Un golpe “indiferente”

O cincuentenario do golpe militar acaecido o 1º de abril de 1964 obriga á reflexión sobre as transformacións acaecidas no Brasil contemporáneo. Fortalecida polo contexto da “guerra fría” e, particularmente polo apoio estadounidense(1), o impacto da prolongada ditadura militar (1964-1985) foi escasamente atendido dende o exterior, percibido incluso de forma indiferente, como unha especie de “ditadura branda”(2), en particular cando se compara con outros réximes ditatoriais suramericanos como foron o Chile de Pinochet ou a Arxentina de Videla.

Liñas de investigación Observatorio Galego da Lusofonía
Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave Brasil Golpe
Idiomas Galego

O cincuentenario do golpe militar acaecido o 1º de abril de 1964 obriga á reflexión sobre as transformacións acaecidas no Brasil contemporáneo. Fortalecida polo contexto da “guerra fría” e, particularmente polo apoio estadounidense(1), o impacto da prolongada ditadura militar (1964-1985) foi escasamente atendido dende o exterior, percibido incluso de forma indiferente, como unha especie de “ditadura branda”(2), en particular cando se compara con outros réximes ditatoriais suramericanos como foron o Chile de Pinochet ou a Arxentina de Videla.

Este descoñecemento do impacto da ditadura militar que depuxo ao presidente João Goulart en 1964 ofrece unha panorámica escasamente abordada sobre a realidade brasileira. Un exemplo revelador foi a instauración, a partir de 1968, da tristemente célebre Acta Institucional Nº 5(3), un procedemento xurídico acorde coas Doutrinas de Seguridade Nacional instauradas en América Latina dentro do contexto da “guerra fría”, por instigación de Washington, e que derivou na lexitimación da tortura, a eliminación do habeas corpus, a represión e a censura.

Amparado  neste contexto, a xunta militar intensificou a construción de grandes infraestruturas e proxectos “faraónicos” (especialmente no campo militar), orientados a ofrecer ao mundo a imaxe dun Brasil “moderno”, un “país de futuro” que escondía grandes desigualdades socioeconómicas e un abrupto panorama de represión política.

Con todo as controversias que poidan existir sobre o período da ditadura militar, o Brasil proseguiu a súa evolución con claros contrastes, avances e contradicións. Preservou a institucionalización dunha escola xeopolítica propia creada nos círculos militares na década de 1930 e que obviamente foi fortalecida durante o réxime militar baixo parámetros da “guerra fría” e dos intereses estratéxicos de Washington. Con todo, a xeopolítica brasileira foi posteriormente revisada e reconvertida aos cambios que presentaba o sistema internacional trala transición democrática (a partir de 1985), aínda que reconstituída baixo os imperativos da globalización predominante na posterior etapa da “posguerra fría”.

Con seus contrastes, Brasil é hoxe unha potencia emerxente nun mundo globalizado, un actor relevante que amplía o seu radio de actuación dende a contorna sudamericana e  hemisférica ata os eidos atlántico, lusófono, africano e incluso asiático. Neste sentido apréciase unha evolución nos parámetros de actuación da política exterior brasileira. Do perfil claramente “autonomista” e incluso “tercermundista” defendido polos gobernos de Quadros e Goulart previos ao golpe militar a comezos da década de 1960, transitouse cara a actual visión multipolar e multilateral (BRICS, IBSA, G-20), visiblemente institucionalizada dende o poder polo Partido dos Traballadores (PT) a partir e 2003.

No plano político interno, a transición democrática brasileira permitiu establecer un marco de normalización e democratización das relacións cívico-militares, amparadas na actual Constitución de 1988, que restrinxiu o papel das Forzas Armadas en temas relativos á seguridade interna. Así, a creación do Ministerio de Defensa deu paso a que os seus representantes foran civís e non militares(4). Con todo, a verdadeira transición política brasileira ocorreu coa chegada ao goberno de Lula e do PT en 2003, fortalecida esta opción tras anos de loita e militancia política impulsada, precisamente, na fase final da ditadura militar a partir de 1978.

Estas e outras variables e perspectivas gravitan dentro do acontecer actual dun Brasil social e politicamente mais complexo, heteroxéneo e plural. Nun 2014 chave pola celebración do Mundial de Fútbol e das eleccións presidenciais onde Rousseff xógase a súa reelección, o cincuentenario do golpe militar debería persuadir á sociedade brasileira na necesidade de procrear espazos de maior apertura cidadá dentro do debate público. Un proceso de maior compatibilidade coa reflexión da memoria histórica sobre o acontecido durante a ditadura militar, enmarcado na absorción das demandas dun tecido cidadá aínda fortemente desigual e atomizado polas súas expectativas políticas, tal e como se veu durante as inéditas protestas de mediados de 2013.

 



(1)Con motivo deste 50 aniversario do golpe militar de 1964, a Comisión Nacional da Verdade en Brasil e João Vicente, fillo do entón presidente deposto João Goulart, esixiron ante o Senado brasileiro a desclasificación de documentos segredos de EUA sobre a súa implicación neste golpe militar. Particularmente relevante é considerar que os dous gobernos anteriores ao golpe militar, os de Jãnio Quadros e o propio Goulart, imprimiron unha “política exterior autónoma” que contrarrestou os imperativos xeopolíticos de Washington durante a “guerra fría”. Consultar o artigo de KORNBLHU, Peter; “Del cambio de régimen a la diplomacia desclasificada”, Inter Press Service en español, 1 de abril de 2014. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/2014/04/columna-del-cambio-de-regimen-la-diplomacia-desclasificada/, así como o libro de MANSILLA BLANCO, Roberto; Brasil: unha ollada a un país de futuro, Edicións do Cumio S.A, Novembro de 2013, p. 111. 

(2) A grandes resgos, esta percepción imperou en diversos medios de comunicación e de opinión pública latinoamericana durante a etapa do réxime militar brasileiro. Con todo, os gobernos de Lula da Silva (2003-2011) e da súa sucesora Dilma Rousseff (desde 2011) esfórzanse por afianzar unha política de “memoria histórica” sobre o que realmente sucedeu no período do réxime militar, especialmente en materia de desaparicións políticas e de violación dos dereitos humanos, aspectos nos que os propios Lula e Rousseff víronse persoalmente afectados no seu labor político. Consultar Brasil: unha ollada, op.cit, p. 71.

(3) A Acta Institucional Nº 5 foi finalmente revogada en 1979, durante o goberno do xeneral Ernesto Geisel, nun momento de aparente “flexibilización” da ditadura militar. Non obstante, a represión política causada pola mesma polarizou aínda máis á sociedade brasileira, intensifcando ó mesmo tempo un efecto colateral contrario á natureza da mesma, relativo ao aumento da contestación social e a creación de movementos sindicais e de esquerda, entre eles o actualmente gobernante Partido dos Traballadores (PT), creado a partir de 1980.

(4) Brasil: unha ollada, op.cit. p. 71.