Turquía: a outra “vítima” do “non”

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Igrexa de Santa Sofía en Istambul (Turquía), clic para aumentar
Os gobernos de Jacques Chirac e Gerhard Schröder apoian oficialmente a candidatura turca pero a maioría dos franceses e alemáns ou ben recean de Turquía ou ben rexeitan con contundencia a súa eventual admisión. Neste grupo tamén se inclúen Holanda e Austria, países con numerosa poboación turca e musulmana. (Foto: Igrexa de Santa Sofía en Istambul, Turquía).
 

Terremoto na periferia europea. Se nestes momentos existe un país máis desfavorecido tralos rexeitamentos francés e holandés á Constitución europea, probablemente ese país sexa Turquía. Tanto en París como en La Haya, a maioría dos cidadáns que votaron en contra do texto constitucional europeo tamén o facían en contra da eventual adhesión turca á Unión Europea. Isto constitúe non só un efecto indirecto do fracaso no proceso de ratificación europeo senón unha mensaxe moi clara, aínda que non necesariamente acertada.

Antes do referendo francés, o ministro turco de Finanzas, Alí Babacan, declarou que o seu país "converteuse nun asunto de política interna en Francia e outros países". Non lle faltaba razón: recentes enquisas aseguran que un 18% dos franceses que votaron polo "non" o fixeron polo feito de que Bruxelas acordara comezar negociacións de admisión con Turquía a partir do 3 de outubro deste ano. En todo caso, segundo o acordado no cumio europeo de decembro pasado, Turquía non ingresaría na UE antes do 2015.

Nos carteis propagandísticos do "non" previos ao referendo francés, especialmente aqueles pertencentes á ultradereita da Fronte Nacional, a referencia a Turquía era sumamente visíbel. Tralas votacións francesa e holandesa, os diarios turcos analizaron os resultados coma unha "derrota para Turquía". O primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan intentou calmar aos seus cidadáns afirmando que o referendo constitucional europeo non tiña nada que ver coas negociacións con Turquía e que as reformas esixidas por Bruxelas continuarían o seu camiño.

Neste sentido, Ankara xa fixo intentos de recoñecemento de Chipre e modificou o Código Penal, con referencias favorábeis á comunidade curda e ao recoñecemento do xenocidio armenio. Pero non todo xira cara Europa, xa que a política exterior turca tamén observa a dous aliados estratéxicos: Israel e EEUU. Erdogan estivo en Tel Aviv e Washington, afianzando as relacións xeopolíticas e militares, como posíbeis contrapesos no caso de que se paralicen as negociacións con Bruxelas.

Ante esta perspectiva, nunha Europa en estado de inquedanza, ¿pódese afirmar que a candidatura turca polariza dun xeito tan contundente á sociedade europea? Evidentemente que si, tomando en conta o divorcio existente entre a posición política e as preferencias sociais dalgúns países. Neste sentido, Francia e Alemaña, os eixes dunha construcción europea hoxe en fase crítica, son os dous mellores exemplos. Os gobernos de Jacques Chirac e Gerhard Schröder apoian oficialmente a candidatura turca pero a maioría dos franceses e alemáns ou ben recean de Turquía ou ben rexeitan con contundencia a súa eventual admisión. Neste grupo tamén se inclúen Holanda e Austria, países con numerosa poboación turca e musulmana.

Resulta tamén unha evidente esaxeración identificar as aspiracións turcas co modelo constitucional exposto no Tratado que hoxe semella moribundo. O Tratado non fai referencia algunha a Turquía e, precisamente para evitar futuras consecuencias políticas, evita mencionar o carácter cristián de Europa, manifestando a súa condición laica, similar á existente na sociedade turca. Pero a incerteza aumenta tendo en conta a elevada presenza da comunidade turca en diversos países de Europa e as dúbidas en torno á súa posíbel integración social nunha Europa "maioritariamente moderna, desenvolvida e de carácter cristián".

Entrando nos escenarios das suposicións, analizando os referendos en clave electoral, diminúen as opcións dos simpatizantes da causa turca. Se as eleccións xerais en Alemaña, previstas para outubro deste ano, dan a victoria á conservadora Merkel, unha firme opositora a negociar con Turquía, o proceso de contactos turco-europeos sufrirá transformacións. Turquía pode ser o "tema estrela" das eleccións alemás de outubro como o fora do referendo francés en maio. Ademais, as eleccións alemás coinciden coa data de comezo das negociacións entre Bruxelas e Ankara.

Do mesmo xeito, o ascenso de Nicolás Sarkozy en Francia, outro manifesto opositor á admisión turca, tralo resultado referendario, aumenta as súas opcións presidenciais para o 2007. A curto prazo podería falarse dun eixe Merkel-Sarkozy que obstaculice as aspiracións turcas, unha especie de fórmula liberal-conservadora no centro do eixe franco-alemán, que modificaría as políticas adoptadas ata agora cara Turquía.

En Ankara xa vai collendo forma a desilusión e o descontento. Para Erdogan, o reto semella complexo: pódese confrontar cun auxe das opcións islamistas máis radicais e antieuropeas, dunha renovación política do nacionalismo turco (tamén antieuropeo) e un descontento dentro das Forzas Armadas (tradicionalmente europeístas), aumentando as presións no delicado fio entre secularistas e relixiosos.

Todo isto completaría un escenario convulso nun país que pode ser clave para Europa, como mercado emerxente, ponte de diálogo cara o Islam e incluso dende o punto de vista enerxético, trala recente apertura do oleoduto Bakú-Tbilisi-Ceyhan. Se ben o "non" en Francia e Holanda seguramente propiciará unha reforma do modelo da Europa social, ¿tamén modificará as relacións entre Bruxelas e Ankara? E, para Turquía, ¿Europa segue a ser un "soño" ou un "pesadelo"?