Hai un apagón informativo, ata certo punto natural, a respecto das eleccións lexislativas que se desenvolverán o próximo domingo en Rusia. Todas as miradas se centran na outra campaña, a de Chechenia, mentres a propiamente electoral transcorre sen pena nin gloria, sen que uns e outros contendentes consigan establecer diferencias programáticas de certo calado. Tristemente, a guerra do Cáucaso une ás principais forzas políticas. É a trampa, exitosa, de Vladímir Putin.
Á xeralización dese clima de intranscendencia contribúe o feito de que todos os candidatos e partidos son conscientes de que, en última instancia, o poder da Duma é moi relativo e que a verdadeira batalla librarase nos comicios presidenciais. Con unha Constitución ultrapresidencialista como a de 1993, os deputados rusos son competencialmente impotentes para auspiciar medidas que eviten o deterioro da situación política, económical e social do país e parasitan en exceso na politiquería de chanchullos e alianzas con poderes fácticos e intereses económicos, co evidente e sumo propósito de salvar o seu propio status. As eleccións do domingo teñen, sen embargo, o valor dun test de gran alcance, aínda que as súas señorías sexan pouco mais que grandes sombras respecto dos principais protagonistas do dramático escenario ruso.
Segundo as enquisas, a celebrada intransixencia de Putin con Chechenia procuroulle unha marxe de popularidade do 36,5%. Ziúganov, ó lider do Partido Comunista ronda o 17%, Primakov, o ex-primeiro ministro situase en cuarta posición con un 10,8%, Grigori Yablinski, o liberal, co 5,2% en cuarta posición, e, por último, Iuri Luzhkov, o alcalde de Moscova, quedaría con un 3.1%. Se como parece os resultados do próximo domingo son favorables ás expectativas do primeiro ministro ou sensiblemente menos adversos do que cabería agardar, a hipótese dunha próxima dimisión de Ieltsin e a convocatoria antecipada das eleccións presidenciais cobraría forza.
Agardar ata xuño con un Ieltsin física e visiblemente deteriorado e unha guerra que, pese ós trunfos actuais, pode experimentar en calquera momento unha viraxe desagradable, é un risco demasiado grande. De feito, Vladimir Putin está a tender pontes a Primakov e Luzhkov para chegar a un compromiso que garanta a non esixencia de responsabilidades políticas e penais a Ieltsin e ó seu entorno inmediato. Tamén Occidente celebraría unha pronta clarificación da situación política rusa, incertidume que para moitos está na orixe desa masacre de Chechenia que suscita, entre nós, tantas caras de circunstancia.