“Un país de futuro”: unha reflexión sobre Brasil e a súa xeopolítica

A irrupción de Brasil como un actor emerxente no escenario internacional, en particular trala asunción presidencial do Partido dos Trabalhadores (PT) baixo os gobernos de Lula da Silva (2003-2011) e da súa sucesora Dilma Roussef (desde 2011), implica considerar diversas variables relativas á visión de Brasil sobre as relacións internacionais, os seus imperativos xeopolíticos e as súas aspiracións dentro dun mundo multipolar. Neste sentido, o presente texto aborda unha reflexión sobre a xeopolítica de Brasil, partindo como base de referencia os postulados orixinais da “escola brasileira de xeopolítica”, da configuración dun Estado forte dentro dunha estrutura federal, do peso das elites brasileiras na formulación de políticas públicas, de seguridade e de acción exterior e dos cambios políticos acaecidos durante os gobernos de Lula e Rousseff. 

Liñas de investigación Observatorio Galego da Lusofonía
Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave Brasil Xeopolítica
Idiomas Galego

A irrupción de Brasil como un actor emerxente no escenario internacional, en particular trala asunción presidencial do Partido dos Trabalhadores (PT) baixo os gobernos de Lula da Silva (2003-2011) e da súa sucesora Dilma Roussef (desde 2011), implica considerar diversas variables relativas á visión de Brasil sobre as relacións internacionais, os seus imperativos xeopolíticos e as súas aspiracións dentro dun mundo multipolar. Neste sentido, o presente texto aborda unha reflexión sobre a xeopolítica de Brasil, partindo como base de referencia os postulados orixinais da “escola brasileira de xeopolítica”, da configuración dun Estado forte dentro dunha estrutura federal, do peso das elites brasileiras na formulación de políticas públicas, de seguridade e de acción exterior e dos cambios políticos acaecidos durante os gobernos de Lula e Rousseff. 

En particular, esta reflexión enfoca a súa atención na perspectiva e influencia destes postulados xeopolíticos tanto dentro de Brasil como na súa inserción exterior, e cómo estes postulados foron adaptándose aos cambios acaecidos tanto na política nacional como no sistema internacional. Compre considerar que o “despegue” de Brasil por mor do seu proceso de desenvolvemento, principalmente de carácter industrial, entre asdécadas de 1920 e 1940, foi observado dentro e fora do país con optimismo e ilusión, incluso na perspectiva de considerar a Brasil como “país de futuro(1), un novo “xigante” que “espertaba” ante o mundo ó carón da eventual e paulatina perda de poder hexemónico europeo occidental,  nun contexto fraguado pola II Guerra Mundial e da posterior concreción da bipolaridade EUA-URSS durante a “guerra fría”.

Non obstante, as particularidades da estrutura política e social do Brasil, así como a persistencia e herdanza dun Estado de carácter corporativo, permeable aos intereses privados e levemente elástico no cometido de atender ás pluralidades e demandas dos sectores menos favorecidos, son factores de inflúen e determinan non só o sistema político de Brasil senón a articulación das súas demandas e intereses en materia xeopolítica e de política exterior.

Con todo, a chegada ao poder do PT en 2003, co particular peso da presidencia de Lula da Silva, ditaminou un novo proceso de “mundialización” da política exterior brasileira que, de forma tanxencial pero non absoluta, influíu e modificou algúns parámetros da xeopolítica brasileira. Observada dende unha perspectiva global, a xeopolítica actual do Brasil sostén algúns dos postulados básicos dos seus creadores e propulsores (particularmente Golbery do Couto Silva, Everardo Backheuser e Mario Travassos a partir da década de 1930), tradicionalmente vinculados ao sector militar, cuxo énfase na seguridade nacional segue a ter vixencia, en especial o control da Amazonia e do Atlántico Sur así como a repotenciación do sector militar.

Esta perspectiva amplíase ante os intereses das elites empresariais (particularmente dentro do proceso de globalización a partir da década de 1990) e, nos derradeiros anos, ante a sensibilización dos gobernos do PT cara novos horizontes como a Cooperación Sur-Sur e a potenciación dunha estratexia cara a Lusofonía, particularmente no caso africano.

Para abordar o contexto no que xorde a xeopolítica como disciplina en Brasil, é preciso considerar algunhas reflexións e esbozos sobre as estruturas do poder no país e cómo as mesmas inflúen na configuración de políticas públicas e na concreción de opinión pública. Isto leva a considerar un breve percorrido histórico sobre a natureza e conformación do sistema político brasileiro.

1.      As bases dun Estado corporativista

Abordar unha reflexión sobre a xeopolítica de Brasil necesariamente implica unha aproximación sucinta ao seu sistema político, cuxo carácter fortemente presidencialista enmarcado na realidade emanada dun Estado corporativo e federal determina (de forma incluso paradoxal) a conformación dun poder político claramente centralista, monopolizado pola preponderancia do poder Executivo sobre os demais poderes, principalmente sobre o lexislativo.

Con todo, este sistema non semella constituírse nun ente monolítico tomando en conta que, dentro da súa natureza, o sistema político brasileiro afrontaría unha “permeabilidade do Estado aos intereses privados”(2).

¿Estamos, por tanto, ante un sistema político cuxa natureza identifica limitados contrapesos de poder? Esta presunción, a da forte concentración do poder en mans do Executivo e da presidencia, probablemente explícase polo peso da herdanza absolutista e incluso patriarcal emanada da monarquía portuguesa como metrópole antecesora da formación do Estado nacional en Brasil a partir da súa independencia en 1822(3). Este peso político da autoridade presidencial moi probablemente viuse consolidado non só pola preservación de elites claramente excluíntes senón por unha cultura política igualmente manifestada por síntomas de desorganización e, incluso, de apatía social cara o proceso histórico de formación estatal(4).

Por tanto, o Brasil independente non estivo exento do proceso de “racionalización” derivado da “modernización” da política e do Estado(5), inserido na segmentación mercantilista propia do capitalismo decimonónico (especialmente no caso británico), en particular cara países como Brasil, produtores de materias primas como o café, o cacao e o caucho. No caso brasileiro, este proceso foi particularmente intenso durante a segunda metade do século XIX e comezos do XX a través do desenvolvemento dunha sociedade politicamente cada vez mais centralizada, experimentando a paulatina transición dunha estrutura socioeconómica rural, terratenente e incluso “feudal” cara un proceso de industrialización e urbanización.

Esta transición estivo caracterizada pola persistencia dun capitalismo de Estado de carácter monopólico e paulatinamente corporativista; pola conformación de novas elites burocráticas paralelas coas tradicionais elites terratenentes enriquecidas polo cultivo e exportación do café; e pola consolidación dunha forte maquinaria militar capacitada para garantir en mans do Estado a concepción estatal webberiana como detentor do “monopolio lexítimo da violencia”.

Imponse así en Brasil un Estado “forte”, “clasista” e centralizado, conformado polos intereses de diversas elites pero capacitado para erixirse na autoridade lexítima do proceso de desenvolvemento nacional. Esta realidade política ilustra un sistema escasamente flexible e elástico no cometido da ampliación da pluralidade e da participación política de sectores claramente excluídos, así como na articulación dunha sociedade civil activa. Deste modo, o Estado brasileiro implicaba a supremacía das elites e clases burocráticas (sen esquecer as clases terratenentes e a nacente burguesía comercial), inseridas no corazón de funcionamento do Estado e cuxo peso era observado pola opinión pública como garante da “estabilidade e da unidade nacional(6).

Deste modo, foi o Estado centralizado o verdadeiro “sostén esencial na constitución do capitalismo(7) en Brasil, afirmando unha vertente incluso autoritaria igualmente explicada pola incipiente e débil burguesía industrial e a práctica inexistencia dunha sociedade civil politicamente articulada, factores que propiciaron igualmente a solidificación do clientelismo e da dependencia estatal como móbil de relación e promoción social.

A conformación do Estado “corporativista” no Brasil da década de 1930, particularmente baixo o réxime do “Estado Novo” impulsado por Getúlio Varga(8), afianzou aínda mais o papel hexemónico do Estado na vida pública nacional. Dentro deste estilo de política corporativista(9) do Estado Novo de Getúlio Vargas, e tomando en conta o seu talante autoritario (relación directa líder-masa) e a concentración de poder, a nacente clase obreira derivada do proceso de industrialización (e a consecuente formación de sindicatos e movementos obreiros) foi claramente subordinada aos intereses do Estado(10).

Non obstante, a caída do réxime de Vargas (1946) e o período posterior ata a ditadura militar (1964), presentou unha ampliación da pluralidade política coa formación de novos partidos políticos(11) que, paradoxalmente, non se erixiron con claridade como representantes dos intereses e das demandas cidadás e populares. Mais ben, as prioridades destes partidos políticos reforzaron o carácter clientelar do Estado brasileiro ao enfatizar na necesidade de acceder a recursos públicos, coa finalidade de manter as estruturas políticas e sociais vixentes no poder(12).  

O populismo imperante a partir da presidencia de Joăo Goulart (1961) permitiu a transición dun sistema político denominado de “pluralismo moderado” a outro de “pluralismo polarizado”(13), que foi alterado co Golpe Militar de 1964, reforzando así a consolidación dun sistema político pechado, resultante dos conflitos ideolóxicos e políticos que envolveron á sociedade civil e ás Forzas Armadas(14) e determinado polo contexto da “guerra fría” e a bipolaridade EUA-URSS

A Acta Institucional de 1965 restrinxiu enormemente a representación política, erixindo un bipartidismo tutelado pola Xunta Militar no poder e que obrigou ás formacións políticas a reagruparse en torno á Alianza Renovadora Nacional (ARENA) e o Movemento Democrático Brasileiro (MDB)(15) Isto repercutiu na persecución e “minimización” dos partidos de esquerda (en especial do PCB e do PTB) ata que o proceso de redemocratización das décadas de 1970 e 1980 permitiu retornar ao sistema de pluripartidismo, vixente desde o retorno á democracia en 1985. Neste contexto xurde o actualmente gobernante Partido dos Trabalhadores (PT), así como os movementos sociais (MST, Vía Campesina), observados como actores “espontáneos” e “rupturistas” co sistema político imperante(16).

Para finalizar, compre por tanto reproducir sendas citas do texto de Helcimara De Souza Telles(17), que exemplifican a natureza do sistema político brasileiro e das relacións entre Estado, Partido e Goberno, en particular tomando en conta a herdanza do sistema corporativista formalizado no proceso de modernización do país acaecido no período 1930-1960:

“(…) la herencia corporativa brasileña se basa en la sectorización de los intereses, en el predominio de perspectivas de corto plazo. El Estado –permeable al clientelismo y el corporativismo- se tornó extremamente vulnerable a los intereses empresariales y con reducida capacidad para ejecutar políticas universales  reformistas. El Estado posibilitó la participación de las elites industriales en las estructuras de poder, pero no incluyó a los trabajadores como partícipes (…) el corporativismo viabilizó un patrón desigual de acceso a los centros de poder (…) La organización de los intereses en Brasil es tolerada por esa ambigüedad: la relación dependiente y vacilante de las clases con un Estado que, por un lado, se modernizaba y organizaban los intereses en el sentido de permitir la modernización económica y el control de los conflictos, por otro lado instaban al clientelismo como una práctica usual”

2.  Os precursores da xeopolítica brasileira

Considerando a esencia corporativista do Estado brasileiro, así como a súa permeabilidade ante intereses privados (elites económicas, burocráticas, partidistas, etc), resulta preciso identificar os orixes e as bases sobre as que se sustenta a xeopolítica de Brasil como disciplina enmarcada na consecución de obxectivos determinados, especialmente de cara ao sector militar.

Para isto, débense considerar as potencialidades xeopolíticas de Brasil, ilustrando como factor de identificación o seu espazo territorial e como o mesmo inflúe na tendencia xeopolítica do país. Brasil é o quinto país con maior extensión territorial a nivel mundial tras Rusia, Canadá, China e EUA, cunha superficie de 8.514.877 km2, limitando con todos os países suramericanos excepto Chile e Ecuador. Paralelamente, conta cunha das maiores redes fluviais a nivel mundial, con 55.457 km2 de augas interiores(18).

Co respecto á poboación, a estatística considera máis de 201.000.000 habitantes(19), cunha taxa de urbanización estimada nun 87%. Por paridade sexual con idades comprendidas entre 16 e 49 anos, estímase en mais de 100.000.000 millóns de persoas ás dispoñibles para servizo militar (datos de 2010) mentres o gasto militar alcanza o 1,3% do PIB brasileiro(20).

