Taiwan: Beijing bota o ferrollo

A non participación de Taiwan na asemblea da OACI (Organización de Aviación Civil Internacional) é fiel reflexo do avance do veto continental á visibilidade internacional da illa, con nova presidencia desde o 20 de maio, agora en mans do soberanista PDP (Partido Democrático Progresista ou Minjindang). En xullo último, os delegados taiwaneses tampouco puideron participar nunha reunión sectorial da FAO en Roma (o último incidente similar produciuse en 2003). En maio, a asistencia á asemblea da OMS estivo rodeada de polémica pola esixencia previa de aceptación do principio de “Unha soa China”. A posibilidade de participación na asemblea de Interpol en novembro, pese a estar a secretaría xeral en mans dun alemán e non dun chinés, como no caso da OACI, é obxecto de especulación.

Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

A diplomacia de Taiwan, recoñecido por só 22 países, enfróntase a unha conxuntura complexa. A exclusión das reunións multilaterais creba as posibilidades de comunicación con terceiros países deixándolle como principal recurso seguro a futuro a sociedade civil a través das ONGs. De chegar a consumarse o vaticinio dunha pronta normalización do Vaticano con Beijing (malia tantas incompatibilidades bilaterais), a ruptura con Taiwan suporía un duro revés, aínda que poida danar a reputación do Vaticano a ollos de moitos católicos no mundo. Curiosamente, a día de hoxe, case 200 chineses do continente estudan teoloxía no Vaticano fronte a tan só 1 procedente de Taiwan. 

Taipei ten en marcha un plan para reducir e reestruturar oficinas representativas (117 ao redor do mundo), á baixa en Europa ou América e ao alza en Asia, en coherencia coa Nova Política cara ao Sur que inclúe a Australia ou Nova Zelandia. O novo goberno poñerá toda a carne no asador para lograr o éxito desta reorientación pero o intento de ir con ela máis aló dos intercambios comerciais e investimentos -do que presumen os seus inspiradores- constitúe o maior aliciente para que Beijing manobre co propósito de obstaculizar a extensión e estreitamento dos lazos con estes países.

En consecuencia, os horizontes diplomáticos de Taiwan, que experimentaron certa mellora plausible durante a tregua que supuxo o mandato de Ma Ying-jeou (2008-2016) e o establecemento da “terceira cooperación” entre o KMT e o PCCh (2005), vanse anubrando. Todo apunta a que en Beijing se aposta pola liña dura e seguirá premendo para que a presidencia de Tsai Ing-wen recoñeza o Consenso de 1992 (unha China, dúas interpretacións), o cal non é verosímil. O ferrollo á participación internacional pode chegar máis lonxe aínda, aínda que é probable que progrese de forma escalonada.
A aposta continental seguirá intensificándose co fin de visibilizar a calella sen saída ao que conduce o PDP a unha sociedade na que podería crecer o malestar e que, como vimos coa recente mobilización do sector turístico, pode traducirse en presión interna fronte ao goberno. Á suspensión dos intercambios oficiais, cabe engadir a baixa do comercio bilateral (case o 10 por cento nos sete primeiros meses do ano). 

Tsai tratou de evitar a confrontación aberta. Por exemplo, usa o termo “China continental” no canto de só “China”, pero isto non é suficiente para acumular confianza entre as partes. O PCCh parece decidido a ignorala, tendendo pontes coas forzas afines e si a estas convén, as perdas diplomáticas serán maiores e irreversibles cando chegue o momento adecuado. 

O fecho imposto ao PDP alcanza tamén á mobilidade dos seus propios deputados. A pasada semana, por exemplo, Hong Kong rexeitou a entrada dunha lexisladora da súa formación. E é o terceiro caso en pouco tempo. Mentres, Beijing abre de par en par as portas aos alcaldes do KMT propoñéndolles unha vía de compensación (con derivacións en materia económica, turística, etc.) si persisten na súa adhesión ao Consenso de 1992. O Taiwan bo (azul) e o Taiwan malo (verde)….

A taxa de popularidade de Tsai caeu 25 puntos en catro meses. Non é pouco. Niso inflúen varios factores e non todos gardan relación con China continental. Moitos taiwaneses aplauden a súa posición en defensa do statu quo e a negativa a recoñecer o consenso de 1992, pero o abafamento e a presión continental pode ter longas implicacións nas políticas domésticas e ameazar a estabilidade da súa confortable maioría absoluta.