yulia timoshenko

A “laranxa mecánica” de Yushenko

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Iulia Timoshenko, clic para aumentar
A destitución da figura mais emblemática e mediática da revolución de Yushenko, a primeira ministra Iulia Timoshenko, augura rupturas na coalición gobernante, en vésperas das decisivas eleccións lexislativas de 2006.
 

En Ucraína, no "ano cero" da revolución "laranxa", desatouse a súa primeira crise gobernamental. Semella curioso que o detonante fora o tema da corrupción, mal que presidente Viktor Yushenko prometera erradicar unha vez chegara ao poder, en decembro pasado. Hoxe, o panorama non é tan claro e aprécianse fisuras nunha coalición gobernamental que acrecenta a febleza política de Yushenko.

A decisión do presidente Yushenko de cesar o seu primeiro goberno, amosa sinais preocupantes para unha sociedade que recibira esperanzada os ventos de cambio anunciados pola "revolución laranxa". Non semella que a coalición opositora que levou a Yushenko ao poder puxera fin a un entramado de poder en parte herdado polos anos de goberno do ex presidente Leonid Kuchma, agora privilexiado polas novas autoridades e os novos oligarcas.

Neste sentido, Ucraína semella presentar un sistema similar á veciña Rusia, onde a clase oligarca que aproveitou a desintegración da URSS para posicionarse nos resortes do poder, ditamina as decisións políticas. A destitución da figura mais emblemática e mediática da revolución de Yushenko, a primeira ministra Iulia Timoshenko, augura rupturas na coalición gobernante, en vésperas das decisivas eleccións lexislativas de 2006.

Os escándalos de corrupción presentados polo xefe da Administración presidencial, Oleksander Zinchenko, contra o ministro de Defensa e Seguridade Nacional, o empresario Petro Poroshenko, foron o detonante da actual crise. Sen embargo, Zinchenko non presentou probas suficientes contra Poroshenko, mellor coñecido como o "rei do chocolate", debido a que a súa riqueza acumulouse coa importación de cacao a Ucraína. Pero a crise xa comezara.

Estas acusacións incluían ao entorno de Timoshenko, quen favoreceu a determinados empresarios no proceso de privatización iniciado en 2003 polo ex presidente Kuchma e que beneficiaba ao xenro deste, Víctor Pinchuk. O tándem Yushenko-Timoshenko acordara revisar estes procesos, pero a primeira ministra levou adiante unha serie de medidas xudiciais favorables a outros empresarios. Isto provocou unha profunda ruptura co presidente. A pugna política entre Yushenko e Timoshenko era a expresión doutra pelexa entre os empresarios Pinchuk e Poroshenko, os dous homes mais ricos do país e con fortunas sinaladas entre as mais importantes na Europa do Leste, e que buscaban conservar e ampliar as súas redes de influencia no poder.

A combinación de política e negocios pasa factura a Yushenko. Este, Timoshenko e o presidente do parlamento, Vladimir Litvin (quen propiciara o entramado lexislativo da transición post-Kuchma), acordaron ir xuntos nas lexislativas do 2006. Pero as críticas de Litvin contra o presidente por "non afastarse do legado de Kuchma" e a destitución de Timoshenko (quen, de seguro, buscará unha candidatura) afondou a actual crise. O substituto de Timoshenko é Yuri Yejanurov, gobernador da rexión industrial de Dnepropetrovsk, e viceprimeiro ministro cando Yushenko fora xefe de goberno, no 2000.

Para xustificar o cese do goberno, Yushenko acusou a antigos colaboradores de "traizoar a súa confianza". ¿Referíase entón a Timoshenko, a Litvin, e outros, agora considerados como as "laranxas podres" da revolución? ¿Ata qué punto Yushenko non é o centro dunha crise aínda mais grave?