20071027 kabul georgi parvanov

Trona en Bulgaria

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Georgi Parvanov; clic para aumentar
Algunhas filtracións e un informe da Axencia Europea Antifraude (Olaf) non auguraban nada bo nese documento, e a oposición pretende incapacitar ao presidente Georgi Parvanov (na foto), ante o Tribunal Constitucional, mentres prepara o boicot aos debates no Parlamento e solicita a dimisión de todo o consello de ministros, ou cando menos dalgúns dos seus membros.
 

Nos días previos a que Comisión Europea emitira o seu informe sobre Bulgaria, que foi moi crítico, unha forte tormenta impropia do estío e adobiada de non poucos raios acompañaba o ánimo dos pesimistas cidadáns búlgaros que non ven con confianza o funcionamento das súas institucións públicas.

Algunhas filtracións e un informe da Axencia Europea Antifraude (Olaf) non auguraban nada bo nese documento, e a oposición pretende incapacitar ao presidente Georgi Parvanov, ante o Tribunal Constitucional, mentres prepara o boicot aos debates no Parlamento e solicita a dimisión de todo o consello de ministros, ou cando menos dalgúns dos seus membros.

O informe da Olaf dominou os medios de comunicación dende o 16 de xullo, e o cotián Sega, describiu o informe como "radical", subliñando que fai referencia a vencellos entre membros do goberno e compañías sospeitosas de beneficiarse de fondos europeos de maneira ilícita, mentres se dificultan as investigacións.

O informe subliña tamén que existe unha malversación de 14 millóns de euros en proxectos de dubidosa condición, e outros 32 millóns de euros en fraudes documentais. Apúntase ao nomeado "Nikolov-Stoykov Group", como o responsable destes feitos cualificándoos de rede criminal de 50 persoas e compañías offshore, controladas por Mario Nikolov e Lyudmil Stoykov, de quen se sospeita que teñen vencellos íntimos co actual goberno.

Tamén dende a Olaf critícase a falla de interese por parte do goberno búlgaro en atallar o problema e castigar os responsábeis. Ao día seguinte de facerse público este informe, Reuters informou da intención de Bruxelas de deixar a Bulgaria sen 500 millóns de euros de fondos de preadhesión (Phare, Sapard e Ispa) que estaban conxelados debido ás probas de fraude. Pero a UE desmentiu a veracidade das informacións espalladas por Reuters.

O primeiro ministro Sergei Stanishev e o ministro do interior Mihail Mikov foron dos primeiros en respostar ao informe da Olaf, descualificando estas afirmacións, segundo eles sacadas dos tabloides da prensa amarela búlgara. Pero houbo máis leña para o lume, cando se fixo público un borrador recomendando que dúas axencias, baixo o control do Ministro de Finanzas, Plamen Oresharski, e do Ministro de Desenvolvemento Rexional e Obras Públicas, Assen Gagaouzov, deberían estar privadas de asinar contratos relacionados con fondos europeos.

Polo tanto, a río revolto xa se sabe o que pasa. A oposición move ficha e os demócratas por unha Bulgaria Forte de Ivan Kostov, aproveitan a ocasión para solicitar que a axencia estatal se seguridade investigue os vencellos alegados pola Olaf entre o crime organizado e certas figuras do goberno. Mentres, reclámase a dimisión do Presidente Parvanov.

Parvanov, inxenuamente, recoñeceu o dia 18 de xullo que Lyudmil Stoikov doou 50.000 levas (25.641 €) para a súa campaña electoral a través das compañías Ladimex e Eurometal.

No mesmo día, outro rotativo afirmaba que o Movemento Nacional Simeon Saxe-Coburg’s (MNEP) para a Estabilidade e o Progreso, que se abstivera nunha moción de confianza o ano pasado, e que é un dos tres partidos no actual goberno, estaba considerando abandonar o tripartito contribuíndo dese xeito a un maior caos, sen que se confirme ou negue tal intención por parte desta formación.

O que si está sempre preparado é Boiko Borissov, o alcalde de Sofia e líder na sombra do partido da oposición Cidadáns para o Desenvolvemento Europeo de Bulgaria. Un partido novo que segundo avisan as enquisas está perto de gañar o maior reparto de votos nas vindeiras eleccións parlamentarias no 2009, e que agora demanda o adianto da consulta ao electorado.

Borissov, impetuoso, pediulle ao presidente Parvanov responsabilidades polas accións da coalición de goberno para así deixarse ver, ameazando con boicotear a actividade do parlamento. Algo insólito e significativo, pois non se ven tódolos días alcaldes que lle poidan erguer a voz a un presidente de goberno…

De paso, tamén se rumorea que o MNEP esta considerando propoñer a reducción do mínimo requirido para o impeachemnent, pasando dos 160 votos requiridos actualmente dos 240 da Asamblea Nacional, a 121.

O proceso de impeachment de Parvanov parece inalcanzable. Pero comeza a tomar forma a idea de presentar unha moción demandando a súa dimisión. De momento, non parece que a oposición teña forza suficiente para conseguir os votos necesarios na Asemblea Nacional para enviar a Parvanov ao Tribunal Constitucional.

Se existen probas de financiamento ilícito e colaboración da administración coa mafia, os responsábeis deberían ser levados diante da xustiza, sen dúbida algunha. Pero as probas non parecen estar de todo claras. É coñecido de todos o pecado, pero non o pecador… O que si queda claro é o veo de pesimismo e constantes acusacións que só serven para deteriorar a imaxe de Bulgaria e dar sensación de caos e despropósito.

Parvanov sostén que vai acabar a lexislatura co primeiro ministro Stanishev ao fronte do consello de ministros. E o ambicioso Borissov pídelle que lle devolva o diñeiro a Stoikov, coa intención en mente de boicotear o parlamento en agosto ou en setembro.

No informe final poucos foron os cambios introducidos en comparación co informe que foi filtrado á prensa. Bruxelas non vai establecer cláusulas de salvagarda por forte que sexa a linguaxe, e a longa batería de recomendacións son suxestións que retrasan a chegada dos fondos europeos e o tempo de beneficio deses fondos. En calquera caso, está clara a debilidade e inestabilidade do goberno ante os ataques da oposición e as declaracións na prensa que con constantes filtracións e incisivos titulares vilipendian a imaxe dun goberno que prega por maior estabilidade.