Unión Europea: Iraq?, non sabe, non contesta

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

A guerra dos EEUU contra Iraq, a pesar do seu obxectivo de asegura-lo acceso libre ó petróleo iraquí, tivo un efecto moi ben recibido nos Estados Unidos, se é que non foi un paso planeado dos estrategos en Washington: a ruptura dentro da Unión Europea. Nas ultimas décadas, a Unión converteuse nun competidor serio da primeira potencia mundial, sobre todo no ámbito económico, pero tamén político.

Despois da guerra, o presidente dos Estados Unidos excluíu ós países que estaban en contra da guerra da concorrencia polos contratos de reconstrucción. Obviamente a división entre pro- e antiguerristas continúa. E como se pode debilitar a un opoñente mellor que debilitándoo na súa propia estructura?

A política exterior da Unión esta derrotada. Tódolos órganos da Unión, que representan á Unión nos asuntos exteriores, néganse a menciona-lo tema de Iraq. A Comisión e o comisario de Asuntos Exteriores lamentan a decisión respecto ós contratos de reconstrucción e queren examinar si cumpre coas normas da Organización Mundial do Comercio (OMC). O presidente da Comisión, Romano Prodi, expresa a súa compaixón polas víctimas, os soldados aliados que faleceron ultimamente. Pero isto non é dabondo para falar de política exterior. Nin moito menos dunha que teña importancia no resto do mundo.

Javier Solana, o Alto Representante da Política Exterior e de Seguridade Común, non foi quen de uni-las posicións dos diferentes gobernos dentro da Unión antes da guerra. Semella que despois deste fracaso resignouse. O Parlamento Europeo cala, do mesmo xeito que a nova Presidencia do Consello, que menciona o problema de Iraq no seu programa sen especificar unha posición ou un plan para enfronta-lo problema no futuro. Efectos da crise son o fracaso da nova Constitución da Unión e da creación dun novo posto de ministro de Asuntos Exteriores.

Despois de provoca-la guerra en Iraq, os Estados Unidos seguen mandando no escenario político e económico mundial. Respecto á política temos visto como os EEUU son capaces de ignora-lo Dereito Internacional, de pórse por riba das normas da ONU, a única organización aceptada pola maioría dos países no mundo, e que conseguiron dividi-la Unión Europea, unha unión que até o de entón foi, a pesar de moitos problemas internos, estable.

A ruptura dentro da Unión Europa non só se demostra no ámbito político, senón tamén na división entre os países que poden e aqueles que non poden competir polos contratos de reconstrucción en Iraq. Por suposto a economía da Unión Europea non depende destes contratos, pero unha vez máis é un acto simbólico que pon ós países en prol da guerra ó carón dos Estados Unidos e non, como debería ser nunha Unión económica e política, xuntos os membros desta Unión.

A hipocrisía desta decisión é evidente: a oferta de Bush hai unhas semanas -que a partir deste momento as compañías canadenses poden competir por contratos- coincide coa chegada dun novo xefe de goberno, Paul Martin, e é máis ben unha tentativa de reconstruí-la súa relación con Canadá. Baixo o anterior primeiro ministro, Jean Chretien, Canadá foi un dos países que rexeitou participar na guerra e por iso foi excluído xunto a Alemaña, Francia e Rusia, entre outros.

E a reconstrucción de Iraq está a fallar.Porque se trata menos de reconstrucción que de negocios e como facer a maior cantidade de diñeiro posible. E iso non só por parte dos Estados Unidos; os opoñentes da guerra tiñan, a pesar dos seus nobres motivos difundidos pola prensa, intereses económicos significativos, xa que as empresas de infraestructuras que se beneficiaron no mercado iraquí até a guerra, eran, en grande parte, alemanas, francesas e rusas.

Arestora, os Estados Unidos mandan en Iraq, e iso a base dunha mentira. Din que queren darlle ó pobo iraquí a soberanía o máis cedo posible, pero, que é a soberanía política sen a soberanía económica?

Nos tempos do capitalismo avanzado ningún país posúe toda a soberanía económica, pero se todo o capital esta nas mans das empresas estadounidenses ou multinacionais, e se estas teñen o dereito a construí-la súa economía, entón isto si é un problema de soberanía.

Nada se escoitou sobre a revisión dos contratos polas normas da Organización Mundial do Comercio, e a Comisión non insistiu nun cambio na decisión estadounidense.E como a Unión Europea non ten unha posición firme cara á actitude dos Estados Unidos, eles non ampliarán a listaxe dos países que poden participar na reconstrucción.

Este caso é un bo exemplo de como a Unión Europea perde importancia se a súa posición non é unitaria. Se os intereses nacionais se poñen por riba do interese comunitario, e se eses intereses lle impiden á Unión actuar coma unha tal Unión, daquela a Unión se atopa nunha crise seria.

A Unión Europea quere representar unha alternativa á política de Washington? Pois cómpre mante-la súa unidade. De non ser así, a Unión vai fracasar política e economicamente. É o momento de buscar alternativas para converte-la diversidade dos países membros no maior capital da unión e non para manter un silencio sepulcral.