Ucraína: o repunte da economía

A economía de Ucraína creceu un 9 por cento en 2001, excedendo os prognósticos nun 50 por cento. Este crecemento debeuse a unha impresionante suba da producción industrial e a unha xenerosa colleita de cereais. O ano anterior, a economía crecera un 4,1 por cento. Son datos do Fondo Monetario Internacional (FMI), quen agarda que no 2003 o crecemento non baixará dun 4 por cento. Loubanza especial do FMI mereceron as recentes leis adoptadas por Ucraína para combater o lavado de diñeiro e que permitiron levantar rapidamente as sancións impostas por recomendación do GAFI (FATF).

Sen embargo, o clima de investimentos en Ucraína segue seriamente influido por varios rasgos que merecen a crítica exterior e impiden que o país mellore o seu ranking en Europa como destino de inversións.

Durante a súa visita a Kiev a semana pasada, o director do FMI para a ex-Unión Soviética, John Holding, sinalou que para manter o crecemento económico deben ser implementadas as leis recentemente aprobadas, pero tamén acelerar as reformas estructurais.

Segundo informa a axencia AP, o alto funcionario, tras reunirse co Primeiro Ministro de Ucraína, V. Yanukovych, sinalou a necesidade de eliminar privilexios fiscais, os atrasos na devolución do IVE, realizar reformas no sector da enerxía para reducir as perdas das empresas e facer as finanzas máis transparentes para o público, asi como endurecer os regulamentos para o sector da banca.

Entre os factores que desfavorecen as inversións figuran o alto nivel da corrupción, a persistencia das subvencións indirectas, e a feble protección legal de dereitos de propiedade.