Resulta salientable considerar que, por mor da súa extraordinaria extensión territorial, o peso dos postulados da xeopolítica de Brasil encadran practicamente como o factor esencial que explica e da sentido á xeopolítica sudamericana. Neste sentido, Brasil ten especial incidencia en factores marítimos (Océanos Atlántico e Pacífico, Mar Caribe), nas concas hidrográficas (Amazonas e Río da Prata), nos antagonismos provocados por conflitos na área andina (guerrilla e narcotráfico en Colombia, Bolivia, Perú), convulsión política (Paraguai), o factor ambiental (Amazonia), e o equilibrio militar (Arxentina, Perú, Venezuela)

O nacemento da escola xeopolítica brasileira focalízase a partir da década de 1930, con especial incidencia no sector militar. Aquí destacan tres expoñentes chave: os xenerais Golbery do Couto e Silva e Everardo Backheuser; e o coronel Mario Travassos. Ideoloxicamente, estes tres precursores da xeopolítica brasileira estiveron notablemente influídos polos conceptos da escola xeopolítica xermana impulsada a comezos do século XX, sendo estes basicamente Rudolf Kjellen, Karl Haushofer e Friedrich Ratzel, cuxa incidencia igualmente tivo un forte peso das doutrinas xeopolíticas e de seguridade nacional doutros países do Cono Sur, como Arxentina e Chile.

Con base na seguridade territorial, esta escola xeopolítica brasileira emerxeu como referente para o estamento militar así como para as elites burocráticas estatais, incluso ampliando o seu radio de influencia de cara ao sector académico, en particular no caso de Travassos. Compre, por tanto, identificar cales son os conceptos xeopolíticos principais de cada un destes precursores.

O coronel Mario Travassos, autor dun texto clásico sobre a proxección internacional de Brasil(21), identificaba dúas variables antagónicas que exercían influencia en calquera consideración xeopolítica para Brasil: o Atlántico vs Pacífico; e a conca da Prata fronte á Amazonia(22). Travassos defendía a necesidade de que Brasil ocupara un liderado indiscutible en América do Sur, apuntalando a teoría de que “unha nación forte inevitablemente moverá a súa fronteira dentro do territorio do seu veciño mais débil(23) e preservando como necesidade en materia de seguridade nacional o feito de que Brasil poboara e controlara os vastos territorios tomados dos seus veciños, argumentando que “as fronteiras non son estáticas senón flexibles”.

Retomando cuestións básicas dos postulados do clásico xeopolítico alemán Friedrich Ratzel, Travassos outorga unha importancia decisiva aos mares como o destino dos Estados, adoptado unha dicotomía que no caso brasileiro se discernía en torno a unha costa atlántica cun poder marítimo sólido-defensivo (seguindo os postulados doutro clásico da xeopolítica, o almirante estadounidense Alfreh Tayer Mahan) e a potenciación dun poder continental brasileiro no Oeste, en particular a rexión andina e o Mar de Prata, sendo estes o Oeste e Este de Brasil(24). Deste modo, as bases teóricas da xeopolítica de Travassos, amparada na preservación das dicotomías e dos antagonismos da xeografía sudamericana (Pacífico vs Atlántico, Amazonas vs A Prata) traduciu dalgún xeito diversos postulados de confrontación entre países con forte concepción xeopolítica, como son os casos de Brasil e Arxentina(25).

Pola súa banda, o xeneral Everardo Backheuser(26), particularmente influído polas ideas do xeógrafo sueco Rudolf Kjellén sobre a teoría xeral do Estado como un ente “razoable e vivo”, concibiu e desenvolveu o concepto de “fronteira viva”(27) como elemento de distinción (co respecto aos países veciños); protección (do territorio propio); illamento; e intercambio como principio de solidariedade social dos Estados.

Backheuser pretendía a necesidade de que Brasil tivera unha “política de fronteiras” a partir de políticas de “poboamento produtivo” orientadas a fomentar núcleos industriais(28) así como o relanzamento dunha política de comunicación terrestre e fluvial para permitir o paso de mercadorías e persoas. Fomentaba, por tanto, unha política de “ocupación territorial efectiva e coordinada de todo o Brasil(29) que precisara dunha política de fronteiras efectiva, promovendo un federalismo capaz de centralizar esta política de fronteiras co evidente obxectivo de evitar unha especie de “atomización e balcanización das provincias brasileiras con límites fronteirizos(30). É de considerar que as ideas xeopolíticas de fortalecemento das fronteiras de Brasil estipuladas por Backheuser exerceron unha forte influencia nos primeiros anos da Revolución de 1930 e na configuración do “Estado Novo” baixo o réxime de Getúlio Vargas(31).

Backheuser defendía así unha especie de “marcha cara o Oeste”, en paralelo á realizada en EUA a finais do século XIX, traducindo un eixe de articulación ou “fronte pioneira” en torno a Săo Paulo, o Sur de Minas Gerais, Goiás, Norte de Paraná e Matto Grosso(32). Neste sentido, a súa doutrina xeopolítica consideraba que a fronteira é un “órgano periférico”, con funcións “múltiples e discriminadas” nas que Brasil precisa articular “fronteiras activas” para preservar os seus intereses xeopolíticos de seguridade(33).

Pola súa banda, Golbery do Couto e Silva(34) defendía os conceptos de Posición, en relación ao territorio, e de Espazo Político como temas de maior interese para a xeopolítica(35), e cuxa dimensión abarcaría o control político e económico do territorio, da fronteira e do que denominaba “zonas de transición” e “frontes de contacto”, así como as “fronteiras de civilización”.

Golbery do Couto e Silva descifraba unha xeopolítica para Brasil baseada na articulación dun proxecto continental ligando o Noroeste e o Sur ao núcleo central do país, sendo este núcleo o conformado por Río de Xaneiro e Săo Paulo(36). No marco da “guerra fría”, este autor consideraba que a zona do Nordeste tiña unha incidencia de máxima vulnerabilidade para Brasil fronte á eventualidade dunha confrontación entre EUA e a URSS. Nese sentido, consideraba como zonas de vulnerabilidade máxima ás do Atlántico Sur (Matto Grosso) e o Amazonas.

No cometido do liderado continental e de influencia internacional para Brasil, o enfoque de Golbery do Couto e Silva estipulaba catro variables chave: que o Brasil estea suficientemente articulado no interior; efectivamente integrado; expandido no seu territorio: e con control efectivo sobre as súas fronteiras(37). Golbery do Couto e Silva defendía unha política internacional de cooperación pacífica, de colaboración co mundo desenvolvido e a nivel continental, así como dunha maior imbricación de intereses entre Brasil e EUA, especialmente no apartado comercial. Paralelamente, a orixinalidade da tese xeopolítica de Golbery de Couto e Silva estipulaba tres círculos de visión para Brasil: o “Imperio brasileiro” focalizado a esfera nacional; o “Marco Continental” referido á óptica rexional; e o “Mundo ameazador alén dos mares tumultuosos”, un aspecto que por vez primeira desenvolve unha concepción xeopolítica para Brasil dentro do marco transcontinental(38).

Finalmente, entre as características da xeopolítica brasileira, Golbery do Couto e Silva explicaba diversas variables como a Integración e valoración espacial; a Xeopolítica de América Latina, con especial atención de cara a Arxentina e Chile; a Xeopolítica do Expansionismo cara o interior e de proxección pacífica cara o exterior; a Xeopolítica de contención nas zonas fronteirizas; a participación na defensa da civilización occidental; a colaboración continental e de cara ao mundo subdesenvolvido; e a Xeopolítica de Seguridade e Xeoestratexia nacional(39).

Finalmente, e sen incluír na lista de precursores da xeopolítica brasileira, pódese identificar á historiadora e xeógrafa Terezinha de Castro entre as teóricas con maior capacidade de influencia nos postulados da xeopolítica dese país. O seu interese xeopolítico focalizábase no Atlántico Sur e a súa extensión antártica dentro dun contexto de seguridade hemisférica.

Outro autor con gran peso na concepción xeopolítica brasileira foi o xeneral de división Carlos de Meira Mattos(40), sobre quen o Centro de Estudos e Políticas Estratégicas Nacionais (CEPEN)(41) dedica o seu labor a preservar e difundir a súa obra e pensamento. Neste sentido, de Meira Mattos consideraba á xeopolítica como “uma indicaçăo das soluçōes políticas condicionadas pelas realidades e necessidades geográficas”(42), outorgando especial carácter estratéxico para Brasil as fronteiras do Atlántico Sur (espazo marítimo cara América, África e Antártica) e da Amazonia (Océanos Atlántico e Pacífico e espazo andino)

Tres eixes alternativos pódense cotexar en canto aos imperativos xeopolíticos do Brasil actual: o contexto suramericano, en particular MERCOSUR e UNASUR; a Cooperación Sur-Sur, con especial incidencia no ámbito africano; e as políticas de defensa na conca amazónica e do Atlántico Sur, tradicionais focos de atención estratéxica para a “escola brasileira de xeopolítica” (Golbery de Couto e Silva, Everardo Backheuser, Mario Travassos)

3.      A xeopolítica da “hexemonía sudamericana”

Tras rastrear esta visión sucinta sobre os precursores da xeopolítica brasileira, compre especular se as bases deste pensamento estratéxico servirían para asentar unha hexemonía xeopolítica de Brasil dentro do contexto suramericano. Este razoamento pode inferirse ante a perspectiva de que a xeopolítica como ciencia e doutrina de seguridade nacional (especialmente a escola nórdica e xermana de Ratzel, Haushofer e Kjéllen) exerceu precisamente a súa influencia en América do Sur en países con tradicionais perspectivas de rivalidade, principalmente de carácter militar, como son os casos de Brasil, Arxentina e Chile.

No caso brasileiro, a configuración dunha “escola de pensamento propia” en materia xeopolítica implicou a vertebración de políticas públicas de carácter institucional, especialmente no plano militar(43) que, co paso do tempo e particularmente nas derradeiras décadas, en especial dende a asunción á presidencia do Partido dos Trabalhadores (PT) desde 2003, deu paso á configuración dunha visión brasileira da Cooperación Sur-Sur, determinando unha política exterior e unha perspectiva xeopolítica alternativa baseada na “diversificación de sectores”.

Esta diversificación traduce o desenvolvemento de sectores que van dende o plano militar (enerxía nuclear, contratos con Rusia, China, Francia, pretensión de ampliación do Consello de Seguridade da ONU), o aspecto político (o “modelo PT” dentro da esquerda latinoamericana) ata as finanzas e un empresariado con visión global, a exploración das novas tecnoloxías da información, os biocombustibles e a diversidade ambiental, estes últimos factores que determinan a potencialidade dun país denominado como o “xigante verde(44).

¿Estamos, por tanto, a falar dunha “excepcionalidade brasileira”(45) dentro do contexto especificamente suramericano? Utilizando o concepto de heartland elaborado polo xeógrafo inglés Sir Halford John MacKinder(46), cal sería entón o “heartland” xeopolítico real para Brasil? Sería este heartland un espazo xeográfico identificado en torno ao Amazonas, a rexión andina, o Atlántico Sur e o Río da Prata, tal e como o identificaron os precursores da xeopolítica brasileira, especialmente Mario Travassos? Ou ben, realizando un paralelismo co heartland euroasiático establecido por MacKinder, este heartland brasileiro estaría identificado en torno a un hipotético “Triángulo Máxico” suramericano, trazado nun eixe horizontal en torno ao Atlántico e os Andes, e un eixe vertical entre o Amazonas e o Río da Prata, e cuxo epicentro é Bolivia?(47).

Historicamente, pódese considerar que foi o Tratado de Tordesillas (1494) estipulado entre os imperios español e portugués, o marco inicial  dunha concepción histórica da xeopolítica de Brasil, particularmente tomando en conta a división traducida nunha fronteira xeodésica que inicialmente diminuía o espazo xeográfico do Brasil actual (particularmente no caso do Amazonas) e que determinaba inicialmente unha visión fraguada nun lado occidental do país concibido como espazo de expansión territorial, e unha fronteira marítima atlántica visualizada a través dunha orde política defensiva e reaccionaria(48).

Esta dobre percepción “expansionista” ao Occidente e “defensiva” na fronteira marítima atlántica, vixente dende os tempos da colonización portuguesa e da posterior independencia do Brasil a partir de 1823, moi probablemente persuadiu e constituíu unha decisiva influencia na concepción dos precursores da xeopolítica brasileira (Golbery do Couto e Silva, Backheuser, Travassos) de focalizar a súa atención en torno ao Amazonas e o Atlántico Sur como o visible heartland brasileiro. Deste modo, o Tratado de Tordesillas marcou as pautas da xeopolítica brasileira, en particular ante a necesidade de consolidación e fortalecemento do seu Estado-nación e, posteriormente, na pretensión por converterse nun líder con capacidade hexemónica no contexto suramericano(49).

