súa coalición nas decisivas eleccións do próximo 23 de decembro. Pero a pesar do acordo, son poucos os que aventuran a continuidade desta coalición máis alá desa data.
O negociado xira arredor dos seguintes compromisos: Kostunica designará primeiro ministro a Zoran Djindjic inmediatamente despois dos comicios; a cambio, este acepta devolver ó goberno federal o control das empresas públicas que "tomaran" os seus partidarios nos días da caída de Milosevic; e non discutir a presencia federal no diálogo bilateral entre Serbia e Montenegro sobre o futuro da Federación. O segundo eixe do acordo afecta á confección das listas electorais. Cada un dos partidos que lideran (Kostunica, o Democrático Serbio e Djindjic, o Democrático) participará nelas cun idéntico 26 por cento.
Segundo revelan as enquisas, crece a popularidade de Kostunica. O apoio social á súa formación pasou do 7 ao 35 por cento, sendo o máis valorado electoralmente. Segundo as mesmas fontes, Djindjic, non pasaría do 2 por cento, por detrás do ultra Seselj. Por iso, sabedor do limitado das súas expectativas, precisa asegurar, agora que está en posición de forza, un posto de importancia que logo non estará en condicións de reclamar. Os sondeos vaticinan para a DOS (Oposición Democrática de Serbia) a obtención de 160 dos 250 escanos do Parlamento Serbio.
A oposición a Milosevic é o unico punto de encontro das 18 formacións que forman a DOS. Fóra diso todo son desacordos. A rivalidade entre Kostunica e Djindjic é inocultable e vai en aumento. As súas concepcións sobre o nacionalismo ou a dirección do Estado son moi diferentes.
Djindjic pensa en gañar a partida final desde o goberno serbio. É sabedor de que o poder real está nas repúblicas e non na federación. Ademáis conta cunha maior receptividade das potencias internacionais que non acaban de dixerir o antiamericanismo de Kostunica e a súa maior identificación cos intereses nacionais serbios. Con Djindjic é mais doado de negociar. En Montenegro, os partidarios da independencia, tamén avogan por Djindjic porque para asegurar o seu control total da situación precisa destruír a Federación, o único sustento de Kostunica.
Mentres ninguén dubida de que os días da coalición están contados e mesmo alguén vaticina para Kostunica un fin próximo ao de Gorbachov en 1991, Djindjic, que xoga aquí o papel de Ieltsin, apúrase a colocar aos seus nas instancias decisivas. As quinielas non se poñen dacordo aínda sobre como se fragmentará a coalición: seguindo criterios políticos, entre socialdemócratas (Obradovic), centristas (Kostunica) e dereita (Djindjic), ou simplemente persoais (Kostunica e Djindjic). En todo caso, despois de Milosevic, en Belgrado, parece que a batalla política non fixo máis que comezar.