Sobredose de guerra

O Plan Colombia é presentado polo xeneral estadounidense Barry McCafrey como a batalla decisiva contra os narcotraficantes. Sen embargo, as súas víctimas principais van ser outras. En primeiro lugar, os campesiños cultivadores de coca e amapola que regresarán á máis absoluta miseria cando os seus campos sexan fumigados e non atopen vías de subsistencia alternativa. Os campesiños, asegura o experto independente Ricardo Vargas, participan co 0,67% no volume de negocio xerado polo comercio da droga. En segundo lugar, esa guerrilla que mantén en permanente xaque ó Estado colombiano, beneficiándose do negocio xerado polo narcotráfico, segundo o xeneral McCafrey, nuns 500 millóns de dólares anuais, o que representa aproximadamente o 1% do volume de diñeiro que manexan os narcotraficantes colombianos. Entre os dous actores non suman nen o 2%. ¿Contempla o Plan Colombia medidas de represión contra ese eufemismo que denominamos "crime organizado" e que controla máis do 98% dos beneficios xerados polo narcotráfico? Non.

O paquete de axudas que incorpora o Plan Colombia destinase a exercitar medidas de presión militar e policial que suman o 82% do orzamento previsto. Pero as redes ilegais que "branquean" nos paraísos fiscais do Norte desenvolvido, non se combaten con batallóns antinarcóticos ou helicópteros de última xeración. Por iso, son fundados os temores de que todo se reduza a un agravamento da loita contra as guerrillas coa finalidade de influenciar no balance final dunha interminable guerra civil na que os grupos armados veñen actuando con gran solidez e autonomía, mentres o Estado é tan fraco que se ve na obriga de facer deixación de funcións en beneficio de Washington. O previsible agravamento das tensións internas pode incrementar a polarización social e tamén rematar coas conversacións de paz.

Os campesiños non confían en que cheguen ás súas mans eses 145 e 93 millóns de dólares previstos no Plan para desenvolvemento alternativo e dereitos humanos e fortalecemento da xustiza e da democracia. Moitos están a argallar pequenas parcelas en plena selva para eludir as estratexias fumigadoras previstas, moi criticadas polas organizacións ecoloxistas de todo o mundo. Por outra banda, un hipotético éxito na erradicación dos cultivos provocaría, como primeiro efecto, un desprazamento cara outras zonas ¿Por que Brasil está tan preocupado? Na Amazonia hai 650 millóns de hectáreas para cultivar a coca. ¿Haberá despois un Plan Brasil?

E por último, están as reflexións de orde estratéxica. Hai quen pensa que a droga é unha escusa, que tanta implicación do xeneral Charles Wilhelm, xefe do Comando Sur dos Estados Unidos, obedece á necesidade de redefinir a política de seguridade do Pentágono despois da retirada de Panamá. Colombia brindaría un escenario idóneo para lexitimar unha importante presencia "gringa" no hemisferio Sur. Ese e non outro pode ser o problema de fondo que a administración americana tenta resolver con este "xeneroso" Plan.