1995112728conferencia euromed barcelona

Unha década mirando ao Mediterráneo

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Euromed 1995, clic para aumentar
A declaración de Barcelona de 1995, dirixiu a ollada Europea cara os países do sur e do leste do mediterráneo, nunha perspectiva de promoción de valores de carácter rexional . Facendo unha análise crítica, houbo achegas en ámbitos concretos como a loita contra as minas, no incremento da cooperación entre ONGs, ou na estabilidade e na apertura a rexímenes pouco proclives.
 

Partindo da liña establecida nos Consellos Europeos de Lisboa (xuño de 1992), Corfú (xuño 1994) e Essen (decembro 1994), a UE decidiu establecer unha estratexia de diálogo cos países mediterráneos, coa intención de consolidar mecanismos de cooperación estables dentro dun cadro de promoción multilateral entre a UE e estes países.

Asociando estreitamente os aspectos económicos e de seguridade, e integrando todo iso nunha dimensión social, humana e cultural, concretouse un acordo na conferencia de Barcelona, celebrada o 27 e 28 de novembro de 1995, e que reuniu ós ministros de asuntos exteriores dos 15 países da UE, e a doce países mediterráneos (Alxeria, Chipre, Marrocos, Exipto, Israel, Xordania, Líbano, Malta, Siria, Tunicia, Turquía e a Autoridade Palestina, ademais da Liga de Estados Árabes e a Unión Árabe do Magreb, xunto con Mauritania en calidade de membro desta última organización).

A declaración de Barcelona de 1995 dirixiu a ollada europea cara os países do sur e do leste do Mediterráneo, nunha perspectiva de promoción de valores de carácter rexional, semellante á adoptada con Rusia, que fixaba a medio e longo prazo obxectivos de diálogo e cooperación e, no fondo, de promoción dos valores de liberdade, democracia, e respecto dos dereitos humanos que Europa di representar.

Estes acordos comporíanse de tres variables fundamentais de carácter político, económico e social: unha primeira orientación política, tiña por obxectivo a definición dun espazo común de paz e estabilidade, que pretendía axudar á resolución de conflitos, se ben non foi de todo efectiva. No apartado económico e financeiro, perseguíase a construción dunha zona de prosperidade compartida, baseada no libre intercambio e na cooperación técnica e financeira. E finalmente, unha aposta social, cultural e humana, encamiñábanos ó desenvolvemento das capacidades humanas, ó fortalecemento da comprensión mutua entre culturas e ó intercambio entre as sociedades civís.

A fin de asegurar o cumprimento dos obxectivos marcados, prevíanse reunións periódicas dos ministros de asuntos exteriores, que desbloquearían os puntos de tensión; reunións, que estarían preparadas por un comité de altos funcionarios, o Comité Euro-Mediterráneo do proceso de Barcelona, encargado de poñer ó día o programa de traballo. As distintas accións emprendidas serían obxecto de seguimento por reunións temáticas "ad hoc", de ministros, de altos funcionarios e expertos, para intercambio de información e de experiencias.

A principal ferramenta de traballo lanzada en 1995, foi o programa MEDA, un instrumento financeiro para apoiar as actividades realizadas neste contexto, e que contou con 5,071 mil millóns de euros entre 1995 ate 2001, dos 6,4 que a UE dedica a cooperación financeira cos países mediterráneos, sendo o 86% dos recursos asignados de maneira bilateral, e o 12% a actividades rexionais. Nunha segunda etapa 2000-2006, que comprende ata a actualidade, o programa MEDA, contaría con 5,350 mil millóns de euros, que virían a complementar o traballo das Conferencias Euro-Mediterráneas, que contribuíron a dar un novo pulo nos obxectivos do proceso de Barcelona, no que atinxe ós procesos políticos e de seguridade, así como na loita contra o terrorismo, avanzando tamén no establecemento de novas facilidades para o investimento, e nun plan de acción sobre cuestións comerciais, así como na estratexia de desenvolvemento durable.

No ámbito social e cultural, pretendeuse avanzar na loita contra a droga, o terrorismo, o crime organizado, a integración dos inmigrantes e a libre circulación de persoas, así como na creación dunha Fundación Euro-Mediterránea para a promoción do diálogo entre culturas, orientado á xuventude, á educación e ós medios de comunicación. Este avance significativo permitiu o diálogo entre culturas a través dunha institución común, a primeira financiada con fondos de tódolos países socios e a Comisión Europea.

Houbo achegas en ámbitos concretos como a loita contra as minas, no incremento da cooperación entre ONGs, na definición de novos marcos de relación con réximes como o libio (visita do coronel Gaddafi a Bruxelas). Pola contra, os resultados defraudaron na resolución de conflitos como o palestino ou o do Sáhara.

A nivel comercial, como cabería esperar, o asunto é máis favorable. A UE é o principal socio comercial, representando para algúns socios máis do 70% do seu comercio, e contribuíndo como o maior socio inversor. En 2002 creouse ademais, o FEMIP (Facilité Euro-Mediterranéenne d’Investisement et Partenariat), no cadro da Banca Europea de Investimento, que abre a posibilidade de efectuar transfers financeiros.

Na sétima conferencia euro-mediterránea, celebrada en maio 2005 en Luxemburgo (Barcelona VII), avaliáronse os resultados obtidos, e discutíronse as orientacións xerais para o futuro, introducindo así a temática para o vindeiro encontro que terá lugar do 27 ó 29 de novembro de 2005 en Barcelona, onde se conmemorará o décimo aniversario da Declaración de Barcelona.

De cara o futuro convén acelerar os compromisos en materia de pacificación, seguridade e estabilidade, así como a xestión de asuntos públicos, loita contra a corrupción e democracia. O conflito Israel-Palestina é o mellor termómetro para medir os avances no contexto da resolución de conflitos. Sen embargo,a loita contra o terrorismo, parece imporse como un imperativo inmediato para os europeos, sobre todo a partir dos atentados do 11 setembro 2001, intensificado polos ataques ás capitais europeas. Malia todo, a redución das disparidades económicas, debería desempeñar un rol moito máis importante, pois é o instrumento básico para acceder a unha estabilidade duradeira.