Polonia: divisións electorais trala traxedia

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Co falecemento do presidente polaco Lech Kaczynski na catástrofe aérea en Rusia o mes pasado e a convocatoria de eleccións presidenciais anticipadas, que se celebrarán o próximo 20 de xuño, empezou a campaña electoral en Polonia.

A campaña será curta, o cal beneficia aos grandes partidos políticos. De feito, conforme ás sondaxes preelectorais realizadas despois do accidente, os actores principais dos próximos comicios serán Bronislaw Komorowski, candidato do actualmente gobernante partido de centrodereita Plataforma Cívica; e Jaroslaw Kaczynski, o irmán xemelgo do presidente falecido, líder do partido Lei e Xustiza, de carácter conservador e ideoloxía católica.

Buscando as súas oportunidades

A situación na que se atopou Polonia pode resultar unha vantaxe para ambos candidatos. Por unha banda, Kaczynski cargado co potente electorado negativo por razón da súa imaxe do político radical e conflitivo con inclinacións nacionalistas, agora ten a oportunidade de aproveitar a compaixón dos seus compatriotas e mostrar o seu lado máis humano.

Por outra banda, Komorowski, sendo o presidente da Cámara Baixa do Parlamento, en arranxo á Constitución polaca no momento da morte do ex presidente Kaczynski, substituíno ex lege, asumindo case todas as súas competencias.

Como presidente en funcións, enfrontando os desafíos da complicada situación interna e no caso de amosar unha actitude responsable e equilibrada, Komorowski poderíase gañar o apoio dunha gran parte de sociedade que, trala turbulenta e polémica presidencia de Lech Kaczynski, busca agora unha maior moderación. Con todo, calquera erro político que poida agora cometer poderíalle pechar, practicamente para sempre, a porta do Palacio Presidencial.

En consecuencia, o comportamento actual de Komorowski é obxecto constante de xuízo e observación por parte da oposición. Os partidarios de Kaczynski subliñan a falta de compaixón e certa frialdade das súas actuacións públicas durante o período de loito e igualmente critican os, dende a súa perspectiva, precipitados nomeamentos para os cargos oficiais vacantes.

Con todo, a opinión pública parece non compartir este punto de vista. Segundo as sondaxes preelectorais, no caso do enfrontamento de Komorowski e Kaczynski na segunda rolda das eleccións, Komorowski podería alcanzar o 52% de apoio electoral mentres que o seu opoñente só contaría co 27%.

Os patriotas e os liberais

A pesar das declaracións orientadas a moderar o carácter da campaña electoral expresadas por todas as forzas políticas, pódese esperar unha volta á agresiva retórica de división entre a Polonia “solidaria e patriota” e a Polonia “liberal”. É dicir, o partido Lei e Xustiza, sendo incapaz de ofrecer un programa atractivo para o electorado máis moderado, intenta gañarse os votos monopolizando a traxedia nacional e presentando ao seu candidato como o único político “patriota”, que sobrepón o benestar da súa patria ao seu drama persoal.

Pola súa banda, para a Plataforma Cívica esa situación non é para nada inconveniente, xa que lle permite aproveitarse dos electores cansos do patriotismo na forma propagada pola Lei e Xustiza e construír a imaxe de Komorowski como a única alternativa liberal de dereita.

No entanto, coa elección de Joanna Kluzik-Rostkowska, considerada como unha política moi liberal para os estándares da Lei e Xustiza, como xefa de campaña de Kaczynski, é posible observar un cambio na estratexia deste que, a non ser que cause a perda de apoio da Igrexa católica, pode obstaculizar a vitoria de Komorowski.

Na presente conxuntura, o resultado das eleccións é difícil de prever con total firmeza. Actualmente, o único certo é que coa campaña electoral volverán as vellas divisións na sociedade polaca, ultimamente unida pola traxedia, e que destas se intentarán beneficiar todas as forzas políticas.