Por tanto, durante a segunda metade do século XX, Brasil asentou as bases dunha xeopolítica autóctona e orixinal, consciente das súas potencialidades, pretensións e debilidades, adaptada ás realidades dun entorno xeográfico e estratéxico como corresponde a América do Sur, con especial incidencia na conca amazónica, na rexión andina, nas ribeiras marítimas do Pacífico e Atlántico e o Mar da Prata. Paralelamente, a “escola xeopolítica brasileira” serviu de fundamento e incluso de lexitimación das prioridades xeopolíticas e de política exterior para o réxime militar imperante no período 1964-1985, facendo dalgún xeito “causa común” co modelo de desenvolvemento nacional e as políticas “cepalianas” de substitución de importacións imperantes durante as décadas de 1960 e 1970.

A transición democrática de Brasil a partir de 1985 non alterou de forma significativa estes postulados e prioridades xeopolíticas. Mais ben, acondicionounas ante a tendencia a propiciar procesos de integración rexional (MERCOSUR a partir de 1991) e a preponderancia da globalización dos mercados, onde o sector empresarial brasileiro ocupou un peso esencial dentro da política exterior, buscando inserirse como un actor “mundializado”.

A década de 1990, coas presidencias de Fernando Collor de Melo (1990-1992), a interina de Itamar Franco (1992-1995) e a de Fernando Henrique Cardoso (1995-2002) asentou este novo perfil para a política exterior brasileira, basicamente enfocada na súa pretensión de “globalizar” a súa economía a través da súa inserción nos mercados internacionais. O énfase na estabilidade macroeconómica, en particular tralo período de  hiperinflación e crise económica da década de 1980 (coas consecuentes depreciacións e cambios na moeda nacional), ocupou este valor preponderante para as políticas públicas brasileiras, facendo causa común coa imperante globalización neoliberal, o proceso de diminución do Estado dentro da economía e o énfase na privatización acelerada e na inserción destes actores empresariais privados nos mercados internacionais.

3.1 O xiro de Lula: multilateralismo e Cooperación Sur-Sur

O cambio político mais significativo, con especial incidencia na concreción xeopolítica e da política exterior brasileira, observouse coa asunción presidencial de Luís Inácio Lula da Silva e do Partido dos Trabalhadores (PT) tralas eleccións de outubro de 2002. Tanto como garantir a consolidación da estabilidade institucional e política traducida dende a transición democrática de 1985, obsérvase aquí unha innovación nas relacións internacionais de Brasil e na súa concepción xeopolítica, en particular de cara a potenciar novos marcos de actuación e cooperación cos países do Sur.

Con todo, e así como adopta unha nova perspectiva, a política exterior de Lula e a súa concepción xeopolítica retomou, ou mais ben acondicionou, aspectos fundamentais da tradicional “escola xeopolítica brasileira”, especialmente en materia de seguridade nacional (Amazonas, Atlántico Sur) Neste sentido, a perspectiva de reforzar o peso do servizo exterior brasileiro de Itamaraty dentro das políticas gobernamentais veuse asentada pola decisión do goberno de Lula de ampliar o servizo diplomático con 300 novos profesionais, así como impulsar outras áreas xeopolíticas de interese para Brasilia, como África (en particular a lusofonía) e Oriente Medio(50), e potenciar novos mecanismos de integración rexional (UNASUR, CELAC) e reforzar outros xa existentes (MERCOSUR)

Un aspecto esencial ten que ver coa Cooperación Sur-Sur. Afianzada como a sexta economía a nivel mundial, o Brasil de Lula exerceu un impulso decisivo como doador de relevancia na cooperación internacional dentro dos países do Sur(51). En 2011, e segundo datos da Agência Brasileira de Cooperação(52), os recursos financeiros brasileiros achegáronse a mais de 65 países, a maioría da África lusófona e América Latina, triplicando o monto da axuda exterior brasileira na última década(53).

Fortalecido polo seu crecemento e peso económico, en gran medida herdanza da xestión de Fernando Henrique Cardoso e potenciada durante a década de Lula (2003-2011), Brasil impulsou o seu peso como actor emerxente da cooperación internacional e como defensor dunha visión multilateral das relacións internacionais, abrindo canles de cooperación nos principais foros internacionais (G-20, OMC, ONU, BRICS, IBSA, FMI)

A visión de Lula xa non era, unicamente, potenciar os postulados tradicional da “escola xeopolítica brasileira”, neste caso estipulados na pretensión de Brasilia por propiciar un proceso de reforma ampla e plural dentro da ONU, en particular da ampliación e eventual ingreso de Brasil como membro pleno do Consello de Seguridade da ONU. A perspectiva lulista e, igualmente, dun PT con cada vez maior amplitude exterior, enfocou na busca e defensa da igualdade de oportunidades no comercio internacional e a loita contra a pobreza e a exclusión social.

Un aspecto primordial desta nova perspectiva ten que ver coa implicación institucional do goberno de Lula, así como da súa sucesora presidencial Dilma Roussef, á hora de involucrar ata seis ministerios brasileiros como axentes da cooperación internacional, sendo estes os Ministerios de Desenvolvemento Rural, Desenvolvemento Social e Loita contra a Fame, Pesca e Acuicultura, Ambiente, Agricultura, Gandería e Subministros, e Relacións Exteriores(54).

Isto abordou concibir unha nova xanela na cooperación internacional de Brasil, distanciándose aínda que levemente da preponderancia e peso do sector empresarial na formulación de políticas públicas e internacionais durante a década anterior á presidencia de Lula. Abríronse así aspectos como a cooperación técnica en agricultura e seguridade alimentaria, saúde, educación, formación profesional, medio ambiente e deportes, entre outros.

Desde 2003, Brasil impulsa cun millón de dólares anuais o Fondo IBSA para Aliviar a Pobreza e a Fame(55), tomando como plan piloto os programas Fame Cero e Bolsa Família creados polo goberno de Lula e que permitiu neste última década a superación da pobreza extrema para aproximadamente trece millóns de familias pobres brasileiras. A implicación brasileira neste Fondo IBSA permitiulle inserirse con gran impacto en proxectos de axuda ao desenvolvemento en países como Cabo Verde, Guiné-Bissau, Haití, Palestina, Camboxa, Laos, Serra Leoa, Vietnam e Burundi, así como abriu a xanela para novos proxectos en Sudán, na recen independizada Sudán do Sur e en Timor Leste.

Para 2008, a Agência Brasileira de Cooperação mantiña 236 proxectos de cooperación técnica en 58 países(56), principalmente en América Latina, Caribe e África, pero sen esquecer Asia Central, Asia, Oriente Próximo e Oceanía. Por tanto, a cooperación técnica brasileira achegábase a contextos tan diversos e distantes como Timor Leste, Palestina, Sudán ou Afganistán. En 2010, Brasil asinou 21 convenios internacionais coa Comunidade do Caribe (CARICOM), así como acordos bilaterais con Xamaica, Guíana, Suriname e Haití.

En setembro de 2011, a Oficina Rexional da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO polas súas siglas en inglés) e o Ministerio de Desenvolvemento Social e Combate á Fame de Brasil, asinaron un compromiso sobre programas de cooperación alimentaria en América Latina e o Caribe a través da conformación do Fondo de Cooperación Internacional Brasil-FAO(57), creado en 2008 en base ao programa Fame Cero e que permitirá expandir na rexión proxectos de alimentación escola, axuda humanitaria, fortalecemento da sociedade civil, pesca e acuicultura.

Inspirado tamén no programa Fame Cero e a través da FAO e do seu Programa Mundial de Alimentos (PMA), Brasil impulsa o Programa de Compra de Alimentos (PAA polas súas siglas en portugués), na que a través de achegas valoradas en mais de 2 millóns de dólares, o goberno brasileiro comprométese na compra local de alimentos para beneficio das clases rurais en países vulnerables como Etiopía, Malawi, Mozambique, Níxer e Senegal(58). Un factor clave neste sentido constitúe a presenza do brasileiro José Graziano da Silva como presidente da FAO desde xaneiro de 2012, tomando en conta que Brasil é un dos 10 principais países doadores da PMA.

Non se debe descartar que esta implicación brasileira en programas de cooperación internacional pode dalgún xeito albergar razóns de carácter político, a fin de consolidar a pretensión de Brasilia por erixirse nun polo emerxente e alternativo no sistema internacional(59).

A preponderancia de América Latina e África nos programas de cooperación internacional desenvolvidos na derradeira década por parte de Brasil, pode dalgún modo corresponder igualmente a unha estratexia política orientada a gañar influencia e, eventualmente, atraer o voto dos países do Sur á hora de fortalecer diversas demandas brasileiras nos foros internacionais, especialmente no relativo á reforma da ONU (coa inclusión de Brasil na eventual ampliación do seu Consello de Seguridade) así como abarcar un maior poder de decisión brasileiro no FMI e na OMC.

Paralelamente, débese igualmente considerar o papel que xogan as empresas multinacionais brasileiras, tales como a enerxética PETROBRAS, con importante presenza en países como Bolivia, Mozambique ou Paraguai(61). Con todo, as multinacionais brasileiras igualmente formaron parte desta nova estratexia de inserción global do Brasil, amparadas igualmente polo tradicional peso estatal dentro das corporacións empresariais brasileiras, neste caso a través do Banco de Desenvolvemento de Brasil.

Tanto como PETROBRAS, atopamos aquí outras multinacionais como Brasil Telecom e Telemar (comunicacións), BR Distribuidora (carburantes), Ipiranga (comercio), Usiminas (minería), JBS (agroalimentario), Odebrecht (construción), Braskem e Refap (petroquímica), e Păo-de-Açúcar (distribución), entre outras, cuxa inserción internacional alcanzou un gran impulso na derradeira década.

3.1.1 África e a Lusofonía

Unha importancia capital dentro desta concepción xeopolítica da Cooperación Sur-Sur durante os gobernos de Lula e Rousseff ten que ver coa tradicional visión do gobernante Partido dos Trabalhadores (PT) de propiciar marcos de achegamento e cooperación cos países en desenvolvemento.

Un enfoque neste sentido é África. Actualmente, o goberno de Dilma Roussef estuda a nivel parlamentario a condonación da débeda africana con Brasil, valorada en US$ 900 millóns, como unha especie de xesto solidario que, a grandes trazos, moi probablemente ilustraría intencións de ampliación da influencia económica e política de Brasil no continente africano(61).

Este perdón da débeda beneficiaría a países como República Democrática do Congo, Cotê d´Ivoire, Gabón, Guiné-Bissau, Mauritania, República do Congo, República de Guinea, Săo Tomé e Príncipe, Senegal e Sudán. Entre 2000 e 2012, o intercambio comercial entre Brasil e África aumento de US$ 5.000 millóns a US$ 26.500 millóns(62).

Con todo, investigadores brasileiros como Marcelo Carreiro, da Universidade Federal de Río de Xaneiro, consideran que detrás desta política de Brasil en África se esconden “obxectivos estratéxicos” deseñados na eventual extensión dunha área de seguridade estratéxica e de ampliación de mercados, os cales favorecerían aos estados do Nordeste brasileiro (rica en hidrocarburos) debido a súa aproximación marítima e xeográfica cara África Occidental(63).

Segundo Carreiro, este escenario eventualmente configuraría un “entorno xeoestratéxico brasileiro no sur do Océano Atlántico, responsable de expandir conceptualmente a fronteira deste país cara a costa africana”, unha especie de “mare brasiliensis” amparado polas riquezas de hidrocarburos na zona económica exclusiva brasileira no Océano Atlántico (o comunmente coñecido como presal)(64)

Sen menoscabar estes intereses, o PT defende unha política multilateral que busca incidir en contextos xeopolíticos como a Lusofonía (en particular países como Angola, Cabo Verde, Guine Bissau, Mozambique, Săo Tomé e Príncipe, Timor Oriental) e outras potencias emerxentes (China, India, Rusia, África do Sur), particularmente deseñados en torno aos grupos BRICS (creado en 2004) e IBSA (2005)

No caso do achegamento á Lusofonía, en particular no caso da África lusófona, compre considerar a sensibilidade pública do goberno de Lula en propiciar marcos de actuación e achegamento cara a “herdanza cultural africana” no Brasil e da “débeda histórica” que mantén o país cos seus afrodescendentes, en particular tralo pasado escravista no Brasil. Nese sentido, e dentro do imaxinario social imperante no Brasil, o goberno de Lula defendeu a necesidade de revalorización da cultura afrodescendente, contrario á tradicional discriminación contra “o negro” existente no país(65)

Tras décadas de baixa intensidade nas relacións entre Brasil e África, Lula intensificou as relacións diplomáticas e os investimentos brasileiros na África lusófona  No seu período de goberno (2003-2011), Lula visitou 27 países africanos, con especial énfase no espazo dos Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa (PALOP)(66).

