Guadalajara: O cumio dos desencontros

Cumios coma o de Guadalajara, xa que non para outra cousa, serven alomenos para evidenciar as paradoxas crecentes da globalización capitalista. A contrariedade ponse de manifesto en que, si ben moitos dos problemas derivados son globais, (especialmente no que atinxe á degradación ambiental e ao esgotamento dos recursos), a desigualdade, neste caso entre a Unión Europea e o continente latinoamericano, medrou ata o punto de dificultar cada vez máis unha solución cooperativa entre iguais.

Neste contexto, non cabe máis que unha cooperación internacional asimétrica que por outra banda vai estar condicionada política e económicamente segundo beneficie máis ou menos, non ao receitor coma debera ser, senón ao donante.

A desculpa do cumio, o multilateralismo, non foi máis ca iso, unha desculpa. Os europeos estiveron oficiosamente en Guadalajara para esixir que o Área de Libre Comercio das Américas abra xenerosamente as súas portas aos investimentos e bens de consumo europeos. Oficialmente, os xefes de goberno dos Estados reunidos na cidade mexicana departiron sobre solidariedade internacional, loita contra o terrorismo, subdesenvolvemento, pobreza e sobre coma combater tantas penas e miserias.

Foi, como estaba previsto, un cumio carregado de solidarias intencións e palmadiñas nas costas, alborotada polos aspaventos do lugartenente de Castro quen, erre que erre, insistiu en que o documento final da conferencia fixese mención expresa á condena contra Estados Unidos a propósito das torturas de Abu Gharib e ao embargo que sofre a illa cubana. Non saiu coa súa coma cabía esperar. Cuba comparece neste tipo de cumios desde os últimos tempos para aporrear a mesa de negociacións e arroxar improperios contra a aberrante Helms Burton. Non sen razón.

A delegación cubana, sen Fidel á cabeza, foi acusada de ser pouco constructiva, de buscar a confrontación e de alborotar o galiñeiro. Pola súa banda, o presidente cubano, seguramente o único que poida dicer a estas alturas o que lle ven en gana, manifestou que o de Guadalajara sería un cumio "de carácter puramente cerimonial, no que a Unión Europea non se compromete absolutamente en nada, nin sequer a respectar o máis elemental principio de non intervención". Castro non deixou de aproveitar a ocasión para denunciar "a complicidade da Unión Europea cos crimes e agresións de Estados Unidos contra Cuba" por non condenar unha soa vez o bloqueo que sofre a illa. Acusou tamén a algúns gobernos de Estados latinoamericanos de servir a USA traizoando os lazos de fraternidade con Cuba e recalcou que Guadalajara, alén de ser unha farsa, estaría concebida "de forma que non poida darse nengún verdadeiro debate libre".

As ausencias foron notábeis. Do bando americano, nin Alejandro Toledo, nin Kirchner. Do lado europeo, nin Blair, nin Berlusconi. Foi, iso si, o estreo de Zapatero no seu primeiro acontecemento de relevancia internacional fora de Europa. Lula da Silva aproveitou a ocasión para achegar posturas co presidente do novo executivo propondo España coma sede permanente da Secretaría para os futuros cumios entre a Unión Europea, Latinoamérica e o Caribe.

Alén do multilateralismo, Guadalajara foi sede de trillados discursos altruistas nos que se falou de procurar a reforma institucional de Nacións Unidas e ainda máis lonxe, das estruturas financeiras internacionais.

O III Cumio da Unión Europea, América Latina e o Caribe arrastrou consigo o seu par lóxico: unha vez máis o heteroxéneo batallón antiglobalización estivo onde tiña que estar, nas rúas. As forzas de seguridade sitiaron a cidade. Máis fácil tivese sido atrincheirarse fronte ao McDonalds, xa se sabe, o estilo José Bové fixo historia e desde entón a multinacional americana de comida lixo é, claramente o branco das frustracións dos que violentamente lle plantan cara á globalización neoliberal. Entrementres Fox pronunciaba o seu discurso de clausura, desatábase na rúa unha batalla campal cun balanzo de feridos e detidos, que probablemente non haberemos coñecer.

Seguramente estas liñas poderían ser gardadas para seren replicadas no próximo cumio ou encontro internacional pois, sexa cal sexa a súa razón de ser, multilateralismo, comercio ou medioambiente, vista unha, vistas todas.