De cara ao cumio entre a Unión Europea e América Latina a celebrarse o próximo 18 de maio en Madrid, a Unión da Nacións do Sur (UNASUR) avanzou na súa consolidación rexional tras elixir a comezos de maio ao ex presidente arxentino Néstor Kirchner como o seu secretario xeral.
A elección de Kirchner estivo igualmente marcada pola preponderancia do tema hondureño, que pode constituír nun polarizado “cabalo de batalla” de cara ao encontro entre a UE e América Latina e o Caribe, en especial ante a invitación inicialmente realizada polo goberno español cara o actual presidente hondureño Porfirio Lobo. A excepción de Colombia e Perú, a case totalidade dos países sudamericanos non recoñecen ao goberno de Lobo, xurdido dunha conxuntura ilegal trazada no golpe de Estado de xuño de 2009 contra o presidente lexítimo Manuel Zelaya.
Tomando en conta o malestar causado por esta invitación entre a maioría dos países sudamericanos, e ante o espectro dun fracaso político notorio do cumio UE-América Latina, finalmente o goberno de Zapatero veuse persuadido a desestimar a invitación a Lobo. A decisión española provocou unha inmediata satisfacción dentro da UNASUR, emanada das palabras do presidente ecuatoriano Rafael Correa, cuxo país ocupa actualmente a presidencia rotativa deste organismo.
Rexeitada a participación de Lobo, quen só acudirá ao encontro UE-Centroamérica, o cumio de Madrid dirimirá a posibilidade dun punto de inflexión nas relacións entre Europa e América Latina. Non obstante, o contexto luce polarizado, en especial polo contexto de reclamacións históricas emanadas da celebración dos Bicentenario das Independencias latinoamericanos, da concreción dun novo período electoral en América Latina ata o 2012 (coa posibilidade dun inesperado xiro político), da parálise de determinados marcos de integración como o MERCOSUR, e da preocupación europea ante o futuro da súa moeda única e ante o espectro da recesión económica.
Paralelamente, a elección de Kirchner como secretario xeral da UNASUR definirá un momento clave tanto para medir o seu regreso como actor político central así como para pulsar a consistencia internacional da UNASUR como organismo de integración. Contando cun notable consenso no ámbito sudamericano, principalmente motorizado pola aceptación uruguaia, a elección de Kirchner pode igualmente constituír un elemento de peso da UNASUR á hora de establecer as súas relacións coa UE.
Non obstante, resulta irónico que Kirchner, quen anteriormente criticara a formación da UNASUR en 2008, sexa agora elixido secretario xeral da UNASUR cando a Cámara de Deputados arxentina aínda non ratificara a integración deste país no organismo.
Igualmente, debese medir a súa elección de cara aos comicios presidenciais arxentinos de 2011. Sectores críticos co “kirchnerismo” argumentan que Néstor tentará utilizar o seu novo posto para apuntalar a candidatura da actual presidenta Cristina Fernández de Kirchner. Estas especulacións se incrementan ante o feito de que Kirchner despachará no seu cargo dende Bos Aires cando a secretaría xeral da UNASUR está en Quito.
Cun marcado acento de reclamacións nacionalistas na súa etapa como presidente arxentino, non se estiman cambios radicais na posición política de Kirchner, aínda que o seu novo cargo esixiralle o equilibrio e os necesarios contrapesos á hora de xerar consensos na toma de decisións. En todo caso, o peso internacional e a solidez da UNASUR se verán examinadas no cumio de Madrid da próxima semana.