traducion 7marzo

Traducións e literaturas de premio

Que valor ten a literatura e a tradución na internacionalización de Galicia? Que desafíos nos tempos actuais?Nota sobre a a mesa redonda "Traducións e literaturas de premio" que tivo lugar o 7 de marzo no marco do congreso El ojo de Polisemo, coorganizado por ACE Traductores (CEDRO) e a Universidade de Vigo

A posición dos sistemas literarios no panorama internacional, segundo a Socioloxía dos estudos culturais, compréndena, entre outros factores: os premios nacionais e internacionais que as autorías e obras son quen de recadar; as traducións exteriores a outras linguas e, tamén, a difusión interna e externa nos ámbitos didáctico, escolar, comercial e cultural.

A literatura galega fíxose merecedora nas últimas décadas de varios galardóns, de ámbito nacional e internacional de gran prestixio. Testemuñan esta afirmación os 22 premios estatais deste século que varias autorías galegas deteñen nas diversas modalidades (narrativa, poesía, poesía nova, ensaio, xornalismo cultural, banda deseñada, mellor tradución, labor do/a tradutor/a ou labor editorial cultural).

Coa intención de salientar a excelencia das letras galegas e a súa incidencia na tradución, o 7 de marzo o congreso El ojo de Polisemo, coorganizado por ACE Traductores (CEDRO) e a Universidade de Vigo, trasladouse á sede da UVigo na cidade, o edificio Redeiras. Nese espazo tivo lugar a mesa redonda Traducións e literaturas de premio (podes vela nesta ligazón), que contou coa participación de Marilar Aleixandre, premio nacional de narrativa 2022; Xavier Queipo e María Alonso Seisdedos, premios nacionais de tradución 2014, e Moisés Barcia, responsable da editora Rinoceronte, especializada en tradución. Os participantes contan cunha extensa traxectoria intelectual, quer no ámbito da creación, quer no da edición, no que a tradución ocupa un lugar destacado. Grazas ao seu labor podemos hoxe ler en galego obras de autorías clásicas coma Joyce, Tolkien, Calvino, Pavese, Bocaccio, Joseph Conrad, Lewis Carroll ou Dickens, mais son tamén responsables das versión galegas de varios premios Nobel, coma Annie Ernaux, Orhan Pamuk, Ishiguro, Coetzee, Dario Fo, Isaac Bashevis Singer, Grazia Deledda ou Knut Hamsun. Puxeron voz, así mesmo, a varias autorías contemporáneas relevantes coma Amin Maloouf, Andrea Camilleri, Cornelia Funke, Patricia Higsmith, Sandra Cisneros, ou ao propio Harry Potter de J.K. Rowling. Diversos premios testemuñan a excelencia do seu traballo e sobre premios, literatura e tradución versou esta charla.

Nunha ateigada sala déronse cita, alén de asistentes ao congreso, profesionais da tradución e da interpretación, escritores/as, estudantes, docentes e persoas interesadas na literatura e na cultura. O encontro contou, pois, cun público participativo que interactuou coas persoas invitadas no acto, concibido co formato dunha conversa. Esta xirou ao redor de tres eixos: a tradución literaria, os premios á creación e á tradución e, como non, a incidencia da chamada intelixencia artificial no campo literario.

A heteroxeneidade das persoas convidadas e do público con profesionais non só da escrita e da tradución, senón tamén doutros elos do sector cultural alentou unha gran diversidade de respostas sobre os criterios para escoller ou realizar unha tradución. Desde a afirmación saramaguiana de que Toda escrita é tradução e de que estamos sempre a nos autotraducir cando poñemos en palabras os pensamentos, que evocou o escritor e tradutor Xavier Queipo; á visión ideolóxica de Aleixandre, de traducirmos aquilo que nos interesa, ou á máis pragmática do editor e tradutor Moisés Barcia e de María Alonso Seisdedos, para quen son decisivos a relevancia e os premios de autoría e obra, o gusto persoal, o equilibrio co que xa hai traducido, a oferta, o contrato e as tarifas que se ofrecen no mercado. Todos e todas elas concordaron coa necesidade de meterse na obra para traducila mais sempre desde unha base de moitas lecturas, do exercicio de rexistros variados para enriquecer a reescrita e da convicción de que a constancia, a modestia e a exhaustividade son centrais para exercer este labor.

A cuestión dos premios e da súa incidencia na carreira literaria e profesional colocou o foco sobre a acción dos xurados e as súas dinámicas. Se para acadar un premio é importante o valor literario da obra en cuestión, tamén o é que faga parte dunha proposta de xurado e de como esta se defenda. Nese sentido, adoita ser máis difícil para as culturas con linguas menos faladas, que dependen en maior medida da tradución. É precisamente nesa tradución, onde por veces se adapta o orixinal ás coordenadas culturais do público meta da tradución. Moitos foron os exemplos que se suscitaron nun debate implícito sobre a exotización ou a domesticación das traducións e neles púxose de relevo, precisamente, o oficio das e dos integrantes da mesa.

O novo marco motivado pola irrupción no mercado da tradución e da creación da denominada intelixencia artificial propiciou varias intervencións e debates. Neles houbo cabida para a denuncia pola substitución de profesionais da tradución audiovisual por máquinas desde o sector institucional, coa conseguinte mingua de calidade do produto final, e tamén para unha reflexión máis fonda sobre o código ético que debe imperar na súa utilización no futuro. Desde a premisa de que polo momento as máquinas se limitan a replicar a creatividade humana, o que supón que erren menos en textos pragmáticos moi codificados, esixíronse os tres principios éticos: permiso para usar como materia prima obras editadas ou traducidas anteriormente, transparencia na indicación de que os produtos resultantes son obra dunha máquina e, por último, remuneración adecuada de materiais e tarefas implicadas en calquera proceso onde tales ferramentas se apliquen. Os avances nesta materia conducen no campo da tradución e da creación, como en moitas outras profesións, a unha redefinición de tarefas, ao recoñecemento duns estándares de calidade para os produtos obtidos por uns ou por outros métodos e tamén a unha nova delimitación do concepto de propiedade intelectual. Ninguén, nin profesionais, nin consumidores/as, nin público, somos alleos/as a esta nova realidade. Preguntámonos se esta será quen de producir tantos premios e excelencia como as que se puxeron de manifesto neste acto.