En xullo de 2010 en Brasilia, no marco da promulgación do Estatuto de Igualdade Racial que definiu un novo marco de dereitos para a poboación afro-descendente, Lula invocou a “débeda histórica” que ten o Brasil co respecto aos países africanos, anunciando a creación da Universidade da Integração Internacional da Lusofonía Afro-Brasileira (UNILAB), con sé na localidade brasileira de Fortaleza, simbólica e historicamente relevante por ser a primeira que aboliu a escravitude en Brasil no ano 1888(67). A UNILAB(68) está integrada por 2.500 alumnos brasileiros e outros 2.500 alumnos procedentes de países da África lusófona e constitúe unha referencia clave para observar porqué Lula outorgou ás relacións con África un carácter de “política de Estado”.

Pola súa banda, Dilma Rousseff continuou esta “política de Estado” brasileira cara os países africanos, iniciando en Angola e Mozambique unha xira africana en outubro de 2011, que tamén levouna a África do Sur(69). Mozambique é o país onde Brasil destina a maior parte da súa cooperación exterior, con proxectos valorados en US$ 70 millóns para o período 2010-2013. Pola súa banda, Angola é o país africano con maiores niveis de crédito outorgados polo Banco Nacional de Desenvolvimento Económico e Social (BNDES) de Brasil, valorados en US$ 3,7 millóns, así como un dos principais socios comerciais de Brasilia, cunha balanza comercial que creceu 20 veces no período 2002-2010, amosando neste último ano un saldo comercial de US$ 1,44 miles de millóns(70).

Esta aposta institucional e comercial, así como a autonomía brasileira á hora de definir a súa axenda de política exterior cos países da África lusófona, explica un novo momento das relacións dentro do mundo lusófono, tomando en conta que a diplomacia brasileira xa non depende directamente dunha concreción de intereses e consultas con Lisboa(71). É por tento pertinente reflexionar con que o futuro da Lusofonía pasa definitivamente por Brasil, a tenor da súa impresionante dimensión demográfica (188 millóns de habitantes) e económica (a sexta potencia económica mundial) que lle outorga un peso xeopolítico clave no espazo lusófono, superando así a tradicional dimensión outorgada por Portugal como “país nai” creador da Lusofonía(72)

3.1.2 O “modelo PT”(73) e o “Consenso de Brasilia”

Pero a política exterior de Lula, coa súa consecuente concepción xeopolítica, implicou igualmente un proceso de cooperación política a través dun novo modelo para a esquerda latinoamericana, fraguado nos marcos de cooperación exteriores establecidos polo Partido dos Trabalhadores (PT), consecuente cos cambios políticos e o xiro cara diversas manifestacións da esquerda no continente durante a derradeira década.

Incluso, en diversos medios chegouse a considerar que o lulismo logrou confeccionar un novo modelo, transitando do cuestionado “Consenso de Washington” imperante pola ideoloxía neoliberal da década 1990, cara o “Consenso de Brasilia”(74), moito mais contextualizado nos cambios progresistas dos derradeiros anos. Neste contexto, o labor do PT comezou a fraguarse a través dunha estela de movementos e partidos políticos inseridos no progresista Foro de Săo Paulo, cuxa incidencia global tivo maior repercusión precisamente durante a presidencia de Lula.

Esta perspectiva determinou unha aparente división de opinións sobre qué modelo de esquerda debía seguir América Latina no alba do século XXI. A vitoria electoral de Hugo Chávez en Venezuela a partir de 1999 non só foi a primeira manifestación continental aberta e radicalmente contraria ao “Consenso de Washington” senón que implicou un modelo alternativa traducido na “Revolución Bolivariana” e, a partir de 2005, no perfil do “Socialismo do Século XXI”. A pesar da sintonía política e ideolóxica entre Lula e Chávez, a chegada ao poder do PT en 2003 significou, dalgún modo, un sistema de equilibrios e contrapesos dentro da esquerda latinoamericana, dalgún xeito definida na pulsación (e quizais polarización) dos modelos de Chávez e Lula.

Durante a década 2000-2010, esta aparente configuración de modelos entre Chávez e Lula adquiriu a súa máxima expresión continental. Mentres Chávez impulsou á Alternativa Boliviariana para as Américas (ALBA) a partir de 2004, implicando un eixe de países como Venezuela, Cuba, Bolivia, Nicaragua, Ecuador e diversas illas antillanas, Lula enfocou a procreación de novos marcos de integración (UNASUR e posteriormente CELAC xunto a Chávez a partir de 2010) que implicaron un modelo de esquerda progresista e aparentemente asociado á socialdemocracia europea, en contraposición ao que foi observado como a “esquerda radical” de Chávez.

Por tanto, o lulismo e o “modelo PT” foron definindo un marco de actuación cada vez mais continental. É notable observar a cooperación do PT en canto apoio político e financeiro na campaña electoral do actual presidente peruano Ollanta Humala (2011) así como do actual mandatario salvadoreño Mauricio Funes (no poder desde 2010) e do ex presidente paraguaio Fernando Lugo, deposto tras un “golpe institucional” en xuño de 2012. Paralelamente, o presidente uruguaio Pepe Mújica e a súa Fronte Ampla, así como tamén o presidente ecuatoriano Rafael Correa (a pesar de formar parte da ALBA) definiron marcos de cooperación e achegamento a Brasilia identificados a través do “modelo PT”(75).

Incluso foi notable a presenza de asesores electorais brasileiros na campaña presidencial venezolana de 2012, asesorando tanto as candidaturas do presidente Chávez como do seu rival Henrique Capriles Radonski, quen se definiu ideoloxicamente afín e simpatizante do “modelo Lula”. Esta situación deu a entender a preservación por parte de Brasilia dunha “política de equilibrios e contrapesos” moi notoria desde que o PT está no poder.

Noutros aspectos, a diplomacia brasileira durante o período de Lula resultou fundamental para erixirse como actor de pacificación, mediación e equilibrios en escenarios conflitivos en América Latina. Un caso particularmente significativo foi crise política acaecida en Haití a partir de 2004, que determinou o despregue na illa antillana dunha forza de pacificación da ONU (a MINUSTAH) encabezada por Brasil. Posteriormente, a resolución da crise hondureña de mediados de 2009, co golpe de Estado contra o entón presidente Manuel Zelaya, tivo en Brasilia a un actor chave. Por tomar un exemplo, Zelaya estivo refuxiado durante meses na embaixada brasileira en Tegucigalpa.

Outros escenarios de crise que determinaron a participación de Brasilia como actor chave de mediación e negociación foron a polarización social e política na Venezuela de Chávez; o proceso de negociación e pacificación en Colombia entre o goberno de Juan Manuel Santos e a guerrilla das FARC; e diversos sucesos de inestabilidade temporal dentro da Bolivia de Evo Morales (presión autonomista das provincias orientais desde 2007) e no Ecuador de Rafael Correa (tentativa golpista de setembro de 2010) Nalgúns destes casos foi igualmente notable a participación da Unión de Nacións do Sur (UNASUR) como organismo de pacificación de controversias, organismo onde o peso político de Brasil é sumamente significativo e determinante.

3.1.3. O Mundo árabe e musulmán

A visión multipolar e multilateral establecida polas presidencias de Lula e Rousseff determinan unha amplitude (e consecuente complexidade) das relacións exteriores do Brasil actual, así como o seu peso xeopolítico como un actor global emerxente, con incidencia nos foros internacionais.

Neste sentido, a aproximación de Lula ao mundo árabe e musulmán, en particular cara a Liga Árabe no seu conxunto, e a casos particulares como a Autoridade Nacional Palestina (ANP) e países como Turquía e Irán, dirime unha dimensión mais polifacética para a diplomacia brasileira. Este estilo particular de Lula foi traducido nun sistema de equilibrios e de contrapesos(76) que implicaba simultaneamente inserir a Brasil como actor potencial da economía global ó mesmo tempo que manifestaba políticas de solidariedade co denominado mundo dos non aliñados.

Un marco estratéxico de actuación a creación do Foro ASPA, acrónimo que reúne a 22 países da Liga Árabe(77), sendo estes Alxeria, Bahrein, Illas Comores, Exipto, Emiratos Árabes Unidos, Iraq, Xordania, Kuwait, Líbano, Libia, Mauritania, Marrocos, Omán, Palestina, Catar, Arabia Saudita, Somalia, Sudán, Siria, Tunisia, Iemen e Djibuti; cos doce países membros da UNASUR: Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Ecuador, Guíana, Paraguai, Perú, Surinam, Uruguai e Venezuela.

Baixo o impulso de Lula, o I Cumio ASPA levouse a cabo en Brasilia en 2005, continuando a súa andaina en marzo de 2009 co cumio celebrado en Doha (Catar) e, xa sen Lula na presidencia brasileira substituído pola súa sucesora Rousseff, coa celebración do III Encontro Empresarial América do Sur e Países Árabes en Lima (Perú) en outubro de 2012, o cal contou coa participación de máis de 400 empresarios árabes e suramericanos, discutindo así mesmo a eventual apertura de embaixadas conxuntas entre UNASUR e a Liga Árabe.

Estes foros veñen prestando especial atención na coordinación política orientada na reivindicación de diversos postulados do Movemento dos Non Aliñados (agora concretados dentro da Cooperación Sur-Sur), na necesidade de remodelación do sistema internacional a través do fomento do multilateralismo, da solución pacífica de controversias, das críticas ao unilateralismo e á excesiva hexemonía occidental e na  identificación das causas da actual crise internacional, desenvolvendo ó mesmo tempo iniciativas de cooperación económica, financeira, cultural e educativa(78).

O factor da inmigración árabe en América Latina resulta igualmente esencial para fortalecer os lazos comúns dos cumios ASPA. Calcúlase esta inmigración en aproximadamente 20 millóns de emigrantes árabes e os seus descendentes, principalmente de orixe siria, libanesa e palestina, e con especial incidencia en países como Brasil, Arxentina, Chile, Venezuela, Colombia e México. Paralelamente, os cumios ASPA consolidan experiencias anteriores de achegamento entre América Latina e o mundo árabe, especificamente no marco da OPEP (Venezuela, Ecuador, Alxeria, Libia, Iraq, Arabia Saudita) e mais recentemente ante o notable apoio político suramericano ás reivindicacións estatais para Palestina(79), así como as controversias ante as posicións de Washington co respecto aos conflitos internos en países árabes como Libia(80) e Siria.

Neste achegamento entre América do Sur e o mundo árabe e musulmán, o Brasil de Lula xogou un papel esencial, cuxa reprodución non exactamente veuse reflectida na actual presidencia de Dilma Rousseff. Un exemplo é o caso de Irán. En novembro de 2009, Lula recibiu en Brasilia ao entón mandatario iraniano Mahmud Ahmadíneyad tomando en conta que, desde 2007, Brasil ten importantes intereses enerxéticos en Irán e un intercambio comercial valorado en US$ 2.000 millóns. Paralelamente, o goberno de Lula concretou en 2010, xunto con Turquía, un inédito eixe de apoio para o uso pacífico programa nuclear iraniano e o apoio para o enriquecemento de uranio por parte turca(81), o denominado “Pacto de Ankara” que acrecentou diversas tensións e controversias con EUA e os seus aliados, proclives a acelerar as sancións internacionais contra Teherán.

Unha vez chegou á presidencia en 2011, Rousseff alterou dun xeito notable este achegamento de Lula a Irán aducindo que Brasil debe converterse nun “baluarte na defensa dos dereitos humanos(82), mantendo unha posición sumamente crítica co respecto a Teherán precisamente en materia de dereitos humanos e da situación da muller. Paralelamente, Rousseff mantivo igualmente un marcado distanciamento co respecto ao programa nuclear iraniano, desestimando así a viabilidade do eixe Brasil-Turquía-Irán concretado por Lula. Un aspecto significativo deste cambio foi a substitución como ministro de Exteriores de Celso Amorim (o chanceler de Lula) polo actual António Patriota, xesto que foi considerado como unha aproximación de Rousseff a Washington(83).

Non obstante, e no caso palestino, Rousseff reproduciu a mesma sensibilidade que o seu antecesor Lula, quen durante o seu mandato visitou ao presidente palestino Mahmud Abbas e ao seu homólogo israelí Simón Peres, de quen obtivo unha petición para que Brasil participara como un actor chave no proceso de paz palestino-israelí ao percibir a Brasilia como “un actor básico na nova xeopolítica mundial(84). En 2011, Abbas devolveu esta visita a Brasilia, neste caso a Rousseff. Debe igualmente considerarse que desde 2011, Brasil comanda a Forza Interina das Nacións Unidas no Líbano (FINUL), un aspecto que reforza o peso xeopolítico de Brasil en materia de seguridade como actor de pacificación, e que xa levou con anterioridade a Brasilia a liderar misións militares de pacificación en Angola e Timor Leste(85).

