Tarde de mais Powell e Annan decidiron tomar cartas no asunto da vergoñenta catástrofe humanitaria que se cingue sobre os campos de refuxiados de Darfur, e máis alá, para Chad.
O drama sudanés saltou á fin aos medios de comunicación. Agora é cando comezan a se facer eco os mastodontes da información dos fatais días que sofren os desprazados sudaneses, forzados ao desterro polas brutais e sanguinolentas milicias protexidas polo réxime de Jartum.
A prensa e as televisións de medio mundo agardaron ata o momento no que Powell ofrece, e non parece que moi a gusto, un comprometido apertón de mans ao sorrinte, compracente e responsable das matanzas, Omar el Beshir, presidente do país. Ata hoxe, o déspota criminal non se comprometeu a levantar o bloqueo contra os convois de axuda humanitaria que tentan chegar ata as víctimas.
Os medios, ocupados en bodorrios reais e pomposas celebracións normandas onde algúns choriqueaban bágoas falsas lembrando os gloriosos días da liberación da súa patria, non reaccionaron antes a pesar das reiteradas denuncias de Nacións Unidas e de numerosas Organizacións non Gobernamentais, que veñen alertando do flagrante e impune xenocidio dende hai meses.
Hai varias semanas que Human Rights Wacht falaba de miles de víctimas mortais pertencentes a diversas etnias negras do sur, de fosas comúns, de cadáveres degolados, de aldeas arrasadas e da inminente catástrofe humanitaria que sobreviña para máis dun millón de seres humanos. A Federación Internacional de Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella denunciaba violacións e agresións sexuais masivas contra nenas e mulleres por parte dos milicianos Janjaweed, amais doutras vexacións, mutilacións e toda clase de torturas. Pero ninguén fixo caso e iso que nese momento medio mundo, ¡cánta hipocrisía! se condoía con ocasión do décimo aniversario do xenocidio ruandés.
É aberrante e vergoñento ver agora a agonía desa xente retransmitida en vivo e en directo polas canles de televisión cando as denuncias estiveron amoreándose por montañas dende principios de ano e antes.
Non hai verdade máis certa que a que predica que “o que non sae por televisión non existe”. Toda a preocupación da prensa internacional estivo concentrada na maldita guerra de Iraq ou en comentar obviedades do estilo “semella que Saddam está agora máis delgado” ignorando unha vez máis o sufrimento humano dos máis pateticamente excluídos.
Se a estas horas os responsables do Consello de Seguridade das Nacións Unidas non tomaron aínda resolución a favor da intervención humanitaria en Sudán, é porque nin Europa nin Estados Unidos senten obrigación moral algunha.
Hai poucos días, Federico Mayor Zaragoza explicaba nunha conferencia en Santiago que, por un mal capricho da natureza, o virus do VIH podería sufrir en calquera intre, unha mutación que puidera provocar o seu contaxio a través de vías hoxe descartadas. ¿Por qué non? Advertía ademais, “xa saben vostedes que hoxe os virus viaxan en avión”. Occidente está colocándose, co seu pasotismo, co seu talante despectivo e a súa arrogancia ao borde dun perigoso precipicio, o da vinganza da historia.
Esperemos, os de arriba, non ter que lamentar algún día a tan alto prezo o feito de ter abandonado aos de abaixo.