20040714zulia venezuela uribe chavez

Uribe, Chávez e as FARC

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
A pesar de que nos últimos meses as relacións entre Uribe e Chávez marchaban por bo camiño, o "caso Granda" elevou ao seu punto máis álxido as acusacións de supostas conexións entre Chávez e as FARC: Uribe acusou a Chávez de "albergar terroristas" no seu territorio, polo que Chávez esixiu disculpas, aínda non devoltas, mentres dende Washington, o estreo de Condoleeza Rice como secretaria de Estado produciuse cunhas declaracións reafirmatorias de que Chávez "é un factor de inestabilidade" en América do Sur. (Foto: Encontro entre Hugo Chávez e Álvaro Uribe no Complexo Petroquímico de El Tablazo, estado Zulia, Venezuela 14/07/2004).
 

A crise diplomática na que se atopan Colombia e Venezuela trala detención de Rodolfo Granda, catalogado como o "chanceler" das FARC, manifesta un imprevisíbel escenario de eventual expansión do conflicto colombiano nun momento no que a "guerra internacional contra o terrorismo" impulsada por Washington, apunta tamén aos movementos insurxentes. Se ben o problema ten que ser contextualizado no marco da cada vez maior rexionalización do "Plan Colombia" e a incomodidade que para Washington e Bogotá supón o goberno de Chávez, acusado de ter vencellos coa guerrilla colombiana, a dinámica do enfrontamento Caracas-Bogotá non parece traspasar os canais dunha retórica subida de ton.

En primeiro lugar, a operación de detención de Granda en Caracas, a pesar de que as autoridades colombianas insisten na súa detención na cidade fronteriza de Cúcuta, onde funcionarios dos servizos de seguridade supostamente sobornaron aos seus homólogos venezuelanos, reviste un claro carácter de ilegalidade pola violación da soberanía territorial venezuelana, aínda que o goberno de Uribe pretenda verse revestido de lexitimidade nesta operación, amparada na súa política de "seguridade democrática", respaldada por Washington. O "caso Granda" ten unha similitude ineludíbel coa detención, hai exactamente un ano en Ecuador, doutro alto cargo das FARC, Simón Trinidad. Daquela, o goberno ecuatoriano do ex coronel Lucio Gutiérrez (admirador de Chávez) nin siquera protestou como si o fixo nesta ocasión o goberno de Chávez, ata o punto de conxelar os intercambios comerciais co seu veciño.

Do mesmo xeito, o feito de que un alto cargo da máis importante guerrilla latinoamericana estivera en Caracas, ata onde se coñece desde o pasado mes de decembro, participando nun congreso internacional de intelectuais, deixa en evidencia ao goberno de Chávez. No ano 2000, as FARC anunciaron a creación dun "movemento bolivariano" que se declarou afín á revolución de Hugo Chávez. A posición oficial de Caracas de non outorgar carácter belixerante ás FARC irritou a Bogotá e provocou certos roces diplomáticos, toda vez que o Plan Colombia avanzaba con forza, especialmente trala chegada de Uribe Vélez á presidencia.

Cun Plan Colombia reforzado desde Washington e as continuas perdas militares da guerrilla contra o Exército colombiano nestes últimos meses, sumados ao proceso de desmilitarización dos paramilitares, o presidente Uribe atopouse nunha sólida posición. A pesar de que nos últimos meses as relacións entre Uribe e Chávez marchaban por bo camiño, o "caso Granda" elevou ao seu punto máis álxido as acusacións de supostas conexións entre Chávez e as FARC: Uribe acusou a Chávez de "albergar terroristas" no seu territorio, polo que Chávez esixiu disculpas, aínda non devoltas, mentres dende Washington, o estreo de Condoleeza Rice como secretaria de Estado produciuse cunhas declaracións reafirmatorias de que Chávez "é un factor de inestabilidade" en América do Sur.

Deste xeito, a retórica incendiaria chegaba tamén dende a Casa Branca, e Chávez retrucaba acusando aos EEUU de estar "detrás do conflicto" na súa intención de evitar a integración sudamericana. A súa intención, evidentemente, era conseguir apoios diplomáticos entre os seus veciños do Mercosur. Xa antes destas declaracións, o presidente brasileiro Lula da Silva e o chileno Ricardo Lagos se ofreceron como mediadores na crise diplomática e o propio presidente español, Zapatero, de xira pola rexión, amosou o seu interese na resolución da crise.

A pesar das históricas reclamacións limítrofes en torno ao Golfo de Venezuela e a península da Guajira, ademáis das diferencias ideolóxicas entre o conservador Uribe e o "revolucionario" Chávez e a aplicación dun Plan Colombia ao que Chávez se opón firmemente, as razóns para un achegamento entre Caracas e Bogotá son aínda maiores. Independientemente da afinidade cultural, o intercambio comercial nunha zona de libre comercio desde hai 15 anos, provoca unha sólida relación fronteriza con balance positivo, especialmente de lado colombiano: se estima en 1.300 millóns de dólares anuais a facturación do intercambio. Do mesmo xeito, a construción dun gasoducto colombo-venezuelano na península da Guajira é outro proxecto de achegamento, no que tamén Washington e agora Beijing (tralos acordos petroleiros entre Venezuela e China) teñen moito interese.

Retórica incendiaria ou verdadeiro conflicto rexional? Se a diplomacia non ten cabida, un posíbel enfrontamento colombo-venezuelano provocaría unha decisiva e perigosa desestabilización na área sdramericana. En vez de xogar á guerra, Uribe e Chávez deberían revisar en qué fallaron para chegar a este situación.