3.1.4. China: o novo “gran socio”

Dentro desta dinámica de Cooperación Sur-Sur impulsada por Lula, China comezou a cobrar un papel preponderante nas relacións internacionais de Brasil. Para 2009(86), China transformouse no primeiro socio comercial brasileiro, posición anteriormente ocupada por EUA, cun intercambio comercial valorado en US$ 56.000 millóns(87) Deste modo, Pequín absorbeu o 13,2% das exportacións brasileiras así como orixinou o 12,5% das importacións do país suramericano. En termos comparativos, no ano 2000, o peso chinés na economía brasileira era só do 2%(88).

Debe tomarse en consideración que as relacións diplomáticas entre a República Federativa de Brasil e a República Popular de China son de recente data, abríndose a partir de agosto de 1974. A pesar das diferenzas en canto a sistema político, do apoio chinés aos movementos revolucionarios en América Latina entre as décadas de 1960 ata comezos de 1970, e do feito de que o entón réxime militar brasileiro apostaba por unha relación política e militar mais consecuente con Washington, Brasilia comezou a observar a Pequín como un actor de carácter estratéxico no fortalecemento das demandas dos países en desenvolvemento, relación que cobrou unha importancia aínda mais capital trala transición democrática brasileira (1985) e durante a presidente de F.H.Cardoso (1995-2003), antecesor de Lula(89).

O impulso maior das relacións sino-brasileiras veu definitivamente coa presidente de Lula a partir de 2003. A concreción de intereses políticos e xeopolíticos cobrou un aspecto esencial e clave na relacións estratéxicas entre ambos países na derradeira década, principalmente nas áreas da cooperación científico-tecnolóxica e na política-estratéxica, con alianzas bilaterais no marcos dos foros internacionais(90).

Un marco esencial foi a xira do anterior presidente chinés Hu Jintao por América do Sur, que comezou precisamente en Brasilia en novembro de 2004. Neste momento, o goberno de Lula prometeu o recoñecemento brasileiro á condición chinesa de “economía de mercado” dentro da OMC, unha discusión que xeraría unha forte polémica a nivel internacional, especialmente entre os países que consideran a China como unha “economía en transición”(91).

Un momento chave sería igualmente a conformación dos BRIC a partir de 2005 (ampliado a partir de 2009 a África do Sur conformado como BRICS), e os apoios de Rusia e China ás pretensións de Brasil e India por formar parte do Consello de Seguridade da ONU(92). Unha concreción de intereses entre Pequín e Brasilia que levou a crear no marco da OMC unha alianza xunto a outros 22 países para demandar un cambio nas regras de xogo no comercio internacional. Outro eido de cooperación relevante a partir de 2007 foi a creación do Consello Empresarial China-Brasil, a través dos Ministerios de Desenvolvemento, Industria e Comercio, de Relacións Exteriores e de Agricultura, Pesca e Abastecemento de Brasil, no marco da Axenda China(93).

Non obstante, as controversias e diverxencias igualmente aparecen como claroscuros desta relación estratéxica entre Brasilia e Pequín, principalmente no caso brasileiro. Neste sentido, os sectores comerciais, produtivos e empresariais brasileiros, así como doutros países latinoamericanos, comezaron a cuestionar as eventuais vantaxes de outorgar a China o carácter de socio estratéxico defendido por Brasilia, especialmente afectados ante a posibilidade dun aluvión de exportacións chinesas.

Nesta perspectiva, diversos analistas brasileiros consideraron que esta relación estratéxica obedeceu mais ben a factores políticos (94), en aras de afianzar unha alianza con claras perspectivas de concreción de intereses nos mercados e foros internacionais. Incluso, nas elites empresariais, burocráticas e políticas brasileiras, espallouse unha especie de polarización entre sectores “optimistas” e “pesimistas” sobre as vantaxes e obstáculos da relación estratéxica entre Brasil e China(95), con especial incidencia no potencial carácter competitivo que supón China para Brasil en materia económica, tanto no contexto latinoamericano como global.

Debe igualmente considerarse que se ben Pequín apoia a pretensión brasileira por ingresar no Consello de Seguridade da ONU, as presións establecidas a partir de 2005 entre Alemaña, Brasil, India e Xapón para esta ampliación no Consello de Seguridade tiveron unha forte oposición por parte de Pequín. Non obstante, esta oposición chinesa non estaba dirixida ás pretensións de ingreso de Brasilia senón, mais ben, da India e Xapón, rivais estratéxicos de Pequín no contexto asiático(96).

3.1.5.  O pulso entre “autonomistas” e “liberais”

No marco da formulación das correntes de pensamento da política exterior brasileira, compre considerar a pulsación e persistencia de dúas vertentes claramente diferenciadas e sumamente influentes dentro do Ministerio de Asuntos Exteriores (Itamaraty), nas elites e na opinión pública brasileira. Son estes sectores os denominados “autonomistas” e os “liberais”(97). No caso anteriormente mencionado sobre a relación estratéxica entre China e Brasil, a polarización entre “autonomistas” e “liberais” definiu ese marco de diferenciación entre “optimistas” e “pesimistas”.

Os “autonomistas” definen a necesidade de que Brasil desempeñe un liderado autónomo a nivel internacional, defendendo a cooperación cos países en desenvolvemento e centrando a súa atención na cooperación Sur-Sur, reducindo así a dependencia dos denominados “países do Norte”(98). Neste sentido, Brasil debe liderar o proceso de integración rexional e “abrirse ao mundo”, a través da participación mais activa nas institucións e nos foros internacionais. Inferindo a súa vocación multilateral, identificaríase a este sector “autonomista” como o que maior peso e influencia tivo durante a presidencia de Lula.

Pola súa banda, os “liberais” avogan porque a potencialidade e o liderado de Brasil se realice a través dun proceso de desenvolvemento que lles achegue aos países do Norte mais desenvolvido, en particular a través da cooperación estratéxica con EUA e a Unión Europea(99). O instrumento principal serían as asociacións de libre comercio e incluso de lobbies de influencia neses países. Resulta claro que estes sectores “liberais” incidiron con maior forza durante os mandatos anteriores a Lula, especialmente o de F.H. Cardoso(100).  

En todo caso, esta polarización entre “autonomistas” e “liberais” non obstaculiza a converxencia de ideas e percepcións, dentro das elites e os dirixentes brasileiros, de comprender que o seu país é o líder natural en América do Sur, considerando que Brasil conta cun liderado e un poder superior ao resto dos países da rexión, especialmente nos foros internacionais pero tamén na concreción dunha “diplomacia cultural” así como en aspectos de seguridade e defensa(101).

Así e todo, a polarización entre “autonomistas” e “liberais” pode marcar un novo campo de actuación no actual goberno de Rousseff, en particular á hora de observar o peso e influencia doutras iniciativas rexionais de recente creación, como é o caso da Alianza para o Pacífico conformada por México, Perú, Colombia e Chile, en funcionamento desde 2012.

Esta Alianza, que conta co beneplácito de Washington tomando en conta as expectativas de inserirse dentro da Asociación Estratéxica Trans-Pacífico (TPP) impulsada polo presidente Barack Obama a finais de 2011, abarca un radio de eventual expansión de cara á rexión andina, América do Sur e América Central, un escenario que supón un obvio contrapeso estratéxico de considerable efecto para Brasil, en especial tomando en conta a propensión de Brasilia por constituírse como o motor da integración sudamericana, politicamente activada a través da UNASUR e economicamente a través da revitalización de MERCOSUR(102). Deste modo, a Alianza para o Pacífico pode constituírse nun marco de polarización xeopolítica estratéxica para Brasilia a nivel hemisférico, cuxa incidencia pode influír nunha maior tensión entre os sectores “autonomistas” e “liberais” que tradicionalmente definen os parámetros de actuación da política exterior brasileira.

3.1.6. O poder militar: seguridade e defensa

O apartado no que o goberno de Lula confirmou con maior claridade a súa vontade de retomar e reconfigurar os imperativos da “escola xeopolítica brasileira”, concéntrase no sector da seguridade e defensa. Desde 2004, Brasil atópase entre os países que máis recursos destinan a gastos militares, ocupando en varias ocasións o liderado nesta materia no conxunto da rexión de América do Sur(103), xunto a outros países veciños como Perú, Venezuela e Colombia.

Esta preocupación pola seguridade e defensa formalizouse a partir de 2005, ca adopción da Política Nacional de Defensa, configurada como Plan Estratéxico de Defensa Nacional a partir de 2008(104). Así como defende o principio de non intervención nos asuntos internos dos países e a resolución pacífica dos conflitos(105), esta estratexia outorga prioridade, segundo considera o propio Ministerio de Defensa de Brasil, “a importancia de desenvolver capacidades militares para protexer o territorio continental e marítimo, os seus recursos naturais e a biodiversidade, ó mesmo tempo que tentan xerar as condicións para que as forzas militares sexan aptas para disuadir a presenza e a acción non consentida de actores externos en calquera parte do territorio nacional(106).

De acordo a esta estratexia, os gobernos de Lula e Rousseff trazan unha política orientada a converter a Brasil nun poder disuasivo e con credibilidade no concerto internacional, capacitado para liderar misións de paz internacional (Haití desde 2004) e outros marcos de seguridade colectiva estipulados dentro da ONU(107). No fondo, estas políticas de seguridade e defensa afrontan a perspectiva de preservar e defender as demandas de Brasilia de reforma e ampliación do Consello de Seguridade da ONU, en particular ante as pretensións brasileiras de inserción no mesmo como membro permanente.

Non obstante, o aumento do gasto en defensa brasileiro xerou, dende 2005, diversos receos, rivalidades e preocupacións en países veciños, especificamente Venezuela, Perú, Colombia ou Arxentina, inquietos ante a posibilidade de que Brasil desnivelara o equilibrio armamentístico e militar en América do Sur.

Un aspecto particular foron as relacións de carácter militar por parte de Brasil con Francia, Rusia e China, especificamente no relativo á construción do submarino nuclear, un aspecto sumamente importante e estratéxico para as Forzas Armadas brasileiras, así como a protección e adopción de políticas orientadas a focalizar a tecnoloxía de enriquecemento de uranio, desenvolvida dun xeito autónomo por parte de Brasilia, e que levou a rexeitar diversas propostas contidas na política de inspeccións por parte da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA)(108).

A pesar de que Brasil sempre adoptou unha política de desarme nuclear a nivel mundial, apoiando os marcos de negociación dentro do Tratado de Non Proliferación Nuclear (1968)(109), este aspecto, o do enriquecemento de uranio, trazou unha tensa relación entre Brasil e a AIEA, organismo adscrito á ONU, especialmente no marco do anteriormente citado acordo de Brasilia con Turquía e Irán de 2010, o cal defendeu as aspiracións turcas de desenvolver un programa atómico ó mesmo tempo que abriu un marco alternativo de protección para o programa nuclear iraniano.

O espazo estratéxico chave para esta estratexia de defensa de Brasil corresponde  indubidablemente ao Atlántico Sur,  principalmente desde o punto de vista económico e estratéxico, tralos descubrimentos de xacementos de petróleo e gas natural na súa zona económica exclusiva(110), factor que potenciaría as posibilidades de Brasil de converterse nun actor enerxético autónomo e potencialmente relevante a nivel mundial.

Neste sentido, Brasilia defende a preservación do Atlántico Sur como espazo libre de armas nucleares e de destrución masiva, tanto como implica un polo estratéxico de actuación cara os países africanos (foco de importancia para a política exterior de Lula) e, incluso, de preservación dos seus intereses de cara á estratexia atlantista da OTAN, EUA e Europa occidental, en particular cando a mesma abarca toda a área de extensión atlántica, escenario que implicaría diversas preocupacións para os imperativos xeopolíticos brasileiros(111).

Tanto como o Atlántico Sur, a Estratexia de Defensa Nacional adoptada oficialmente a partir de 2008 establece como foco prioritario de atención á rexión amazónica. Neste escenario, o énfase de Brasilia implica a necesidade de crear un poder efectivo con efecto disuasorio, en particular ante o temor dunha posible implicación de EUA, eventualmente vía o Plan Colombia (2000) con cada vez maior ampliación andina (Perú) e da potenciación da IV Flota da Mariña estadounidense no Atlántico Sur a partir de 2008; da penetración de actores non estatais como a guerrilla colombiana das FARC así como da actuación de organizacións criminais; dos intereses amazónicos compartidos con outros países veciños, como Perú, Colombia e Venezuela; da eventualidade de configurar o espazo amazónico como fomento de políticas de cooperación en materia de seguridade e de complementariedade das respectivas industrias militares, a fin de diminuír ou evitar os conflitos territoriais cos países veciños no marco do funcionamento do Consello Suramericano de Defensa (UNASUR); e finalmente do interese brasileiro por preservar e defender os recursos naturais amazónicos, evitando a súa depreciación(112).

