Trump e os paraísos fiscais

E finalmente Donald Trump gañou... “Fin dos tempos” ou Make America Great Again? Certamente, moitas chancelarías están preocupadas por este feito, outras non tanto. Rusia e China á espera, Francia e Alemaña tensas, Hungría e Serbia entusiasmadas, e os pequenos paraísos fiscais interesados. Que poderá suceder? Difícil sabelo, mais si se intúen algunhas liñas que, por exemplo, no ámbito financeiro resúmense en dúas palabras: desregulamentación financeira.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

E finalmente Donald Trump gañou... “Fin dos tempos” ou Make America Great Again? Certamente, moitas chancelarías están preocupadas por este feito, outras non tanto. Rusia e China á espera, Francia e Alemaña tensas, Hungría e Serbia entusiasmadas, e os pequenos paraísos fiscais interesados. Que poderá suceder? Difícil sabelo, mais si se intúen algunhas liñas que, por exemplo, no ámbito financeiro resúmense en dúas palabras: desregulamentación financeira.

Un novo fenómeno económico como o mencionado, que podería ser semellante ao vivido durante a época Reagan, impulsaría un modelo financeiro que beneficiaría a aquelas economías nacionais que viven principalmente do fluxo mundial de capitais, como son os paraísos fiscais onde as finanzas se senten cómodas[1].

Os paraísos fiscais, ou outras categorías xeográfico-económicas semellantes, soen ser pequenas illas ou territorios perdidos no mapa terráqueo que reciben un forte impacto positivo co fenómeno da desregulamentación, que ademais de ser un pulo para os mesmos, crea unha competencia entre eles debido tamén ó seu número cada vez maior causado pola globalización neoliberal, e que deriva  nun maior libre mercado global. Prodúcese pois unha política de diferenciación e especialización. Por exemplo, as Bermudas están especializadas en seguros; en Singapur e Dubai, o secreto bancario está fortemente protexido; Londres, Nova York e Suíza están especializados na xestión de fondos procedentes dos patrimonios das persoas máis ricas, en definitiva, private banking.

Cómpre destacar un momento histórico relevante, cando en 1984 Ronald Reagan abandona a política de imposición tributaria sobre o capital na fonte de orixe, intereses e dividendos pagados aos titulares estranxeiros de activos financeiros estadounidenses, facendo máis atractiva a financiación do déficit comercial norteamericano para os inversores foráneos. A continuación, moitos dos países desenvolvidos seguiron os mesmos camiños como Francia nese mesmo ano, Reino Unido en 1986 e España en 1988. Co obxecto de favorecer o desenvolvemento desta revolución nos (des)equilibrios globais das balanzas de pagos e das súas plataformas de acción (os paraísos fiscais), os grandes bancos instalados nos centros financeiros offshore converten os paraísos nas plataformas xeográficas onde desenvolver as operacións con maior marxe de liberdade e menores custes fiscais.

Na década seguinte todo o vencellado a paraísos fiscais colle relevancia mediática, e dende 1995 comezan a sinalarse os vínculos entre paraísos fiscais e comportamentos ilegais, incluído o terrorismo tralo 11-S, debido ás súas lasitudes e opacidades. Ademais, como se dixo, xurde o problema da competencia fiscal debido tamén ao uso dos paraísos como un instrumento de planificación e evasión, un asunto de consecuencias serias para o sostemento dos sistemas públicos polas implicacións na recadación de impostos que ao ser menor afecta negativamente no financiamento do Estado de Benestar.

Neste contexto, en 2009 tivo lugar en Londres un cumio do G-20 onde se abordou a loita contra os paraísos fiscais. No documento final da reunión recóllese o acordo sobre a adopción de accións contra as xurisdicións non cooperantes, incluídos os paraísos fiscais, e a aplicación de sancións co fin de protexer as finanzas públicas e os sistemas financeiros. Ademais, e paralelamente, faise pública por parte da OCDE unha lista de países (Andorra, Costa Rica, Nauru, Antiga e Barbuda, Xibraltar, etc.) que conteñen elementos deficitarios no ámbito dos estándares fiscais internacionais. De feito, tralo cumio os líderes políticos ofreceron unha imaxe de optimismo chegando algúns a afirmar que era o inicio do fin dos paraísos fiscais, algo moi lonxe da realidade como se viu máis adiante. Pola contra, se ben algúns elementos dos paraísos fiscais foron mellorados, o nuclear foi adaptado ao marco legal internacional, ou máis ben ao revés nun exercicio de enxeñeira xurídica, convalidando, por exemplo, os beneficios fiscais e o secretismo que Luxemburgo e Suíza conceden ás grandes fortunas e ás grandes operacións financeiras, grazas ás listas grises de países e deixando para casos máis extremos as listas negras onde as ilegalidades cometidas son tan sobresaíntes que son imposibles de “camuflar”.Así pois, de facto ampárase o branqueo de diñeiro negro e a evasión fiscal, quedando de manifesto que estes “refuxios de piratas” son parte dun mecanismo que sostén a superioridade do mercado (imperfecto) fronte o Estado, na liña iniciada pola administración Reagan.

En definitiva, e retornando ás eleccións nos Estados Unidos, as propostas de Donald Trump neste eido fornecen unha serie de consideracións:

1.      O afondamento dun contexto financeiro que ampara, beneficia (e se beneficia) de actividades ilegais como pode ser o tráfico de mulleres, narcotráfico, mercado negro de armas, terrorismo, etc. Curiosamente, asuntos que van en contra doutros eidos propostos por Trump como son a defensa da moral xudeo-cristiá ou a loita contra o terrorismo. Ademais, no ámbito económico-financeiro ampáranse outras accións como o lavado de diñeiro negro e a evasión fiscal.

2.      Promóvese un contexto internacional onde os paraísos fiscais abundan e compiten entre si, o que produce unha situación de competencia fiscal á baixa, reducíndose os ingresos públicos do Estado, o cal se ve diminuído e vendo ocupado o seu espazo por un mercado con grandes concentracións empresariais e con prácticas monopolísticas e de cárter.

3.      Como derivada do punto anterior, unha redución dos ingresos fiscais provoca unha maior dificultade, e incluso imposibilidade, para manter os servizos públicos ofertados polo Estado, incluso os considerados básicos, polo que non se ven cubertos de ningún xeito ou, cando o son, faise mediante a oferta de servizos por parte dos oligopolios privados.

4.      Fornécese e valóranse os paraísos fiscais como o ente xeográfico que serve como vehículo para manter un sistema financeiro internacional que goza dunha liberdade afastada da soberanía dos Estados.