Un Timor máis australiano


 Kevin Rudd e Xanana Gusmao; clic para aumentar
Sexa como for, unha cousa segura se desprende deste enredo: a división interna e a desintegración das forzas policiais e armadas levan de cabeza a Timor, e Australia, a onde foi trasladado de urxencia o malferido presidente Ramos-Horta, non desaproveita a ocasión para reforzar a súa presenza policial e militar (con 200 efectivos máis) na antiga excolonia portuguesa. O 15 de febreiro, Kevin Rudd, o primeiro ministro australiano, viaxa a Dili para reunirse con Gusmao (foto), por certo, sempre protexido polas forzas militares australianas.
 

Moitas circunstancias escuras rodean o pretendido golpe de estado frustrado de Timor. Segundo uns, Ramos-Horta e Xanana Gusmao foron vítimas dun duplo atentado, organizado por Alfredo Reinaldo, líder rebelde que no seu día activou a inestabilidade en Timor ata provocar a caída do goberno de Mari Alkatiri, do FRETILIN. Segundo outros, todo o acontecido forma parte dunha estratexia instigada para sacar do medio ao principal factor desestabilizador da nova etapa xurdida coa designación de Xanana Gusmao como primeiro ministro. No medio, un profundo incomodo político e social pola marxinación do FRETILIN, gañador dos comicios lexislativos, pero privado de gobernar, e serias sospeitas sobre o papel das tropas internacionais.

Alfredo Reinaldo, treinado en Australia, puido organizar o atentado ante a negativa do tándem Horta-Gusmao a aceptar o reingreso no exército dos 600 soldados que a comezos de 2006 licenciou Alkatiri, reclamación instada desde que o líder do FRETILIN abandonou o goberno. Pero Reinaldo, fugado do cárcere en agosto de 2006, esixía tamén a saída das tropas australianas de Timor, algo inaceptable para Hortas-Gusmao quen, por outra banda, “protexían” ao fuxitivo Reinaldo reclamando das forzas internacionais que non se afanasen na súa detención. Recentemente, Reinaldo demandaba a dimisión do goberno de Gusmao e a entrega do poder a Ramos-Horta, pero este foi, paradoxalmente e á vista dos feitos, o máis prexudicado polo atentado. E Reinaldo sabía, probablemente demasiado, das tensións ocultas que orixinaron os acontecementos de abril-maio de 2006 (37 mortos e milleiros de refuxiados) e que, á postre, permitiron aos australianos aumentar a súa presenza e desfacerse dun primeiro ministro hostil.

Sexa como for, unha cousa segura se desprende deste enredo: a división interna e a desintegración das forzas policiais e armadas levan de cabeza a Timor, e Australia, a onde foi trasladado de urxencia o malferido presidente Ramos-Horta, non desaproveita a ocasión para reforzar a súa presenza policial e militar (con 200 efectivos máis) na antiga excolonia portuguesa. O 15 de febreiro, Kevin Rudd, o primeiro ministro australiano, viaxa a Dili para reunirse con Gusmao, por certo, sempre protexido polas forzas militares australianas.

Mentres, Portugal, que abandonou o país en 1975, e a comunidade de países lusófonos permaneceu en ignorado paradeiro, cedendo un pouco máis de poder ao goberno anglófono australiano. Nin o máis mínimo apoio. Unha pena de ocasión perdida. Os australianos e o seu neocolonialismo quedarán moitos anos en Timor, condicionando a súa política interna. En febreiro de hai un ano foille outorgada definitivamente a Canberra a explotación dos maiores campos de hidrocarburos do mar de Timor, Greater Sunrise e Bayu Undan, unha decisión que se viña adiando desde 2004 e que Alkatiri non secundaba, preferindo, din, a China como socio.

O primeiro estado do século XXI e o máis pobre de Asia, logo de 25 anos padecendo a severa represión de Iakarta, atravesa grandes dificultades, probablemente relacionadas coas tensións que esperta a cobiza polo seu petróleo e gas e que no seu día puideron alentar a revolta contra Mari Alkatiri, o primeiro ministro, pouco favorable, a diferenza de Gusmao, ás ambicións de Canberra, no seu día contraria á independencia de Timor e hoxe reconvertida no seu quinteiro. Un Estado independente, pero cada vez menos soberano.