Paralelamente, ous outros eixos sobre os que se asenta a Estratexia Nacional de Defensa do Brasil son a reorganización das Forzas Armadas, a reestruturación da industria brasileira de material de defensa e, por último, na política de composición dos efectivos das Forzas Armadas(113).

Deste modo, Brasilia tería incidencia en tres ámbitos de actuación; o local ou nacional; o rexional; e o global. No ámbito local, a Defensa entendese como a reafirmación do poder do goberno, cunha incidencia particular na loita en contra do tráfico de drogas. No ámbito rexional, sendo este América do Sur, a defensa brasileira ten a tarefa de garantir a paz e a estabilidade dentro do continente(114). No ámbito global, e sempre con atención a preservar o seu interese estratéxico no Atlántico Sur, Brasilia impulsa unha política de defensa que implique establecer relacións de igualdade e reciprocidade con EUA, a OTAN e a ONU, en particular ante a súas pretensións de ingreso no seu Consello de Seguridade.

As estratexias da seguridade nacional de Brasil adoptadas durante o goberno de Lula ven a confirmar a preservación dos postulados chave da anteriormente citada “escola brasileira de xeopolítica”. Paralelamente, e aínda que resulta politicamente controvertido(115), este peso xeopolítico de Brasil xa foi establecido como doutrina de seguridade nacional durante tralo golpe militar de 1964 e a prolongación do réxime militar ata a transición democrática de 1985.

Para autores como Riordan Roett(116), o golpe militar de 1964, acaecido en momentos tensos da confrontación bipolar da “guerra fría”, evidenciou unha serie de cambios e dinámicas políticas e económicas que certificaban a aplicación daquela secular “visión histórica do papel de Brasil no sistema internacional(117). Neste sentido, apreciábase desde o exterior un papel ascendente e protagonista para Brasil a tenor dos seus postulados xeopolíticos.

3.1.7. O “soft power” brasileiro

A pesar das súas limitacións financeiras e de desenvolvemento socioeconómico, desde mediados da década de 1970, Brasil estableceu unha política de cooperación internacional inserida como estratexia de acción exterior, especialmente cara os países do Sur(118). Deste modo, e a partir da chegada de Lula ao poder en 2003, a cooperación exterior corresponde a un instrumento con cada vez maior incidencia e relevancia dentro da política exterior brasileira, orientada non só a focalizar aspectos relativos á solidariedade internacional senón de cara a potenciar a imaxe internacional de Brasil.

Neste sentido, Brasil aplica estratexias referentes á concepción establecida polo teórico neorrealista Joseph Nye relativas aos conceptos de soft power (literalmente “poder brando”) e smart power (“poder intelixente”), onde a cooperación internacional e os factores culturais xogan un papel preponderante.

Nesta estratexia cobran protagonismo actores de diversa índole: sector público e burocrático-estatal, como a Presidencia, ministerio de Relacións Exteriores e outros órganos da administración pública; organizacións non gobernamentais; empresas e institucións privadas; movementos sociais, a través do Foro Social Mundial de Porto Alegre (a partir de 2001), en particular do labor do Movemento dos Sen Terra, MST(119). Outros actores son institucións federais (axencias, institutos tecnolóxicos, fundacións, secretarias sectoriais, empresas, compañías públicas, universidades e consellos científicos, órganos de asesoría gobernamental, etc); así como órganos pertencentes ao sector privado (federacións industriais, comerciantes, corporacións municipais e rexionais)(120).

A natureza descentralizada da cooperación internacional brasileira, en especial da cooperación Sur-Sur, ven fundamentada na creación da Axencia Brasileira de Cooperación (ABC) a partir de 1987, como ente regulador de políticas multilaterais cun notable grao de complexidade e sistematización(121). Durante o goberno de Lula, principalmente ata 2010, a amplitude da ABC na concreción e formulación de proxectos permitiu coordinar un total de 475 proxectos de cooperación técnica e 1.014 actividades variadas, principalmente concentrados en África (48% e 36 países beneficiarios), América Latina e Caribe (41% e 30 países beneficiarios), e Asia e Oriente Medio (11%), en sectores como a saúde, agricultura, educación e capacitación técnica, medio ambiente, administración pública, seguridade e desenvolvemento social.

Os países prioritarios desta cooperación Sur-Sur establecida pola ABC durante o goberno de Lula foron Mozambique, Timor Leste, Guine Bissau, Haití, Cabo Verde, Paraguai, Guatemala, São Tomé e Príncipe, Angola, Uruguai e Cuba(122). No caso dos países lusófonos, compre destacar a creación de Brasil da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) a partir de 1998, que lle permitiu ao goberno de Lula fortalecer os vínculos estratéxicos coa África lusófona, en particular Angola, Cabo Verde, Mozambique, São Tomé e Príncipe e Guine Bissau(123).

Paralelamente, e a fin de fortalecer e incrementar a súa escala global de cooperación solucionando, ó mesmo tempo, as súas evidentes limitacións financeiras, a ABC estableceu marcos de cooperación bilaterais con países membros da OCDE como Xapón, EUA, España, Alemaña, Francia, Italia, Noruega, Suíza e Canadá, e outros socios multilaterais como a Organización Internacional do Traballo (OIT) e diversas axencias e programas da ONU(124).

A institucionalización da cooperación internacional do Brasil de Lula permitiu concretar en 2010 unha colaboración entre a ABC e o Instituto de Pesquisa Econômica Aplicada (IPEA) na elaboración do informe “Cooperación Brasileira para o Desenvolvemento Internacional 2005-2009”, cuxos resultados consideraron que durante ese período, o monto total destes proxectos foi de US$ 1.608 millóns, a razón de US$ 300 millóns anuais, correspondendo a un 0,02% do PIB brasileiro(125).

Compre igualmente destacar o peso “informal” e “descomplexado” establecido a través da diplomacia cultural como mecanismo de potenciación do soft power brasileiro. A designación entre 2003 e 2009 do célebre músico brasileiro Gilberto Gil como ministro de Cultura do goberno de Lula, exemplificou esa estratexia “exótica” por outorgarlle un peso considerable á imaxe internacional de Brasil(126), especialmente en materia de proxectos de cooperación cultural. Un peso importante nesta estratexia está establecido en torno ao Serviço Social de Comercio (SESC), unha organización de enorme traxectoria creado en 1946 para o mantemento do sector artístico brasileiro e a súa difusión internacional.

O SESC(127) manexa anualmente un orzamento próximo aos US$ 600 millóns e ten unha incidencia fundamental na proxección exterior da cultura brasileira, así como da súa produción cinematográfica e televisiva (series e telenovelas)(128), de gran popularidade en América Latina, África e Oriente Medio.

4.      Conclusión

A mediados de xuño de 2013, por mor da celebración en Brasil da Copa FIFA de Confederacións, milleiros de brasileiros saíron as rúas demandando melloras no sistema de saúde e educación, criticando severamente o oneroso custe público e privado que acadará no país da celebración non só deste torneo futbolístico senón da Copa Mundial FIFA 2014 e dos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro de 2016.

Estas protestas, sacudidas cunha forte represión policial, constituíu probablemente a contestación social máis relevante acaecida en Brasil na súa transición democrática. Cuestionou, en boa medida, a aparente inalterabilidade concentrada na imaxe internacional dun Brasil próspero e emerxente, da que os próximos eventos deportivos a celebrarse neste país explicarían e avaliarían a potencialidade de Brasil como protagonista chave dos acontecementos mundiais para as próximas décadas. Segundo diversas estatísticas, a celebración destes eventos deportivos atraerían ao país suramericano aproximadamente US$ 3.500 millóns en investimentos estranxeiros.

Diversas análises explicaron que estas protestas poden explicar, mais ben, o ascenso dunha “nova clase media”, notoriamente beneficiada das políticas sociais progresistas instauradas desde 2003 co goberno de Lula da Silva, e que reflectíronse nun avance socioeconómico para aproximadamente once millóns de familias brasileiras que logran saír paulatinamente da pobreza. Esta “nova clase media” asumiría as demandas populares dunha reforma política e institucional con maior peso participativo para as clases populares, oferta que foi inmediatamente adoptada pola presidenta Dilma Rousseff e o gobernante Partido dos Trabalhadores (PT), os cales xóganse a reelección presidencial precisamente nos comicios de outubro de 2014.

Independentemente dos acontecementos en curso, Brasil é un país en cambio e ascenso, que volve a atraer a atención internacional polo seu modelo de desenvolvemento e as súas potencialidades non desprovistas de limitacións e riscos. A bonanza económica brasileira está experimentando o retorno do fenómeno da inmigración cara este país, incluso dende Europa, tal e como ocorreu a comezos do século XX. O seu liderado político en América do Sur permitiu ó mesmo tempo constituírse nun referente dunha “nova esquerda” latinoamericana, menos dogmática e ideolóxica, con maior capacidade de influencia, con base en fortes movementos sociais e a convicción de transformar a sociedade a través dun tecido institucional sólido.

Pola súa banda, a inserción internacional de Brasil na derradeira década, coincidente cos gobernos do PT desde 2003, evidencia un aspecto pertinente para a reflexión. Como consideran Bernardo Sorj e Sergio Fausto(129), a actual proxección internacional de Brasil basease nunha combinación específica de elementos subxectivos e obxectivos, traducidos na recuperación do concepto de “país monstro” establecido polo teórico das relacións internacionais George Kennan, e que fai referencia aos países con enormes territorio e poboación que proxéctase internacionalmente pero que adoecen igualmente de dificultades para desenvolver políticas internacionais coherentes.

Esta noción foi recuperada a partir de 2001 polos principais voceiros das finanzas internacionais unha vez o economista Jim O´Neill da consultora Goldman Sachs adoptou a creación do acrónimo BRIC(130), obviamente orientado a focalizar a Brasil, Rusia, India e China como as potencias emerxentes encargadas de transformar o sistema internacional da “posguerra fría” cara un modelo multipolar e multilateral que paulatinamente desprazara á hexemonía estadounidense e occidental. Por tanto, a inclusión de Brasil nos BRIC foi claramente explicado como unha “aposta a futuro”(131).

Esta noción de “país de futuro” que fai referencia ao texto anteriormente mencionado do escritor Stefan Zweig a mediados da década de 1930, segue a posuír unha vixencia preponderante no Brasil actual. A intención deste texto corresponde a considerar cómo estas nocións das potencialidades de Brasil como actor internacional, establecidos nunha concepción xeopolítica autónoma na primeira metade do século XX, ten unha reprodución considerable na formulación das políticas de acción exterior, de seguridade e defensa e na visión dun mundo multipolar de cooperación Sur-Sur onde a solidariedade combínase cun notable nivel de pragmatismo político.

Neste sentido, o goberno de Lula e da súa sucesora Rousseff logrou asentar esta imaxe internacional favorable a través dun tránsito pragmático pero decidido dun sistema internacional que desprazaba as súas forzas tectónicas do “Consenso de Washington” de 1989 predominante nos primeiros anos da posguerra fría, ata un sistema actual onde semella focalizarse nun “Consenso de Pequín” con China e outras potencias emerxentes como Brasil á cabeza, capacitadas para transformar un sistema internacional baixo novas formas de cooperación Sur-Sur(132).

No sentido xeopolítico, a adopción da Estratexia Nacional de Defensa en 2008 permitiu a Brasilia reforzar os seus imperativos e postulados xeopolíticos ampliando a súa perspectiva estratéxica alén de América do Sur (territorio focal de atención da “escola xeopolítica brasileira”) cara novos escenarios como África (en particular lusófona), a Antártida, o Atlántico Sur e o Caribe, en especial coa responsabilidade de Brasil de liderar as forzas de paz da ONU en Haití a partir de 2004, situación que repercutiu nunha percepción internacional positiva sobre os compromisos e as responsabilidades de Brasil como actor emerxente a nivel global(133).

Así e todo, Brasil asume as súas notorias asimetrías en materia de desenvolvemento e prioridades tanto co respecto ao resto dos membros do BRIC (ao que se engadiu a partir de 2009 África do Sur para conformar o actual BRICS) como co respecto a EUA e Europa occidental. Neste sentido, a xestión de Lula permitiu confluír unha serie de expectativas deseñadas na tradicional xeopolítica brasileira, con claro énfase nas prioridades militares de seguridade, cara unha maior descentralización e amplitude de actores competitivos na formulación das políticas de acción exterior e de defensa, incluso restando o peso tradicional da escola de Itamaraty como foco central de formulación destas políticas.

Paralelamente, Lula e Rousseff acometen o tradicional pulso entre “autonomistas” e “liberais” existentes no seo da administración pública brasileira á hora de fomentaras súas políticas económicas e de acción exterior, especialmente ante as prioridades establecidas na cooperación Sur-Sur, desprazando a un segundo plano a tradicional orientación brasileira cara as súas relacións económicas, políticas e culturais con Europa e levemente con EUA. A pesar de apostar pola multipolaridade, Brasil adoece da construción dun discurso mais convincente sobre cal debe ser o papel do país no mundo(134) e cómo as súas prioridades estratéxicas poden servir de ferramentas para a transformación do sistema internacional.

Asumindo estes e diversos riscos, especialmente a superación das desigualdades socioeconómicas e unha reforma política mais plural, así como as súas evidentes potencialidades como actor emerxente en ascenso nos foros internacionais, Brasil transita nas primeiras décadas cun paso mais decidido en canto as súas prioridades.

Cunha benévola imaxe exterior traducida na percepción dun país “amable” e convencido das súas facultades, Brasil segue a reproducir esa ilusión e esperanza de desenvolvemento liderado por un país historicamente periférico que reclama o seu papel histórico. Pode que a visión en chave profética de Stefan Zweig sobre o Brasil como “país de futuro” teña unha maior significación no momento actual.

 

 



(1) Esta presunción “futurista” sobre as potencialidades de Brasil fai referencia ao libro de Stefan Zweig, Brasil, país de futuro (1941), enmarcado na obra autobiográfica do escritor austríaco de orixe xudeu, titulado “El mundo de ayer. Memorias de un europeo”, obra póstuma posteriormente editada por Bermann-Fischer Verlag AB (Estocolmo, 1942) Mais cunha obra científica, este texto aduce mais ben ás impresións persoais e reflexións do autor durante a súa visita a este país en 1936. (Nota do autor)

(2) DE SOUZA TELLES, Helcimara, “Estado y representación política en Brasil”, Amérique Latine. Histoire et Mémoire. Les Cahiers ALHIM, 16/2008. Posto en liña o 01 de decembro de 2009. URL : http://alhim.revues.org/3071. Consultado o 31 de xullo de 2013.

(3) Ibid.

(4) FAORO, R. Os donos do poder, Porto Alegre (Brasil), Globo, 1958. Citado en “Estado y representación política en Brasil”, op.cit.

(5) Consultar as teses de autores como Barrington Moore Jr. e Theda Skocpol. Citado en  “Estado y representación política en Brasil”, op.cit.

(6) Ibid.

(7) Ibid.

(8) Político brasileiro proveniente dunha elite terratenente, cursou a carreira militar. O seu réxime (1930-1945) implicou a aceleración das políticas “desenvolvistas” do Estado brasileiro, con leves referencias dos réximes de ditadura militar e dos fascismos europeos existentes na época. Durante o seu réxime creáronse o Partido Social Democrático (PSD), o Partido Democrático Trabalhista (PDT) e o Partido Trabalhista Brasileiro (PTB), os cales reclamánse actualmente como herdeiros da ideoloxía “varguista”. (Nota do autor)

(9) Con particular persistencia dun sistema político de “corporativismo estatal” e de “corporativismo social”, determinado por unha “estrutura de control cara abaixo” (Schmitter, 1971) por parte do Estado corporativista, probablemente influído polo corporativismo dos fascismos europeos. Non obstante, outros autores como María Hermínia Tavares Almeida (1995) sosteñen que o corporativismo brasileiro manifestou unha “peculiariedade” determinada pola promoción paralela dun sistema de “desconcentración, fragmentación e descentralización”, moi probablemente determinada por variables de carácter estrutural como a “concentración industrial, a dependencia económica do mercado externo e a dimensión territorial”. Para maior referencia, consultar o texto “Estado y representación política en Brasil”, op.cit. (Nota do Autor)

(10) “Estado y representación política en Brasil”, op.cit

(11) Aos xa existentes PSD, PDT e PTB sumouse a Unión Democrática Nacional (UDN) No período 1946-1964, o sistema político brasileiro experimentou unha especie de “tripolariedade” partidista no poder, identificado no peso do PSD, da UDN e do PTB. Paralelamente, na década de 1940 creouse o Partido Comunista Brasileiro (PCB), ilegalizado a partir de 1947, moi probablemente por mor da “Doutrina Truman” de contención ao comunismo no hemisferio occidental, impulsada polo presidente estadounidense Harry S. Truman. A ilegalización do PCB beneficiou politicamente ao PTB, en particular no relativo a votantes e afiliados. Consultar igualmente o texto “Estado y representación política en Brasil”, op.cit. (Nota do autor)

(12)  “Estado y representación política en Brasil”, op.cit

(13) Segundo a definición de “pluralismo polarizado” utilizada por Wanderley Guilherme dos Santos (Crise e Castigo, Río de Janeiro, IUPERJ, Săo Paulo, Vértice, 1987), que define un sistema de “fragmentación dos recursos públicos entre un gran número de actores políticos, altamente comprometidos”. Consultar esta cita no texto “Estado y representación política en Brasil”, op.cit.

(14) “Estado y representación política en Brasil”, op.cit.

(15) Ibid.

(16) Ibid. O carácter espontáneo e rupturista dos movementos sociais é posible identificalo no sentido de non depender da relación clientelar co Estado.

(17) Ibid.

(18) CIA World Factbook, estimacións xullo de 2013. Ver en: https://www.cia.gov/library/publications/the-world-factbook/geos/br.html

(19) Ibid.

(20) Ibid.

(21) TRAVASSOS, Mario, Proyección Internacional de Brasil, El Cid Editor (México), 1978. Este texto constitúe un referente clásico dos estudos e postulados xeopolíticos tanto no Brasil como no contexto suramericano. Para maior información, consultar o artigo de ROMERO GALLARDO, Michelle Vyoleta; PEÑA GONZÁLEZ, Rodrigo; e GONZÁLEZ ULLO AGUIRRE, Pablo Armando; “Brasil: raíces geopolíticas y actual influencia en expansión”, Política y Cultura, Universidad Autónoma de México (UNAM), Primavera 2012, Nº 37, pp. 233-253. Consultar en: http://scielo.unam.mx/pdf/polcul/n37/n37a11.pdf

(22) Proyección Internacional de Brasil, , op.cit., Capitulo Uno, Primeira Parte.

(23) Ibid.

(24) “Brasil: raíces geopolíticas y actual influencia en expansión”, op.cit.

(25) Ibid.

(26) Autor do libro Curso de Geopolítica Geral e do Brasil, Biblioteca do Exército Editora, Volumes 178-179, Río de Janeiro, 1952.

(27) Ibid, pp. 91-96.

(28) Ibid, pp. 261-262.

(29) “Brasil: raíces geopolíticas y actual influencia en expansión”, op.cit

(30) Ibid.

(31) Ibid.

(32) Curso de Geopolítica Geral e do Brasil, op.cit, pp. 262-263.

(33) Ibid, páxina 263.

(34) Autor do libro Geopolítica do Brasil (1966)

(35) Geopolítica de Brasil. Ver en: http://www.slideshare.net/Edllyber/geopolitica-del-brasil

(36) Ibid.

(37) “Brasil: raíces geopolíticas y actual influencia en expansión”, op.cit

(38) Ibid.

(39) Ibid.

(40) Autor, entre outros libros, de Brasil: Geopolítica e Destino, Editora José Olimpo, Río de Xaneiro, 1975; Geopolítica e Modernidade. Geopolítica brasileira, Río de Janeiro, Biblioteca do Exército, 2002; e Geopolítica y Teoría de las fronteras, Buenos Aires, Círculo Militar, 1997.

(43) “Brasil: raíces geopolíticas y actual influencia en expansión”, op.cit.

(44) A denominación de “xigante verde” foi utilizada polo secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon durante unha visita a Brasil en 2007, considerando a produción brasileira en etanol, combustible a base de azucre de caña co que se pretende substituír paulatinamente o uso de petróleo. Consultar en “Brasil: raíces geopolíticas y actual influencia en expansión”, op.cit.

(45) A “excepcionalidade brasileira” ten as súas bases históricas na particularidade do seu desenvolvemento de colonia portuguesa a posterior reino trala invasión napoleónica á península ibérica. En 1808, o rei Juan VI de Portugal debeu trasladar a súa corte a Río de Xaneiro ao non apoiar a invasión bonapartista. Unha vez instalado, o monarca proclamou o Reino de Brasil independente da colonización portuguesa, un feito obviamente diferente en comparación co resto das nacentes repúblicas hispanoamericanas que loitaban pola súa independencia do imperio español. Engadido a factores igualmente de carácter cultural (a lingua portuguesa), o Brasil do século XIX transitou por sendeiros moitas veces diverxentes en comparación cos países hispanoamericanos. Entre outros, estes factores solidificaron esa sensación de “excepcionalidade brasileira”. Consultar: “Brasil: raíces geopolíticas y actual influencia en expansión”, op.cit.

(46) Considerado un dos precursores da xeopolítica como ciencia, Sir Halford John MacKinder (1861-1947) estableceu a teoría do heartland ou “corazón da terra”, con epicentro en Eurasia, como o centro neurálxico de dominio mundial. Confróntese a súa tese no célebre artigo “The Geographical Pivot os History”, The Geographical Journal, Vol. XXXIII, Nº 4, April, 1904. Pódese consultar en: http://intersci.ss.uci.edu/wiki/eBooks/Articles/1904%20HEARTLAND%20THEORY%20HALFORD%20MACKINDER.pdf

(47) Elaborado por xeopolíticos arxentinos e bolivianos, este hipotético “Triángulo Máxico” estaría establecido en torno ás cidades bolivianas de Cochabamba, Sucre e Santa Cruz e que, segundo Travassos, corresponde a un espazo tradicional de inestabilidade que debía ser capitalizado en América do Sur por todo aquel que pretenda exercer un liderado rexional. Para maior información, consultar o artigo “Brasil: raíces geopolíticas y actual influencia en expansión”, op.cit. Compre engadir que esta realidade do hipotético “Triángulo Máxico” segue a establecer notable influencia na xeopolítica brasileira e sudamericana. As ambicións secesionistas establecidas en torno á provincia oriental boliviana de Santa Cruz, fronteiriza con Brasil, particularmente desde a chegada ao poder de Evo Morales en Bolivia (a partir de 2005) identifica unha variable de inestabilidade onde Brasil xoga un papel esencial como factor de equilibrio pero tamén de tensión dentro das relacións entre Brasilia e A Paz. Pode incluso especularse que parte das tensións bilaterais establecidas nos derradeiros anos entre Brasil e Bolivia, en particular no apartado das concesións de explotación de gas natural, teñen á rexión de Santa Cruz como un epicentro chave. Incluso, dentro do goberno boliviano chegouse a especular con que Brasilia podería estar sutilmente apoiando estas ambicións secesionistas de Santa Cruz e doutros departamentos orientais como Beni, Tarija, Cuquisaca e Pando, cuxos prefectos veñen sendo radicalmente opositores ao goberno de Evo Morales. (Nota do autor)

(48) “Brasil: raíces geopolíticas y actual influencia en expansión”, op.cit .

(49) Ibid.

(50) Ibid.

(51) MANSILLA BLANCO, Roberto, “Brasil como axente clave da cooperación Sur-Sur”, Praza Pública (Galicia), marzo de 2012.

(52) Páxina web da Agência Brasileira de Cooperação: http://www.abc.gov.br/

(53) FRAYSSINET, Fátima, “Brasil afianza su modelo de cooperación internacional”, Inter Press Service en español, 29 de febreiro de 2012.

(54) Ibid

(55) DEEN, Thalif, “Brasil impulsa cooperación Sur-Sur”, Inter Press Service en español, agosto de 2011.

(56) Páxina web da Agência Brasileira de Cooperação: http://www.abc.gov.br/

(57) “Brasil refuerza su cooperación Sur-Sur a través de la FAO”. Oficina Regional de la FAO para América Latina y el Caribe, 30 de setembro de 2011. Ver en: http://www.rlc.fao.org/es/prensa/noticias/brasil-aumenta-su-cooperacion-sur-sur-a-traves-de-fao/

(58) “Brasil afianza su modelo de cooperación internacional”, op.cit

(59) “Brasil como axente clave da cooperación Sur-Sur”, op.cit.

(60) “Brasil afianza su modelo de cooperación internacional”, op.cit.

(61) FRAYSSINET, Fabiana; “África en deuda con Brasil: el perdón no siempre es gratis”, Inter Press Service en Español, 10 de setembro de 2013. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/2013/09/africa-en-deuda-con-brasil-el-perdon-no-siempre-es-gratis/

(62) Ibid.

(63) Ibid.

(64) Ibid.

(65) Para unha aproximación ao imaxinario social brasileiro sobre a cultura afrodescendente, recoméndase consultar o artigo de DINIZ FERNANDES, Bruno; “Consciência coletiva, identidade negra e cidadania; uma perspectiva pós-colonial para as construçōes sociais no Brasil”, Revista África e Africanidades (Brasil), Ano 3, Nº 11, novembro de 2010.

(66) “Lula anuncia creación de universidad para estudiantes africanos y brasileños”, Info7 (México), 20 de xullo de 2010. Ver en: http://info7.mx/a/noticia/208416.

(67) Ibid

(68) Páxina web da UNILAB: http://www.unilab.edu.br/

(69) MANSILLA BLANCO, Roberto; “Unha ‘pragmática fraternidade’: novas realidades nas relacións luso-brasileiras”, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI),  20 de febreiro de 2012. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/unha-pragmatica-fraternidade-novas-realidades-nas-relacions-luso-brasileiras

(70) “Próxima viagem de Dilma Rousseff mantém aproximação à África lusófona iniciada por Lula da Silva”, Noticias SAPO (Mozambique), 15 de outubro de 2011. Ver en: http://noticias.sapo.mz/lusa/artigo/13202924.html

(71) DE QUEIROZ, Mario; “Brasil-Mozambique: las relaciones ya no pasan por Portugal”, Inter Press Service en Español, 10 de setembro de 2010. Ver en: http://ipsnoticias.net/nota.asp?idnews=42126

(72) Unha visión compartida pola profesora Marzia Grassi, experta en temas afro-portugueses na Universidade de Lisboa. Ver en DE QUEIROZ, op.cit. Consultar igualmente en: “Unha ‘pragmática fraternidade’: novas realidades nas relacións luso-brasileiras”, op.cit.

(73) Resulta necesario considerar que o Partido dos Trabalhadores (PT), creado en Săo Paulo en 1980 a raíz das folgas xerais de 1978-79 contra ditadura militar, constitúe un movemento plural, non necesariamente monolítico, en gran medida herdeiro do sindicato do Comando Geral dos Trabalhadores (CGT) e do Partido Laborista Brasileiro, ambos ilegalizados durante a ditadura militar. De raíz sindical, o PT logrou artellar diversas correntes de oposición, tanto legal como ilegal, conformado por sindicalistas, relixiosos, trotskistas, socialistas, socialdemócratas, intelectuais e incluso grupos armados, que foron configurando un partido abertamente “excepcional” dentro do sistema político brasileiro. Desde a transición democrática de 1985 e ata a súa chegada ao poder en 2003, o PT foi o principal partido de oposición en Brasil. Para maior información, ver o artigo de LOUAULT, Frédéric; “Un enracinement démocratique continu”, Questions Internationales (Francia), Dossier “Brasil: l´autre géant américain”, Nº 55, maio-xuño de 2012. Politicamente, o PT posúe fluídas relacións con Partido Comunista Brasileiro, movementos de esquerda, movementos sociais como o MST e Vía Campesiña e outros afiliados ao Foro de Săo Paulo, así como fluídos contactos con partidos e movementos latinoamericanos como a Fronte Ampla uruguaia, o PSUV venezolano e o Partido Comunista de Cuba, entre outros. (Nota do autor)

(74) “Lula deja escuela en América Latina pero…”, El Universal (México), 26 de xuño de 2011. Ver en: http://www.eluniversal.com.mx/internacional/73263.html

(75) Ibid.

(76) “Brasil: raíces geopolíticas y actual influencia en expansión”, op.cit .

(77) “III Cumio América Latina-Países Árabes”, IGADI Paper Nº 91, 3 de outubro de 2012. Ver en: http://www.igadi.org/web/sites/all/arquivos/igadipaper91.pdf

(78) Ibid.

(79) Ibid. Actualmente (setembro de 2013), e a excepción de Colombia, a totalidade de países suramericanos recoñecen á Autoridade Nacional Palestina como un Estado de dereito internacional.

(80) No marco da votación no Consello de Seguridade da ONU o 17 de marzo de 2011, Brasil adoptou a abstención á hora de aprobar a actuación militar da OTAN en Libia. Ver: “Brasil: raíces geopolíticas y actual influencia en expansión”, op.cit . (Nota do autor)

(81) Ibid.

(82) Ibid.

(83) Ibid.

(84) Ibid.

(85) BRUN Élodie; “La quête du statut de grande puissance”, Questions Internationales, Dossier Brésil: l´autre géant américaine, op.cit

(86) MOREIRA CUNHA, André, “A China e o Brasil na nova Ordem Internacional”. “Dossiê: China: Desenvolvimento econômico e segurança internacional”, Revista de Sociologia e Política, Vol. 19, Nº Suplementar, Río de Xaneiro (Brasil), 9-29 de novembro de 2011. Consultar igualmente o artigo de MANSILLA BLANCO, Roberto; “Asimetrías y convergencias en la relación entre Brasil y China (2003-2011)”, II Simposio Electrónico Internacional de Política China 2012, IGADI e Observatorio de la Política China (OPCh), 1-21 de marzo de 2012. Ver en: http://www.asiared.com/es/downloads2/m3-roberto-mansilla.pdf

(87) “Brasil: raíces geopolíticas y actual influencia en expansión”, op.cit .

(88)A China e o Brasil na nova Ordem Internacional”, op.cit.

(89) “Asimetrías y convergencias en la relación entre Brasil y China (2003-2011)”, op.cit.

(90) ALTEMANI DE OLIVEIRA, Henrique, “China-Brasil: perspectivas de cooperación Sur-Sur”, Revista Nueva Sociedad, Caracas, Maio-Xuño 2006. http://www.nuso.org/upload/articulos/3357_1.pdf. Consultar tamén: “Asimetrías y convergencias en la relación entre Brasil y China (2003-2011)”, op.cit.

(91) “Asimetrías y convergencias en la relación entre Brasil y China (2003-2011)”, op.cit.

(92) “Brasil: raíces geopolíticas y actual influencia en expansión”, op.cit .

(93) “Asimetrías y convergencias en la relación entre Brasil y China (2003-2011)”, op.cit.

(94) “China-Brasil: perspectivas de Cooperación Sur-Sur”, op.cit

(95) “Asimetrías y convergencias en la relación entre Brasil y China (2003-2011)”, op.cit.

(96) “China-Brasil: perspectivas de Cooperación Sur-Sur”, op.cit

(97) LAMOSO GONZÁLEZ, Paula; “As bases e perspectivas da Política Exterior brasileira”, IGADI, 6 de xullo de 2012. Consultar en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/as-bases-e-perspectivas-da-politica-exterior-brasileira

(98) Ibid.

(99) Ibid.

(100) Ibid.

(101) Ibid.

(102) MANSILLA BLANCO, Roberto; “Brasil e a Alianza do Pacífico: un novo pulso hemisférico?”,  IGADI, 8 de maio de 2013. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/brasil-e-a-alianza-do-pacifico-un-novo-pulso-hemisferico

(103) “As bases e perspectivas da Política Exterior brasileira”, op.cit.

(104) Ibid. Consultar igualmente o artigo de COSTA VAZ, Alcides, “Coaliciones Internacionales en la política exterior brasileña: seguridad y reforma de la gobernanza”, Revista CIDOB d´Afers Internacionals, Nº 97-98, abril 2012. Páxina 184.

(105) “As bases e perspectivas da Política Exterior brasileira”, op.cit.

(106) “Coaliciones Internacionales en la política exterior brasileña: seguridad y reforma de la gobernanza”, op.cit.

(107) Ibid.

(108) Ibid.

(109) Ibid.

(110) Ibid.

(111] Ibid.

(112) “As bases e perspectivas da Política Exterior brasileira”, op.cit. Sobre a cooperación rexional na área amazónica, compre salientar os antecedentes establecidos a partir da adopción de diversos instrumentos xurídicos, como o Tratado da Conca da Prata (1966); o Tratado de Cooperación Amazónica (1978); o Programa Calha Norte (1985); o Sistema de Vixilancia Amazónica, SIVAM (1994); e o programa de exercicios COLBRA entre Brasil e Colombia a partir de 2005. Un peso especifico da política de defensa amazónica de Brasilia o leva a cabo a empresa estatal EMBRAER na fabricación do avión A-29 Super Tucano para labores de combate ao narcotráfico, así como da modernización da flota de aviación brasileira ou da compra de 12 helicópteros rusos Mil-MI 35 M. Para maior información, consultar o artigo de DEL SAR, Esteban; “El Amazonas y sus implicancias para la Seguridad de Brasil”, Centro Argentino de Estudios Internacionales (CAEI). Ver en: http;//www.caei.com.ar. (Nota do autor)

(113) Ibid.

(114) Ibid. Resulta relevante considerar que o goberno de Lula iniciou un proceso de reestruturación das Forzas Armadas brasileiras a fin de asentar os postulados básicos desta Estratexia de Defensa Nacional, particularmente no caso da loita antidrogas. Brasil segue a constituír un relevante porto de saída e tránsito de droga cara Europa, incluso utilizando a ruta atlántica africana. Para maior información, consultar o artigo “El Amazonas y sus implicancias para la Seguridad de Brasil”, op.cit. (Nota do autor)

(115) Os gobernos de Lula e Rousseff esfórzanse por afianzar unha política de “memoria histórica” sobre o período do réxime militar (1964-1985) en materia de violación dos dereitos humanos, dos que os propios Lula e Rousseff víronse afectados no seu labor político, a fin de afastar a tradicionalmente asentada presunción da presunta natureza de “ditadura branda” do réxime militar brasileiro, especialmente en comparación coas ditaduras de Pinochet en Chile ou Videla na Arxentina. Así e todo, e aínda que pareza controvertido e ata contraditorio, a preservación dos postulados xeopolíticos de Brasil institucionalizados e defendidos antes e durante o réxime militar tiveron unha dimensión estratéxica para un goberno progresista e de esquerda como o PT a partir de 2003, remodelados e reconfigurados de acordo a súa visión dun mundo multipolar e multilateral, afastado dos postulados da “guerra fría” do que o réxime militar brasileiro converteu en doutrina de seguridade nacional. Este aspecto gravitou con especial importancia nas relacións dos gobernos de Lula e Rousseff coas Forzas Armadas brasileiras nun contexto de normalización e democratización das relacións cívico-militares. Compre igualmente salientar que a actual Constitución brasileira adoptada en 1988 restrinxiu o papel das Forzas Armadas en temas relativos á seguridade interna mentres que a creación do Ministerio de Defensa deu paso a que os seus representantes foran civís e non militares. Para maior información, ver o texto SORJ, Bernardo e FAUSTO, Sergio (coord); Brasil y América Latina: ¿Qué liderazgo es posible?, Plataforma Democrática, Fundaçao Instituto Fernando Henrique Cardoso Centro Edelstein de Pesquisas Sociais, Brasil, Colección “El Estado de la Democracia en América Latina”, 2010. (Nota do autor)

(116) ROETT, Riordan; “Brazil Ascendant: International Relations and Geopolitics in the Late 20th Century”, Journal of International Affairs, Vol. 29, Nº 2, 1975. Tomado de Brasil: raíces geopolíticas y actual influencia en expansión”, op.cit .

(117) Ibid.

(118) AYILLÓN, Bruno, “Contribuciones de Brasil al desarrollo internacional: coaliciones emergentes y cooperación Sur-Sur”, Revista CIDOB d´Afers Internacionals, Nº 97-98, abril 2012. Páxina 197.

(119) De La FONTAINE, Dana e SEIFERT, Jurek; “The Role of South-South Cooperation in present Brazilian Foreign Policy: Actors, Interests and Functions”.

(120) “Contribuciones de Brasil al desarrollo internacional: coaliciones emergentes y cooperación Sur-Sur”, op.cit, pp. 197-198.

(121) Ibid, pp. 198-199.

(122) Ibid, p. 199.

(123) “The Role of South-South Cooperation in present Brazilian Foreign Policy: Actors, Interests and Functions”, op.cit.

(124) “Contribuciones de Brasil al desarrollo internacional: coaliciones emergentes y cooperación Sur-Sur”, op.cit.  p. 200.

(125) Ibid, pp. 200-201.

(126) “La quête du statut de grande puissance”, Questions Internationales, Dossier Brésil: l´autre géant américaine, op.cit.

(127) O SESC foi creada en tempos da “guerra fría” como un mecanismo oficial destinado a potenciar o sector cultural brasileiro e afastalo de calquera penetración de carácter “comunista”. Para maior información, consultar o artigo de ROHTER, Larry ; « Brazil´s Unique Cultural Group Stays Busy Sharing the Wealth », International Herald Tribune, 27 de marzo de 2012. Tomado de “La diplomatie culturelle: un outil du soft power brésilien”, encadrado dentro do artigo “La quête du statut de grande puissance”, Questions Internationales, Dossier Brésil: l´autre géant américaine, op.cit, p. 64. (Nota do autor)

(128) Ibid, p. 64.

(129) “Brasil: actor geopolítico regional y global” en Brasil y América Latina: ¿Qué liderazgo es posible?, op.cit, p. 27.

(130) Ibid, p, 27.

(131) Ibid, p. 33.

(132) Ibid, p. 35.

(133) Ibid, pp. 36-38.

(134) Ibid, p. 67.